Imprimir

A CONCELLEIRA DE ECONOMÍA PRESENTA O INFORME QUE ACREDITA QUE FERNANDO BLANCO NON ESTÁ AUTORIZADO EN NINGUNHA CONTA BANCARIA MUNICIPAL


30/4/2012 Méndez explicou que “coas súas acusacións infundadas, o PP, o que está facendo e dano á imaxe do Concello e dos propios traballadores municipais”

Ademais informou que sobre a débeda do IGVS co Concello, explicou que “non queremos executar un embargo senón colaborar e que se faga o pagamento da mesma”

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, confirmou que, Fernando Blanco exconcelleiro de Lugo, non aparece como autorizado en ningunha das contas bancarias de titularidade municipal, como recolle o informe presentado polo Servizo de Tesourería, e que foi remitido ao Grupo Popular en resposta ás preguntas presentadas.

No informe explícase que non consta como autorizado, que na sesión plenaria de constitución da presente corporación deuse conta do arqueo extraordinario no que constaban todas as contas bancarias abertas polo Concello e onde non figura en ningunha. Ademais con cada cambio de corporación, de alcalde ou de concelleiro de economía, realízase un cambio de autorización nas contas bancarias.

Sonia Méndez manifestou que “o que debeu acontecer foi que nos datos históricos destas entidades bancarias aínda figuran nomes e contas que xa están pechadas e non están operativas dende hai anos e que non ten ningunha incidencia na práctica”.

Neste sentido, a responsable da área económica, quixo remarcar que “o Partido Popular peca de impaciente xa que saíu formulando unhas acusacións moi graves sen agardar polo resultado do informe o que demostra o seu interese en desgastar ao goberno municipal e que non lle importa mentir con tal de ter titulares”. Neste sentido quixo “defender, non só a miña persoa, senón o funcionamento da administración, o rigor e responsabilidade coa que traballan os funcionarios desta área cumprindo sempre os trámites” para finalizar que “non se pode poñer en cuestión a actividade administrativa só por afán destrutivo xa que fan moito dano á imaxe da institución”. Méndez tamén solicitou que se retiren as graves acusacións que se realizaron sobre a súa persoa e sobre a administración e funcionarios locais ademais de agardar que “tamén lle pidan esta información á Xunta de Galicia e a xestión do Xacobeo”.


Débeda de IGVS
A Concelleira de Economía, Emprendementos e Autónomos tamén realizou unha valoración sobre a situación da débeda por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo ao Concello manifestando que “agardamos que a Xunta cumpra coa maior brevidade coas súas obrigas fiscais con este Concello xa que a todos nos convén que se regularice esta situación”. Salientou que “é moi importante que o Conselleiro recoñeza publicamente a débeda porque nos permite avanzar neste asunto” aínda que expresou que non sería tan boa nova para Jaime Castiñeira ”que lle saíu o tiro pola culata, xa que convenceu ao Conselleiro para unha escenificación teatral no Parlamento na que o responsable autonómico non fixo outra cousa que recoñecer que lle debe cartos ao Concello de Lugo”.

Sonia Méndez tamén puntualizou varias das informacións publicadas estes días. Así, explicou que se detectaron que no listado había sete inmobles que eran de titularidade municipal polo que “os demos de baixa inmediatamente no Catastro” e que supoñen un valor de 30.000 euros que se descontarán dos 389.000 euros, “unha cifra pequena se temos en conta que dentro de varios meses, como non paguen, esa cantidade será incrementada pero por intereses e recargos”. Neste sentido, Méndez, preguntouse se “tamén son do Concello o solar onde se constrúe o Auditorio, os inmobles da Tinería, os da Ponte, ou os do lugar de Mazoi” instando ao IGVS a regularizar os seus bens diante do Catastro como fixo o Concello e informar das transmisións de vivendas que leven a cabo xa que, do contrario, supón un grave prexuízo para o Concello “ao seguir as vivendas a nome do IGVS, que non paga o IBI e nós non podemos reclamar aos novos titulares porque non temos coñecemento deses datos”.

En canto ás bonificacións solicitadas polo Instituto de Vivenda, a Concelleira de Economía, salientou que non se poden aplicar xa que “a lei só as prevé para titulares particulares que adquiran unha vivenda de protección oficial e non para a administración encargada de xestionar ditas promocións” .