Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O 8 de maio chega a Lugo o Correlingua 2012 baixo o lema "Galego. Todo o que buscas"


# Xoves, 26/04/2012
A 13ª edición do Correlingua percorrerá un total de 11 comarcas galegas coa participación de centros de ensino de toda Galicia

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O tenente alcalde de Lugo, Antón Bao, agradeceu especialmente “o compromiso dos centros educativos de Lugo para participar e manter o Correlingua”

O Correlingua 2012 foi presentado hoxe no Concello de Lugo. A decimoterceira edición desta carreira, que arrincará o vindeiro 2 de maio na cidade de Ourense e que percorrerá once comarcas baixo o lema “Galego. Todo o que buscas”, chegará a Lugo o 8 de maio. Segundo anunciou o tenente alcalde do Concello de Lugo, Antón Bao, a xornada comezará ás 11:00 da mañá e a saída terá lugar da Praza de Santa María para continuar pola Porta do Bispo Aguirre, seguirá pola ronda deica a entrada da Muralla pola Porta do Campo Castelo e pola Praza Maior e logo, de novo, paso pola Praza de Santa María para subir á Muralla pola porta de Santiago, volta á Muralla, chegada á praza de Santa María. Ao final haberá unha festa pola lingua que contará con actuacións teatrais e musicais por parte dos artistas convidados e do propio alumnado.

Na presentación estiveron tamén presentes o responsable de Cultura da Deputación, Mario Outeiro, Carlos Vello, como representante da Mesa pola Normalización Lingüística e Antón Castro, como representante da CIG-Ensino. Este ano o Correlingua percorrerá un total de once comarcas baixo o lema “Galego. Todo o que buscas”. Antón Bao sinalou que o Correlingua será “un xeito de demostrar que Lugo está coa nosa lingua”. Para Bao esta actividade require do compromiso de alumnado e profesorado e “demostra que hai interese por manter e normalizar o noso idioma”. Antón Bao agradeceu especialmente “o compromiso dos centros educativos de Lugo para participar e manter o Correlingua”. No correlingua participarán máis de 20 centros educativos que reunirán a máis de 1.000 participantes.

Mario Outeiro, deputado de cultura da Deputación de Lugo, destacou a súa preocupación “xa que cada vez é menor o número de galegofalantes, sobre todo na franxa de idade dos máis novos”.  Outeiro sinalou tamén que será unha “xornada de encontro moi interesante para todos os participantes” e felicitou aos organizadores xa que “é un ano especialmente complexo para a realización deste tipo de actividades dados os recortes que está a sufrir o sistema educativo”

O Correlingua vénse celebrando de xeito regular desde o 2000 aínda que é unha vella iniciativa promovida na súa orixe por entidades culturais. Na actualidade está organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Confederación Intersindical Galega – Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística, os Concellos de Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. As carreiras pola lingua partirán de Ourense e percorrerán once comarcas galegas (Ferrolterra, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo, Baixo Miño e O Condado, O Morrazo, Ribeira Sacra e A Mariña) coa participación de centros de ensino de toda Galiza. Cada unha das carreiras rematará cunha festa pola lingua que contará con actuacións teatrais e musicais por parte dos artistas convidados e do propio alumnado.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova