Cargando....
Concello de Lugo
01/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Entra en servizo o novo alumeado público de varias rúas do casco histórico, co que se mellora a iluminación e se reduce o consumo


# Xoves, 19/04/2012
A actuación comprende as rúas Teatro, Ánxel Fole, Progreso e parte de Nóreas e supuxo un investimento de 120.000 euros

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, anuncia que a seguinte fase afectará ao entorno da Praza de Ferrol, unha vez renovada xa a zona de Santo Domingo e a rúa San Marcos

Esta noite entra en funcionamento a nova iluminación pública da Rúa do Teatro, Ánxel Fole, Progreso e parte da Rúa Nóreas, unha intervención que contou cun orzamento de 120.000 euros
segundo informou esta mañá en rolda de prensa a concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, que detallou ademais unha serie de medidas que se porán en marcha dende o seu departamento dentro da Axenda 21 para reducir a factura eléctrica que paga cada ano o Concello de Lugo polo alumeado público da cidade.

Paz Abraira explicou que o alumeado público existente nestas rúas do casco histórico cumprira sobradamente o seu ciclo de vida, con máis de 20 anos de antigüidade. O proxecto de substitución do mesmo inscríbese no Convenio para a Área de Rehabilitación Integral do casco histórico, financiado polo Concello, a Xunta de Galiza e o Goberno central.

A concelleira nacionalista explicou que para a elección das unidades luminosas buscouse “o respecto ao entorno e a boa aparencia estética”, tanto de día como de noite, respectando a zona histórica na que se inscribe a obra, coa finalidade de crear unha imaxe nocturna positiva da cidade. En canto a obra civil, foi necesaria a apertura dunha gabia para a colocación das arquetas e canalizacións subterráneas e todos aqueles elementos de fábrica necesarios.

Os elementos luminosos son farolas de fundición, moito máis resistentes, e brazos e faroles do mesmo material, naquelas zonas onde se iniciara esta tendencia e o aconsella o carácter deste material e luminarias cun deseño claro e sólido máis moderno noutras zonas. En total, foron instaladas 27 puntos de luz, 13 en farolas de apoio vertical en os restantes colocados en fachadas de edificios destas rúas. Cómpre destacar que ata agora tanto a rúa do Teatro como do Progreso carecía destas farolas de apoio vertical coas que estas rúas gañarán en calidade estética, posto que as farolas existentes ata agora foran instaladas exclusivamente nas fachadas dos edificios nos tempos en que estas rúas non eran aínda peonís. Unha vez entre en funcionamento esta noite a nova iluminación, serán retiradas as farolas antigas.

A potencia total instalada en lámparas é de 4.600w (sumándolle os equipos chegaría a 5.268w). Prevese un consumo total de enerxía de 22.586 Kwh/ano cun custe anual aproximado de 3.387€/ano.

Seguinte fase: Praza de Ferrol

Paz Abraira explicou que coa entrada en funcionamento hoxe da nova iluminación destas rúas avanzase notablemente na renovación da iluminación do casco histórico. Neste sentido, anunciou que a seguinte zona onde se actuará será o entorno da Praza de Ferrol, unha vez renovado xa tamén o alumeado do entorno da Praza de Santo Domingo, que entrou en funcionamento en setembro pasado despois dun investimento de 186.500 euros, así como tamén o da rúa e a Praza de San Marcos.

A concelleira nacionalista tamén explicou que as obras que hoxe entran en funcionamento contaron co preceptivo control arqueolóxico previo que fixa a lexislación para os cascos históricos, que tivo un custe de 6.796 euros. Estas catas descartaron a existencia de achádego algún nas zonas nas que se actuou, explicou a responsable de Infraestruturas do Concello.

Paz Abraira anunciou que esta será unha práctica habitual en todas as obras que se fagan no casco histórico a partir de agora para sacar á luz todos os valores patrimoniais e arqueolóxicos ocultos que ten aínda Lugo. Por iso, anunciou, aproveitaranse as obras que se fagan no casco histórico para ir coñecendo pouco a pouco o que Lugo agocha no seu subsolo. A obra renovación da iluminación da praza de Santo Domingo, proxectada no anterior mandato, non contou con control arqueolóxico previo, feito polo cal a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza lle abriu un expediente sancionador ao Concello por incumprimento da lexislación nesta materia.

Nova política de aforro enerxético

Paz Abraira anunciou tamén unha serie de medidas para conseguir reducir a factura eléctrica que o Concello paga cada ano pola iluminación pública urbana, que supón máis de 2,3 millóns de euros para as arcas do Concello. Explicou que o Concello paga ao ano 1,1 millóns de euros en concepto de electricidade polo alumeado público, ao que lle hai que sumar o custo de mantemento da rede, que é de outros 1,2 millóns de euros ao ano. A concelleira nacionalista dixo que o obxectivo de cara ao futuro é mellorar a eficiencia enerxética das 13.000 farolas que hai na cidade para reducir ese custo, “máis tendo en conta o actual prezo da enerxía”, dixo. Tamén anunciou a substitución das bombillas de mercurio, que consumen máis e son máis contaminantes, por novas luminarias de sodio de alta presión.

En canto aos custos de mantemento, explicou que dende a súa chegada á concellería de Infraestruturas fixéronse cambios con respecto ao que se viña facendo. Por exemplo, unificáronse os modelos de farolas para reducir gastos en recambios e simplificar os traballos de reparación en caso de avarías. Tamén teñen un papel moito máis activo agora os servizos técnicos municipais, que son os encargados de realizar todos os proxectos e supervisar as obras. “Os proxectos de enxeñería e de iluminación son redactados polos propios servizos técnicos do Concello, onde hai persoal altamente cualificado, evitando ter que encargar proxectos fóra, como se facía ata agora, co que reducimos notablemente os custos destes traballos e optimizamos os recursos públicos”, dixo a nova concelleira de Infraestruturas.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova