Imprimir

O CONCELLO DE LUGO CONTA CUN DOS SISTEMAS DE ALUMEADO PÚBLICO MÁIS SEGUROS E EFICIENTES DE TODO O ESTADO


26/4/2012 O 95% da rede conta con diferenciais de alta sensibilidade e todas as novas instalacións permiten unha redución da intensidade lumínica a partir das 12 da noite

A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, Paz Abraira, denuncia que a suba do 7% no recibo eléctrico a partir deste mes de maio aprobado polo Goberno do PP vai supor un “importante sobrecusto” para o Concello de Lugo, “igual que para as familias”

O Concello de Lugo conta cun dos sistemas de alumeado público máis seguros e eficientes de todo o Estado e está a implementar unha serie de medidas de aforro enerxético para reducir a factura eléctrica que paga o Concello. A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, explicou na Comisión de Seguimento da Axenda 21 Local, celebrada esta mañá e que contou coa participación de todos os grupos políticos, que a suba do 7% nas tarifas eléctricas que acaba de aprobar o Goberno do PP “obriga ao Concello de Lugo, igual que a todas as familias nos seus fogares, a pagar un importante sobrecusto no recibo da luz”.
 
A concelleira nacionalista indicou que “o Concello de Lugo é un dos poucos de todo o Estado que ten instalados no 95% da súa rede de alumeado público diferenciais de alta sensibilidade que avisan cando hai perdas, o que o converte nun dos máis seguros e eficientes do Estado”, explicou esta mañá Paz Abraira. Ao mesmo tempo, en todas as novas instalacións eléctricas, así como na renovación das xa existentes, estanse incorporando grupos de dobre nivel, o que permite reducir a intensidade lumínica a partir das 12 da noite, cando se reduce o tránsito de persoas e vehículos polas rúas. Así mesmo, o Concello de Lugo está a levar a cabo a substitución das bombillas convencionais, de hidróxeno, por lámpadas de sodio, que son moito mais eficientes e teñen un menor consumo.

Paz Abraira explicou que dentro das medidas de aforro enerxético que se están a implementar farase unha redución de iluminación en zonas como o Polígono Industrial das Gándaras, San Fiz ou zonas sen edificar de Garabolos. Todas estas zonas están neste momento sen edificacións. Sen embargo, a concelleira nacionalista rexeitou a proposta do PP de reducir a iluminación na Praza Agro do Rolo, na Milagrosa, por ser unha zona habitada, o que desaconsella, por razóns de seguridade, apagar as luces. “Por que os veciños de Agro do Rolo ou os da zona rural do Concello van ter unha iluminación inferior a outras zonas da cidade?”, preguntou hoxe Paz Abraira ao PP, a quen invitou a dicir “que parroquias ou rúas da cidade quere deixar a escuras para reducir o recibo da luz”.

Devolución de facturas por cobro indebido das empresas eléctricas

A concelleira nacionalista tamén detallou que a rede de iluminación pública de Lugo conta cuns 13.000 puntos de luz que supoñen un consumo eléctrico duns 1,1 millóns de euros ao ano e explicou que “o Concello de Lugo vai sufrir, igual que o sofren todas as familias, a suba do 7% no recibo da luz a partir do próximo 1 de maio aprobada polo Goberno de Rajoy”. Paz Abraira tamén indicou que Lugo é, das cidades galegas, o concello con maior extensión, ademais de contar cunha ampla zona rural de 54 parroquias que non teñen outras cidades como A Coruña ou Pontevedra “e que tamén hai que iluminar”, afirmou, o que incrementa a factura en comparación a outras cidades galegas.

En todo caso, a responsable de Infraestruturas e Axenda 21 explicou que “todas e cada unha das facturas de consumo eléctrico son revisadas minuciosamente polos técnicos dos servizos eléctricos do Concello para comprobar se os importes son correctos e, en moitos casos, son devolvidas ás operadoras por cobro indebido”, indicou esta mañá Paz Abraira, que acusou ás empresas operadoras de “cobrar de máis” en numerosas ocasións.