Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Antón Bao presentou a nova campaña de promoción turística de Lugo para as pontes de maio


# Mércores, 25/04/2012
Continúa a difusión en axencias de viaxes e oficinas de turismo con especial incidencia na Comunidade de Madrid

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A oferta cultural é o atractivo turístico que a Área de Cultura e Turismo quere potenciar para as festividades do 1 de maio e o Día das Letras Galegas

Retómase o programa das visitas guiadas “Lugo a pé”  coa novidade da incorporación dos Museos Municipais nestes itinerarios


O calendario cultural de Lugo no mes de maio prevese intenso, pois están programadas a Semana Internacional de Maxia, a celebración do Día das Letras Galegas e unha completa axenda de eventos no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Neste sentido, o responsable da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, definiu como “ponte cultural” a próxima festividade do 1 de maio para a que se lanza unha nova campaña de promoción turística “En primavera, ponte en Lugo” e que presentou o edil nacionalista esta mañá.

O concelleiro explicou que “a oferta cultural de Lugo vai ser o atractivo turístico que queremos potenciar para estas dúas pontes de maio, xa que temos por diante unha completa axenda de eventos culturais que se suman á oferta turística coa que conta a cidade habitualmente”. Para a ponte do 1 de maio destaca o inicio da Semana Internacional de Maxia e o concerto da Orquestra Sinfónica Gaus, que se celebrará o 30 de abril no Auditorio Municipal Gustavo Freire ás 20:30 horas.

Para completar as actividades que ofrece a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua para esta ponte, Antón Bao destacou que “dado o éxito das convocatorias anteriores, continuaremos potenciando os itinerarios culturais pola cidade que organizamos en colaboración das guías oficiais de turismo de Lugo”. Esta nova edición das visitas guiadas “Lugo a pé” presenta como novidade a incorporación dos Museos Municipais no itinerario e os turistas que se inscriban visitarán o Centro de Interpretación da Muralla, a Casa dos Mosaicos e a Sala de Exposicións Porta Miñá. Realizarase unha ruta diaria do 28 de abril ao 1 de maio con saídas ás 12:00 horas dende a Praza do Campo. Os interesados poden apuntarse na Oficina Municipal de Turismo e o custe por persoa é de 3 euros.

O edil salientou que “estas visitas están deseñadas polas guías profesionais e permiten coñecer os monumentos culturais, arqueolóxicos e históricos máis importantes da cidade, coa súa historia e anécdotas e queremos convertelas nun activo turístico permanente, polo que xa estamos traballando nunha programación similar para a ponte das Letras Galegas”.

Promoción en Madrid

De cara as pontes de maio, a Área de Turismo do Concello de Lugo está a desenvolver a segunda fase da campaña de promoción turística da cidade baixo o lema “En primavera, ponte en Lugo” cunha nova edición do dossier informativo no que se incorporaron as novas propostas culturais e novas ofertas de establecementos que solicitaron adherirse a esta campaña, entre os que figuran dous hoteis, un restaurante e o Centro Ornitolóxico Avifauna. Precisamente, Antón Bao valorou positivamente “que novos establecementos confíen en estar presenten na promoción turística que facemos dende o Concello, porque é un estímulo para seguir traballando”.

Precisamente, este programa continúa co seu obxectivo inicial de poder ofrecer un programa turístico total de Lugo e de integrar todas as iniciativas que se desenvolven na cidade e na súa contorna. Deste xeito, pódense vender nas distintas canles baixo o concepto de paquetes turísticos estacionais e que sitúan a Lugo no mercado turístico como destino de referencia durante todo o ano.

Ademais, o programa continúa coas ofertas que ofrece a empresa de internet sientegalicia.com que propón seis escapadas a Lugo con prezos que oscilan dende os 19 euros aos 84 euros e ofertan excursións, estancias en hoteis, rutas en segway ou visitas culturais.

Este produto de promoción turística está ser enviado a axencias de viaxe, medios especializados e oficinas de turismo, con especial incidencia na Comunidade de Madrid de cara a ponte do 1 de maio, que en Madrid alóngase un día máis coa celebración do 2 de maio. Ademais, continúa a difusión a través da internet, aproveitando as redes sociais e a web 2.0.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova