Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Goberno local felicítase porque o IGVS estea disposto a asumir as súas débedas co Concello


# Mércores, 25/04/2012
O Conselleiro de Medio Ambiente fixo ese anuncio hoxe no Parlamento galego

O Concello felicítase porque a Xunta recoñeceu hoxe que o Instituto Galego de Vivenda e Solo ten débedas contraidas coa institución municipal de Lugo e porque o Conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, Agustín Hernández, anunciou no Parlamento galego que a Xunta está disposta a asumir as débedas contraidas.

O Concello agarda que o discurso feito polo Conselleiro respecto da titularidade dos bens que figura no Catastro, organismo que depende do Ministerio de Economía, se materialice na presentación de alegacións formais. O Concello lamenta que ese trámite non se tivera feito antes xa que ese é o único xeito de poder comprobar a titularidade das propiedades que son obxecto do Imposto de Bens Inmobles.

De acordo co informe do servizo Tesourería, a débeda contraida con este Concello polo IGVS polo impago de distintos impostos e taxas municipais ascende a data de hoxe a 389.482 euros. O Conselleiro de Medio Ambiente asegurou no Parlamento galego que a débeda real do IGVS rondaría o 20% desta cantidade.

O Concello non entra a valorar se o IGVS segue a ser titular da maior parte dos bens sobre os que existe a reclamación de débeda, xa que a elaboración do padrón do IBI é responsabilidade do Catastro e o Concello non é quen de facer cambios de titularidade no nome doutras administracións. Tocante ós bens que foron propiedade do IGVS e posteriormente adquiriu o Concello, a depuración deses recibos xa está feita e seralle notificada ó IGVS nos vindeiros días. O seu importe é de só 30.000 euros.

Como sinala o informe feito pola Tesourería Municipal, a reclamación desta débeda vense facendo reiteradamente nos últimos anos ó IGVS, independentemente da cor política do Goberno galego. Así queda claro, por exemplo na reclamación feita por este Concello á Xunta de Galicia o 29 de febreiro de 2008.

Unha vez máis, o Concello de Lugo reitera que a súa vontade non é executar ningún embargo a propiedades doutra administración. Esta medida cautelar é un trámite imprescindible para evitar a prescrición da débeda, que recoñeceu hoxe publicamente a Xunta, e para que o Concello de Lugo non quede postergado no caso de que houbera outros posibles acredores.

O Goberno local considera a súa responsabilidade defender os intereses dos lucenses, que si pagan os seus impostos, motivo polo que fai a reclamación das cantidades que se lle adebedan ó Concello, sexa quen sexa o deudor. 

 


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova