Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A terceira Gala Lvcvs Moda homenaxeará a Terras do Miño no 10º aniversario da súa declaración coma Reserva da Biosfera pola UNESCO


# Mércores, 25/04/2012


Imaxe Asociada Imaxe Asociada

López Orozco, Gómez Besteiro e representantes da moda lucense presentaron o evento, que terá lugar o 8 de maio no Círculo das Artes e contará coa participación de 5 firmas de deseño, 15 de artesanía e 10 perruquerías con experiencia en pasarela

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañados polo deseñador Luis Areñas, a artesá Yolanda Álvarez e o perruqueiro Eduardo Souto, en representación de todos os sectores participantes, presentaron este mércores a terceira edición da Gala Lvcvs Moda, que terá lugar o vindeiro 8 de maio no Círculo das Artes lucense e homenaxeará a Terras do Miño polo 10º aniversario do seu recoñecemento pola UNESCO como Reserva da Biosfera. O acto, celebrado precisamente no Centro de Interpretación Terras do Miño, contou coa presenza dun nutrido grupo dos máis de 100 profesionais que participarán directamente no certame organizado polo organismo provincial e o Concello de Lugo: deseñadores, artesáns e perruquerías especializadas en moda, un sector este último que toma parte por vez primeira no evento. Gómez Besteiro destacou que a Deputación decidiu reeditar por terceiro ano consecutivo a Gala, a única da comunidade galega que se consolida, “debido ó interese que amosou o sector lucense da moda, xa que ten unha importante repercusión económica para os seus negocios, como constataron nas dúas primeiras edicións”.

As entradas para o evento, que volverá a contar cunha ampla cobertura mediática, tanto nacional, como internacional, estarán á venda a un prezo de 20 euros no Servizo de Protocolo da Deputación –no Pazo de San Marcos- en horario de mañá, e nos establecementos das firmas de deseño participantes. A Gala emitirase a través de numerosas canles de televisión grazas ó traballo dos alumnos de Produción e Realización Audiovisual da Fundación TIC, que serán os encargados de gravar todo o que aconteza sobre a pasarela e fóra dela, convertendo esta Gala nun escaparate perfecto para a promoción da moda feita na provincia. Como remate do evento, os asistentes poderán degustar unha selección de viños e produtos gastronómicos lucenses, como agasallo por parte dos creadores presentes na pasarela.

Como outra das moitas novidades, a Deputación editará e distribuirá entre os asistentes un díptico con toda a información necesaria para adquirir as creacións dos deseñadores e artesáns presentes na pasarela de moda, así como os servizos das perruquerías. Deste xeito, o organismo lugués reforza o impacto promocional e económico que xa de por si supón o evento para os profesionais participantes.

Esta terceira Gala Lvcvs Moda combina o obxectivo de difundir o patrimonio natural lucense -Lugo é a única provincia española que conta con máis do 50% do seu territorio declarado Reserva da Biosfera pola Unesco-, co xenuíno propósito de impulsar o sector do deseño lucense, que nos eidos da moda e da artesanía, xoga un papel destacado como xerador de riqueza e emprego. Tal e como subliñou Gómez Besteiro, “en momentos complicados todos sufrimos recortes, pero isto é unha inversión porque todos gañan”. Pola súa banda, López Orozco quixo destacar que o proxecto “é unha lección de optimismo, só fastidiaría que agora agocháramos o bo que temos”.

O deseñador Luis Areñas indicou que esta Gala quere “confirmar la repercusión económica tan positiva que tiene para las pequeñas empresas, que gracias a la pasarela han contratado a más personal, se han posicionado a nivel nacional e incluso internacional, y han incrementado sus ventas, además de estar más próximas al público”. A artesá Yolanda Álvarez destacou “o esforzo realizado nesta época de recorte por sacar adiante unha Gala que beneficia á artesanía, un sector en crise antes da propia crise”, mentres que o perruqueiro Eduardo Souto subliñou que o evento “sería inviable si no fuese por el apoyo de Diputación y Concello”, ademais de avogar “por la unión de la moda y la peluquería, pues no podemos ir por libre. Esto no es un gasto, es una inversión”.

Un centenar de profesionais
Máis de 100 profesionais participarán directamente na Lvcvs Moda. En deseño, contará coa presenza de 5 firmas: os talentos lucenses Manuel Bolaño, Sara Lage e Maru Calderón, Luis Areñas para Manuela López, Montse Arias e Inpe&Sons amosarán as súas últimas creacións sobre a pasarela.

Ó longo da velada darase a coñecer así mesmo o gañador do I Concurso de Novos Deseñadores lucenses, outra das novidades ideadas pola Deputación con motivo da Gala deste ano. O concurso fomenta os novos valores no deseño de moda, potencia a industria deste sector, e, principalmente, favorece o emprego xuvenil. Igualmente dedicado á Reserva Terras do Miño, a orixinalidade, calidade e creatividade dos deseños, a inspiración no medio ambiente e a presentación dos traballos serán tidos en conta por esta orde polos membros do xurado para nomear ó gañador, que será anunciado na Gala e recibirá 500 euros en metálico. Haberá outros dous galardóns, dotados con 300 e 200 euros, respectivamente.

A Deputación creou neste mandato por primeira vez unha área de goberno especificamente dedicada á artesanía e ó deseño, e o sector artesán terá unha vez máis unha presencia especial na Lvcvs Moda. Así, 15 firmas de artesanía mostrarán ó público as súas creacións de xoiería, marroquinería e outros complementos de vestir, que conxugan tradición e modernidade. Trátase de: Beatriz Valín e Chicha Lombao; Carmen López; Cecilia Carballo; Idoia Cuesta; Jara Rodríguez; María Rodríguez; Miguel Caamaño; Adolfo Domínguez; Pilar Rodríguez; Paula Dimé; Ramón Álvarez; Ramón Lleó; Noela Feal; Vidal Revilla; e Yanllan (formada por Yolanda e Laura Luz Álvarez Nieto).

Aínda que os peiteados e maquillaxes das modelos que lucirán os deseños sobre a pasarela estarán a cargo do IES Muralla de Lugo, en resposta á petición realizada polo sector o pasado ano, haberá un desfile profesional do que se ocuparán 10 centros de perruquería e estética con experiencia en pasarela, todos eles lucenses: Aluma, Attelier, Benjamín, Doana, Eduardo Souto, Galagroup, Mohana, Mönet, Pilar e René Velasco.

A Gala da moda lucense está consolidada como unha inmellorable oportunidade económica para todos os participantes. De aí o gran interese das firmas lucenses por tomar parte nesta iniciativa. Este ano hai 21 empresas colaboradoras: IES Muralla Romana; Conservatorio Profesional de Danza; restaurantes España, Mesón de Alberto e Koki García; hoteis Ciudad de Lugo e Méndez Núñez; o estilista Guillermo Fajardo; Rochas; Caramelo; Anna de Amigo; Modesto Santa Eularia; Cuplé; Senén; Ramón Rebolo; Dick&Paul; Messalina; Torques; Depidel e Porta Castelli.

Música de grupos da cidade
Por primeira vez, a ambientación musical da Gala correrá a cargo de grupos lucenses, en concreto, dos participantes no certame Xoves con Arte, unha iniciativa organizada pola Deputación e o Concello de Lugo para impulsar as novas agrupacións musicais da cidade. Grazas a ela, 33 grupos gravaron outros tantos temas nun disco, editado pola Fundación TIC, e composto por dous CDs. Deste xeito, os temas de pop, rock ou música galega dos grupos Alberto Busto, Blö, Brea Sound System, Bristol, David Taboado & ASOC, High Sky, Mentirosos, Mullet, Zinc So!, Aro Arrhythmia, Atup-Lekar, Janie’s Gun, Lastway, Meskalina, Moondogs Blues Party, Pants off. Psicodelepsia, Ripper Ground, Sally the Aracnophobic, Shattered Mirror, Xenro, Airiños de Orbazai, Andaina, Arrincadeira Folk, Batital, Caivanca, Pastillas Mamut, S3, Safari Orquestra, Telémaco e Zrutablism estarán presentes na banda sonora deste evento.

10º aniversario de Terras do Miño
A Gala Lvcvs Moda súmase ós numerosos actos que a Deputación de Lugo está a organizar ó longo deste 2012 con motivo do 10º aniversario da Reserva Terras do Miño. Ó igual que coa decoración que durante o Nadal luciu na praza de San Marcos, ciclos de conferencias, exposicións ou o certame fotográfico organizados no que vai de ano, con esta iniciativa a institución provincial quere lembrar a importancia que ten a riqueza ambiental da provincia para impulsala economía de Lugo e garantir a calidade de vida dos veciños.

www.deputacionlugo.org/galalucusmoda2012

Gala Lucus Moda 2012


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova