Cargando....
Concello de Lugo
01/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Policía Nacional e Policía Local intensificarán a súa coordinación na loita contra a delincuencia


# Martes, 24/04/2012
A Xunta Local de Seguridade de Lugo acordou incrementar a colaboración dos efectivos de seguridade cidadá

Imaxe Asociada
Os integrantes da Xunta Local de Seguridade do Concello de Lugo destacaron esta mañá a importancia do traballo conxunto e coordinado dos efectivos de Policía Nacional e Policía Local en materia de seguridade cidadá, co obxectivo de seguir mellorando tanto a prevención de feitos delictivos no municipio como o esclarecemento dos mesmos.

Esta vontade de incrementar a colaboración común foi expresada no transcurso da reunión da Xunta Local de Seguridade do Concello de Lugo, presidida polo Alcalde, José López Orozco, e o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo. Á xuntanza asistiron tamén o comisario xefe da Policía Nacional de Lugo, Manuel Teijeiro; o xefe da Comandancia da Garda Civil, Gonzalo Borrás; o xefe provincial da Policía Autonómica, Elisardo Fernández, e o xefe da Policía Local, Manuel Méndez Novo, entre outros.

Os asistentes á xuntanza referíronse á necesidade do traballo conxunto dos diferentes corpos policiais para facer un seguimento da evolución da prostitución no barrio da Tinería, os asentamentos ilegais ou os manteiros co obxectivo primordial de manter a seguridade cidadá. Así, neste intre e en apoio ao labor do Concello, a Policía Nacional presta xa a súa colaboración mediante labores de vixianza e a realización dos controis pertinentes (drogas, estranxeiría,…) que permitan detectar posibles situacións ou feitos constitutivos de delito. A Xunta de Seguridade acordou reforzar esta coordinación, mellorando a efectividade das actuacións e evitando duplicidades.

No caso concreto dos manteiros, os asistentes destacaron que é un problema que hai que atallar ao longo de todo ano, e non só coincidindo con festexos como o Arde Lucus ou o San Froilán, e animaron a comerciantes e representantes das marcas a denunciar a venta dos produtos falsificados para facilitar a labor policial.

Á marxe de situacións concretas, os membros da Xunta de Seguridade incidiron na necesidade de manter a presenza activa de axentes tanto na zona urbana como na rural -o que supón un despregue importante para dar cobertura aos 332 quilómetros de territorio municipal- xa que ademais dos labores de vixianza, actúan como medida disuasoria para os delincuentes.

Para mellorar as cotas de seguridade na zona rural de Lugo, incidiron tamén na importancia da colaboración cidadá. Neste sentido, animan aos veciños e veciñas a que, por exemplo, en caso de detectar persoas ou vehículos sospeitosos, chamen directamente aos teléfonos 091, 092 ou 062, o que posibilitará unha intervención inmediata da policía.

Así mesmo, a Policía Nacional manterá os programas de participación cidadá e as charlas informativas que imparten nas diferentes zonas do municipio para informar e aconsellar á poboación sobre como previr os roubos e outros delitos.

AS CIFRAS
Os membros da Xunta Local de Seguridade sinalaron como o seu obxectivo principal manter a Lugo entre as cidades máis seguras, buscando as fórmulas axeitadas que contribúan a reducir os feitos delictivos e a seguir mellorando as cotas de seguridade.

Segundo os datos oficiais presentados na xuntanza, o índice de criminalidade no municipio Lugo foi de 26,95 infraccións penais (suma de delitos e faltas) por cada mil habitantes, o máis baixo das sete grandes cidades galegas, cunha media de 31,29 por mil.

Os datos do primeiro trimestre deste ano reflexan unha tendencia á baixa dos delitos cometidos na zona, cun descenso do 16,24% con respecto ao mesmo período do ano anterior, ao pasar de 351 a 294.

As actas por posesión e consumo de drogas na vía pública duplicáronse este ano ao igual que as de intervención de armas ou obxectos perigosos, o que demostra o traballo e a forte presión que os axentes realizan nas rúas da cidade.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova