Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo mantén o apoio á igualdade a pesares da crise presentando o III Plan pola Igualdade de Oportunidades


# Xoves, 19/04/2012
Carmen Basadre destacou “que nesta época é máis importante fomentar a igualdade xa que os que máis sofren os recortes son as mulleres”

Imaxe Asociada
Tamén se presentou un balance do II Plan de Igualdade vixente entre os anos 2008-2011

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, presentou o III Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes do Concello de Lugo que ten unha vixencia de tres anos no Foro de Igualdade que se celebrou esta mañá.

O III Plan de Igualdade vertébrase sobre o principio de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal. Foi deseñado co obxectivo prioritario de seguir incorporando a transversalidade en todas as políticas de intervención municipal para fomentar e impulsa unha participación igualitaria da poboación en todas as esferas da vida pública.

Carmen Basadre referiuse a que “pese a crise, o Goberno Municipal, seguimos apoiando e apostando no compromiso para alcanzar esa igualdade de xénero avanzando nun sistema democrático e igualitario preocupado polo benestar da cidadanía. E unha proba deso é a aprobación deste Plan”. A Concelleira explicou que se trata dun documento estratéxico que nos vai a “servir para traballar transversalmente en todas as áreas do Concello de Lugo e que vimos desenvolvendo dende o ano 2005.”

Polo tanto, trátase dun documento aberto que por unha parte, dá continuidade e afonda nalgunhas actuacións iniciadas polos anteriores plans e, por outro lado, introduce novas iniciativas e medidas coa finalidade de dar resposta ás novas problemáticas sociais. Contempla entre as súas áreas prioritarias a participación social, a diversidade e sensibilización cidadá, a educación, cultura e o deporte, a formación e emprego, a prevención e atención integral da violencia de xénero, a conciliación e corresponsabilidade e o benestar social e saúde. Todas elas recóllense a través de 7 áreas de intervención nun total de 101 actuacións previstas para acadar os 26 obxectivos que se propoñen.


Balance do II Plan de Igualdade
A Concelleira de Benestar Social, Xuventude e Igualdade tamén anunciou que xa se presentaron no Foro da Igualdade as conclusión finais do II Plan de Igualdade de Oportunidades. Neste caso estaba composto por 27 obxectivos e 122 accións divididas en 9 áreas diferentes: A igualdade na Administración local; Participación cidadá; Educación, cultura e deporte; Formación e emprego; Violencia de xénero; Difusión, sensibilización e comunicación; Calidade de vida: saúde, lecer e tempo libre; Servizos sociais, solidariedade e inmigración; e Urbanismo, medio ambiente e accesibilidade.

Algunhas das doce propostas de futuro que acordaron é seguir traballando para que todos os servizos municipais contemplen os datos desagregados por sexo en todos os estudos, informes, plans e a introdución da variable sexo en todos os procedementos de recollida de información. Tamén recomendan continuar na normalización do uso dunha linguaxe non sexista nas disposicións, normativas, expedientes, comunicacións e demais documentos do Concello, incidindo na páxina web municipal e nos carteis e rótulos informativos das dependencias municipais ou continuar coa realización de xornadas e obradoiros de prevención da violencia de xénero nos centros educativos dirixidos a toda comunidade educativa e, especialmente, a adolescentes e mocidade.
Seguir impulsando a participación das mulleres na rede asociativa do municipio mediante a dinamización e o apoio continuo, fomentando o movemento feminista e realizando obradoiros formativos en materia de xénero para asociacións e colectivos.

Dentro das principais actividades que se enmarcaron dentro do II Plan foron as accións de sensibilización contra a violencia de xénero, a igualdade ou a creación de certames de narrativa como “Entre iguais” e de fotografía “Revelando o machismo”, entre moitas outras.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova