Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello e Caixa Rural Galega acordan colaborar para financiar as iniciativas dos emprendedores de Lugo


# Xoves, 03/05/2012
O Alcalde e o Director xeral da Caixa Rural Galega asinaron un convenio que abre unha liña de financiación por importe de 400.000 euros para emprendedores asesorados no CEI-Nodus

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Alcalde, José López Orozco, e o Director xeral da Caixa Rural Galega, Jesús Méndez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a concesión de microcréditos a emprendedores que reciban asesoramento no CEI-Nodus.

O Alcalde manifestou, trala sinatura do acordo, que o obxectivo desta colaboración entre o Concello e a Caixa Rural Galega é darlle facilidades ós emprendedores para que atopen financiamento co fin de que poidan poñer en marcha as súas iniciativas empresarias.

López Orozco sinalou que este convenio nace da confluencia de tres circunstancias: a existencia de emprendedores na cidade que queren crear empresas, a existencia do viveiro do Concello no que se dá asesoramento ós emprendedores, e o feito de que “temos a gran sorte, co que está acontecendo no mundo financeiro, de ter a Caixa Rural Galega”

Destacou, ademais, o Alcalde que a vocación rural desta Caixa coincide coa aposta que está a facer o CEI para fomentar o establecemento de pequenas empresas na zona rural de Lugo co obxecto de fixar poboación nela.

O Director xeral da Caixa Rural salientou que a Caixa “cumpre así o obxectivo para o que se fundou, hai case 50 anos, que é facilitar crédito ás iniciativas que se poidan financiar e que se xeren no noso ámbito máis próximo”. Así, explicou que adica máis do 98% de toda a súa inversión crediticia a proxectos situados na Comunidade Autónoma e a súa razón de ser é canalizar o aforro dos galegos e adicalo a proxectos empresariais que se xeren no noso territorio”. Tamén explicou que “o único que facemos é canalizar o aforro dos galegos, xa que a Caixa Rural Galega non ten solicitado cartos a outras entidades nin ós mercados financeiros, a proxectos de investimento ou compra de bens de consumo de empresas e persoas radicadas en Galicia”.

Jesús Méndez anunciou que a entidade adicará este ano un máximo de 400.000 euros á concesión de microcréditos para proxectos asesorados polo CEI-Nodus e sinalou que as condicións serán algo mellores das que ofrece esta entidade ós seus clientes. O interese será dun 7,75% e non se esixirán máis garantías que o propio proxecto para o que se contará cos estudos de viabilidade que fan os técnicos do CEI-Nodus. O convenio ten vixencia ata fin de ano pero a intención é prorrogalo para o ano que vén.

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, que tamén participou no acto explicou que deste convenio poderán beneficiarse todas as empresas que solicitan asesoramento do CEI necesitadas de financiamento e darase preferencia ás que traballan no viveiro municipal de empresas que son 20 na actualidade.

O CEI-Nodus desenvolve actividades de asesoramento e orientación a emprendedores e tamén lles presta axuda para a tramitación de subvencións e na búsqueda de obtención de fondos para financiar as súas iniciativas empresariais. 
 

CEI-Noudus cei.lugo.es

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova