Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A cuarta edición dos "Sons Creativos" explorará a relación entre música e natureza


# Martes, 24/04/2012
Terá lugar os días 11 e 12 de maio e achegará a Lugo distintas conferencias, concertos experimentais, performances

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, destacou a “tradición musical de Lugo” con compositores como Xoán Montes, Pascual Veiga, Bal e Gay ou Rosendo Mato

O Grupo de Creación Musical da USC (GCMUS), dirixido por Inmaculada Cárdenas, organiza en Lugo por cuarto ano o encontro ‘Sons Creativos’, que se celebrará os días 11 e 12 de maio na Casa do Saber. Nesta cuarta edición, o certame estará dedicado ao compositor José Luis Carles Arribas, recoñecido investigador en temas de percepción sonora, análise cualitativa do medio ambiente sonoro e interacción entre estímulos visuais e auditivos. Relatorios, mesas redondas, concertos, obradoiros, instalacións sonoras e performances configuran un amplo programa integrado baixo o título común ‘Música e natureza’, temática que servirá como fío condutor de todas as actividades.

No acto de presentación do encontro, celebrado esta mañá no Concello de Lugo, participaron o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o nacionalista Antón Bao; o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o coordinador da Área Cultural da Delegación da Xunta de Galicia en Lugo, José Carlos Rodríguez Andina; e a directora do GCMUS e do programa ‘Sons Creativos’, Inmaculada Cárdenas.

Antón Bao destacou a “importante tradición musical de Lugo”, con compositores de renome como Xoán Montes, Pascual Veiga, Bal e Gay ou Rosendo Mato e indicou que actividades coma esta ou a Escola de Música que proximamente porá a andar o Concello de Lugo “contribúen a manter vivo o facho da música e a creación musical na nosa cidade”.

Este encontro enmárcase dentro da oferta do programa Lugo Cultural para o ano 2012, que organizan conxuntamente a USC, a Deputación e o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia.

Programa de actividades

O venres 11 a xornada ábrese ás 9.30 horas coa mesa redonda ‘Música e natureza: ecoloxía’, a cargo de José Luis Carles Arriba, Cristina Palmese, Juan Gil López e Carlos Suárez. Ás 12.00 horas celebrarase unha segunda mesa redonda, baixo o título ‘Música, natureza: pedagoxía’, na que intervirán Adolfo Murillo Ribes, Elena Hidalgo e Mónica Álvarez.

Entre as dúas mesas levarase a cabo a inauguración oficial do encontro e a presentación do DVD Música, espazos e cidade, no que se recollen as obras estreadas nas tres edicións anteriores.

Na sesión de tarde haberá unha nova mesa redonda (16.30 horas), denominada ‘Música e natureza: tecnoloxía e medios de comunicación’, na que participan Miguel Molina, Rocío Garriga Inarejos, Juan Antonio Lleó, Jesús Otero-Iglesias e Arturo Vaquero.

A xornada do venres péchase ás 20.00 horas cun concerto colectivo a cargo dos participantes nas mesas redondas (acompañados de estudantes das súas universidades de procedencia) e de membros do GCMUS.

O sábado 12 haberá unha derradeira mesa redonda (9.30 horas) sobre ‘Música e natureza: historia e creación sonora’, na que estarán Inmaculada Cárdenas, Javier Garbayo e Miguel Molina, así como alumnos de José Luis Carles Arribas na Universidade Autónoma de Madrid. Ás 11.30 horas desenvolverase un taller de creación a cargo de Carlos Suárez, e o encontro rematará ás 13.30 horas cunha performance na que actuarán Berio Molina e María Roja.

Os organizadores destacan “a importancia do intercambio con outras universidades nas que se realizan traballos musicais experimentais”. Así, nesta edición de ‘Sons Creativos’ haberá representantes da Universitat de València, da Universidad Autónoma de Madrid, da Universidad de Castilla-La Mancha e da Universidad de Valladolid, ademais de músicos, artistas plásticos e historiadores.

Todas as actividades do programa están abertas ao público en xeral, e o programa está recoñecido cun crédito de libre configuración para os estudantes universitarios que o soliciten.

Grupo de Creación Musical da USC

O Grupo de Creación Musical da USC nace no ano 1996 e está dirixido por Inmaculada Cárdenas. A idea do grupo era e é desenvolver a creación musical contemporánea, a partir dos conceptos de música concreta e música electroacústica.

O primeiro proxecto que o grupo desenvolveu foi a obra Mosteiro Suite, obra electroacústica dedicada ao mosteiro de Sobrado dos Monxes da Coruña e ó inicio da ópera Serea e o Contador de Contos inspirada nun conto do escritor Gonzalo Torrente Ballester.

Dende ese momento ata hoxe o GCMUS traballou activamente tanto en proxectos con outros espazos da propia universidade como en proxectos coa cidade.

Relación de OBRAS CREADAS E EDITADAS:
2001: Música&Arquitectura
    O Museo
    Mosteiro Suite
    A memoria e os xogos
    La Línea-La Habana
2002: Ópera Serea e o contador de contos
2007: O Grupo de creación musical en concerto:
    Motores
    Prais das Catedrais
    Oratorio do Caldeiro de Santo Agostiño
    Formigas
2009: Música e entorno
    Paisaxes sonoras imaxinarias
    Paseo pola Muralla
    As señoritas de Carabanchel
    Ensaio
    A Morte do Dansak. Conto radiofónico
    Divertimento xoguetes

O día 11 de maio, no acto de inauguración dos 4º SONS CREATIVOS, presentarase un CD-DVD, recompilación das obras resultado do traballo das tres anteriores edicións destes encontros de creación sonora.

José Luis Carles Arribas

Despois destes 16 anos de traballo, investigación e composición, o Grupos de Creación Musical da Universidade de Santiago- GCMUS adicou este ano á “Música e Natureza” e ao o compositor José Luis Carles, recoñecido investigador en temas de percepción sonora, análise cualitativa do medio ambiente sonoro, interacción entre percepción visual e percepción sonora, e compositor de paisaxes sonoras. Esta convocatoria contará ademais coa participación doutras personalidades da música e da arte sonora contemporánea.

A relación da música coa natureza enfocada desde a contemporaneidade ten como principal marco a paisaxe sonora, sen esquecer outras vertentes da relación da música coa natureza a través das artes plásticas ou da historia da música. A arte e a paisaxe sonora, a música electroacústica e as músicas experimentais, as instalacións sonoras, as performances e outras manifestacións teñen cabida nesta convocatoria dos Sons Creativos.

Debemos destacar que o intercambio con outras universidades nas que se realizan traballos musicais experimentais é fundamental dentro deste ciclo. Este ano contaremos con representantes da Universitat de València, da Universidad Autónoma de Madrid, da Universidad de Castilla-La Mancha e da Universidad de Castilla-León. Ademais están invitados os compositores e creadores Miguel Molina, Rocio Garriga, Antonio Alcázar, Elena Hidalgo, Adolfo Murillo Ribes, Juan Antonio Lleó, Cristina Palmesa e os artistas galegos Juan Gil López, Carlos Suárez e Berio Molina do espazo interactivo escoitar.org. Tamén contaremos nestes Sons Creativos, coa participación do artista plástico Jesús Otero-Iglesias e do historiador da música Javier Garbayo e, coma sempre, coa participación dos membros do Grupo de Creación Musical da USC (GCMUS) Mónica Álvarez, Arturo Vaquero, Efraím Díaz e Inmaculada Cárdenas.

As actividades dos 4º Sons Creativos están abertas ao público, pero están pensadas para os universitarios que queiran coñecer estes temas de forma directa. Por iso, como en anteriores convocatorias, estas actividades están recoñecidas cun crédito de libre configuración.

No concerto colectivo do venres 11 de maio, estrearanse as obras que están sendo realizadas, tanto polos membros do GCMUS, como polo profesorado invitado en colaboración co alumnado das súas universidades, algún do cal nos acompañará neses dous días.

PROGRAMA 4Sons Creativos
“Música e natureza”
Dedicado a José Luis Carles


CASA DO SABER
11-12 de maio de 2012

Venres, 11 de maio

9:00 a 9,30 h
Entrega de acreditacións

9:30 a 11:00 h
Relatorio e mesa redonda sobre “Música e natureza: ecoloxía” a cargo de José Luis Carles, Cristina Palmese e Juan Gil López e Carlos Suárez, do espazo interactivo escoitar.org.

11:00 a 11:30 h
Inauguración dos 4º Sons Creativos e presentación do DVD Música, espazos e cidade no que se recollen as obras creadas e estreadas nas tres edicións anteriores dos Sons Creativos.

12:00 a 13:30 h
Relatorio e mesa redonda sobre “Música, natureza: pedagoxía” a cargo de Adolfo Murillo Ribes, Elena Hidalgo e Mónica Álvarez, profesorado e compositores pertencentes a diferentes estamentos da educación: escola, ensino medio e universidade.

16:30 a 18:00 h
Relatorio e mesa redonda sobre “Música e natureza: tecnoloxías e medios de comunicación”a cargo de Miguel Molina, Rocío Garriga Inarejos, Juan Antonio Lleó, Jesús Otero-Iglesias e Arturo Vaquero.

18:30 a 20:00 h
Ensaios e preparación do concerto.

20:00 h
CONCERTO COLECTIVO con obras José Luis Carles e Cristina Palmese, Miguel Molina, Rocio Garriga, Juan Antonio Lleó, Elena Hidalgo, Antonio Alcázar, Adolfo Murillo Ribes, Juan Gil López, Carlos Suárez e dos membros de GCMUS: Inmaculada Cárdenas, Arturo Vaquero, Mónica Álvarez e Efraím Díaz.

Sábado, 12 de maio:

9:30 a 11:00 h
Relatorio e mesa redonda sobre “Música e natureza: historia e creación sonora” a cargo de Inmaculada Cárdenas, Javier Garbayo, Miguel Molina e os alumnos/as de José Luis Carles da Universidade Autónoma de Madrid (UAM), Jesús Barranco, Estrella Sánchez e Laura María García.

11:30 a 13:30 h
Taller de creación a cargo de Carlos Suárez de escoitar.org.

13:30 h
Presentación dunha performance a cargo de Berio Molina e María Roja e clausura dos 4º Sons Creativos



Actividade recoñecida cun crédito de libre configuración

Diplomas: Expedirase o correspondente certificado de asistencia e bo aproveitamento ás persoas inscritas que asistiran polo menos ao 80% das horas.

INFORMACIÓN E MATRÍCULA:
Área de Cultura. Campus de Lugo
Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo
Praciña da Universidade, s/n
27001 Lugo
Tfno.: 982 821 513

Prazo: do 24 de abril ao 7 de maio (de 9:00 a 14:00 h)
Taxa xeral: 20 €
Taxa reducida : 10 € (comunidade universitaria da USC, estudantes universitarios e de FP, persoas desempregadas e pensionistas)



Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova