Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A colaboración de Deputación e Concello permite que Lugo acolla por 4º ano a Feira do Moble máis grande de Galicia


# Xoves, 26/04/2012
Francisco Fraga e Díaz Valiño presentaron a IV Feira do Moble de Lugo que terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos da capital dende o 17 ó 20 de maio

Imaxe Asociada
Mentes o prazo de solicitude segue aberto ata o 4 de maio en www.fmlugo.com ou no 982-285-200, os participantes aumentaron, polo de agora, nun 30% con respecto a 2011

O Concelleiro de Servizos Xerais, Francisco Fraga, e o Deputado de Cooperación cos Concellos, Juan José Díaz Valiño, presentaron a IV edición da Feira do Moble de Lugo. Trátase da mostra máis grande de Galicia deste sector con 10.000 metros cadrados expositivos nas instalacións do Pazo de Feiras e Congresos da capital dende o 17 ó 20 de maio. No acto, tamén participou Juan Carlos López, profesional lugués e organizador desta exposición en colaboración, ademais da Deputación e do Concello de Lugo como máximos patrocinadores, da Federación do Comercio de Lugo, da Asociación Provincial de Empresarios do Comercio do Moble de Lugo, da Confederación Española Comercios del Hábital e da Coordinadora Nacional de Secciones Agentes Comerciantes del Mueble.

O Concelleiro de Servizos Xerais, Francisco Fraga, salientou que “o sector mobiliario é un importante nicho de emprego en Lugo. Temos un claro exemplo, nos múltiples negocios que se concentran no corredor cara Sarria. No Concello temos unha firme aposta polo emprego, de aí a nosa colaboración neste evento, así como todas as actuacións que levamos a cabo para incentivar a economía luguesa, fronte ós recortes e recortes doutras administracións, que non nos levan a nada”. Mentres, Juan Carlos López agradeceu á axuda de Deputación e Concello de Lugo para facer posible unha nova edición da Feira do Moble luguesa, que el mesmo presentou a profesionais de Valencia, Murcia, Zaragoza e O Porto, os cales xa confirmaron a súa presenza. “É un momento moi complicado no que vemos que fabricantes que participaron na edición do ano pasado tiveron que pechar os seus negocios. Non obstante, debido ós beneficios desta feira, o 50% dos profesionais que estiveron o ano pasado tamén o farán este”.

Por outra banda, Díaz Valiño explicou que “renovamos a nosa colaboración para converter á provincia, por cuarto ano consecutivo, no mellor escaparate mobiliario da Comunidade galega, así como un dos máis destacados en España. Reuniremos nesta feira a profesionais do sector de todo o país, contando a día de hoxe coa confirmación de 60, un 30% máis co ano pasado, mentres segue aberto o prazo de inscrición. Con estas previsións, Lugo voltará a situarse nun punto salientable do mapa estatal coa visita de miles de persoas, foron máis de 2.500 na pasada edición, que se achegarán para coñecer as últimas novidades do moble e redescubrir Lugo. Esta é unha nova oportunidade para promocionar a riqueza luguesa. Xa está ben de chorar pola crise coma fan outras administracións, temos que dar pasos cara diante que axuden a dinamizar e a incentivar a economía”.

A mostra presentará a máis ampla oferta das tendencias en mobiliario oficial, auxiliar, xuvenil, de xardín ou terraza, así como tapizado, colchonería, iluminación ou complementos de decoración. Abarca todo o abano de posibilidades no sector mediante a participación dun nutrido número de traballadores de toda España. Tal e como avanzou o Deputado, ata o momento formalizaron a súa solicitude 60 profesionais, procedentes de Galicia, Valencia, Murcia e Toledo, principalmente, e representando un 30% máis que na anterior convocatoria onde o seu número foi 45. A previsión é que os expositores ronden os 85, tendo en conta que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 4 de maio. Os interesados, poden anotarse, entrando en www.fmlugo.com ou chamando ó teléfono 982-285-200. Tamén se indicou que esta é a feira co solo máis barato de Galicia, con 10 euros o metro cadrado, un atractivo máis para participar e impulsar o sector.

Tres firmas rurais
Nacionais e internacionais fabricantes, distribuidores, importadores, exportadores, asociacións, empresas e organismos oficiais, así como cidadáns en xeral, achegaranse á Feira do Moble de Lugo. Deste xeito, xa confirmaron a súa presenza tres importadores de mobles rusos, que contan con preto de 90 tendas en dito país, ademais de recoñecidas personalidades no sector, entre eles, o Presidente e o Secretario da Confederación Española de Comerciantes de Muebles (CECOMU), Victor Grafía e Guillermo Pérez, respectivamente; o Presidente da Coordinadora de Agentes Comerciales do Moble, Jose Díaz; o Presidente do Colexio Oficial de Comerciantes (COAC) en Murcia, Juan Pedro López; a Directora da Feira do Moble de Yecla, Inmaculada Hernández; o Director Comercial da publicación El Sector del Mueble, María José Vicens; ou o Conselleiro-Delegado da revista Muebles de España, Miguel Infantes.

Na última edición, visitaron a mostra lucense máis de 2.500 persoas, acadando un volume de negocio de 1,5 millóns de euros coas vendas de mobles. A afluencia de visitantes tamén repercutiu noutros sectores lugueses como o da hostalería, incrementando o número de pernotacións de xeito notable nestas data do ano. Segundo avanzou Juan Carlos López, xa se fixeron, polo de agora, 85 reservas en hostais da capital.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova