Cargando....
Concello de Lugo
29/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde volve reclamar que se cumpran os prazos previstos para executar o Plan Paradai


# Xoves, 03/05/2012
López Orozco di que no pleno do luns saberase se Jaime Castiñeira apoia que as obras se fagan no tempo previsto no convenio asinado coa Xunta ou “se pon de parte de fóra”

O Alcalde volveu reclamar hoxe que se cumpran os prazos previstos para executar o Plan Paradai e destacou a importancia de que “todos apoiemos que as obras se fagan no prazo que establece o convenio asinado coa Xunta”.

O Concello vaise pronunciar oficialmente sobre o cumprimento do Plan Paradai no Pleno municipal do luns, no que se debaterá unha proposición do PSOE e o BNG para instar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a cumprir cos compromisos adquiridos. López Orozco manifestou que “o importante é que o luns, nesta Casa, vaise estudar unha proposta do Goberno para que a Xunta faga as obras no prazo que está no convenio e veremos a ver que é o que di o señor Castiñeira”.

“Parece que o señor Castiñeira se pon de parte de fóra, isto é o que quere esconder”, dixo o Alcalde que volveu explicar que as intencións da Xunta de adiar as obras contradí o anuncio que lle fixo o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Agustín Hernández convocou ó Alcalde a unha reunión, que tivo lugar o día 22 de marzo, na que o Conselleiro lle anunciou que a Xunta ía comezar as obras da rotonda do Sagrado Corazón facer a Ponte Paradai ata a Glorieta e que nos próximos tres anos se farían o resto das obras. Sen embargo unha semana despois, o día 28 de marzo, a Directora xeral de Infraestruturas, Ethel Vázquez, chamou por teléfono ó Alcalde e mandoulle por fax un escrito no que expón licitar este ano só a execución da obra nova Ponte sobre o ferrocarril (Ponte Paradai) e conexión coa estrada das Gándaras e asinar un novo convenio no prazo de tres anos para a execución da mellora da rúa Serra de Meira e da estrada ata a N-640 pola estrada Estación-Conde Fontao.

“O que me dicía no escrito non era o que me anunciara o señor Conselleiro, polo que eu chamei á Directora Xeral e díxenlle isto non é o que me contou o Conselleiro e hoxe pola tarde non imos estar de acordo”, explicou o Alcalde quen considerou, á vista do cambio na planificación, que “a palabra do Conselleiro vale pouco”.

Nova relación de postos de traballo

Por outro lado, o Alcalde informou de que os sindicatos que representan ó persoal municipal xa dispoñen da proposta da nova relación de postos de traballo encargada polo Concello a unha empresa e que agora se empezará negociar.

A empresa, á que tamén se lle encargou un plan de emprego co fin de funcionarizar todo o persoal, fixo unha valoración de todos os postos de traballo do Concello para racionalizar o actual cadro de persoal municipal e nesa valoración tívose en conta un baremo que inclúe aspectos como perigosidade, turnicidade, etc. Tamén explicou o Alcalde que, coa nova relación de postos, ningún traballador perderá salario.

“Agora temos unha proposta para negociar”, dixo o Alcalde quen recoñeceu o esforzo que fan os traballadores do Concello de Lugo e a contención do gasto feito no capítulo 1 do Orzamento municipal. Tamén sinalou López Orozco que “atopamos un medio para pagar ós traballadores con máis xustiza e temos abertas as negociacións”.

O Alcalde amosou o seu convencemento en que as negociacións chegarán a bo porto, porque “hai ánimo de chegar a acordos”, aínda que salientou que “facer unha nova relación de postos de traballo non é fácil”. Recoñeceu ademais que “teremos dificultades, neste momento, para pagar de acordo co que di a proposta de RPT xa que hai limitacións orzamentarias que nos veñen impostas polas medidas adoptadas polo Goberno, pero habendo vontade de negociar pódese facer unha planificación para aplicar os acordos nos vindeiros anos”. 
  
 


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova