Imprimir

O GOBERNO LOCAL REIVINDICA QUE SE CUMPRA O PLAN PARADAI


20/4/2012 O Alcalde e os Concelleiros de Infraestruturas e Urbanismo recibiron no Concello ós representantes da Plataforma pola Defensa da Zona Norte

O Goberno local comparte coa Plataforma pola Defensa da Zona Norte a reclamación de que se cumpran os prazos previstos para a execución do Plan Paradai por parte da Xunta de Galicia. Así se puxo de manifesto na xuntanza que mantiveron hoxe, no Concello, o Alcalde, José López Orozco, e os Concelleiros de Infraestruturas, Paz Abraira, e Urbanismo, Luis Álvarez, con representantes da Plataforma pola Defensa da Zona Norte-Lugo.

A reunión celebrouse a solicitude da Plataforma, que está composta pola Federación de Asociacións de Veciños e Unave e nela participaron os presidentes así como membros das directivas das dúas entidades que representan ós distintos colectivos veciñais de Lugo.

Segundo explicou o Alcalde trala xuntanza, “nós explicamos os pasos dados polo Concello para a cesión dos terreos e tamén deixamos claro que queremos que se fagan xa as obras previstas no Plan Paradai”.

Os representantes da Plataforma pola Defensa da Zona Norte-Lugo anunciaron que presentarán un escrito ós grupos políticos da Corporación municipal no que pedirán que o Pleno do Concello debata sobre a execución completa do Plan Paradai e tamén solicitarán que un portavoz da Plataforma interveña na sesión plenaria durante o debate.