Imprimir

O CONCELLO DE LUGO PRESENTA UN NOVO PLAN EXPERIMENTAL PARA O FOMENTO DE EMPREGO


7/5/2012 O Alcalde de Lugo salientou que o compromiso do equipo de goberno é fomentar o emprego a través de diferentes políticas aínda que “non teñamos as competencias”

O programa, cun orzamento de 300.000 euros, suporá a contratación de 20 persoas en situación de desemprego

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, presentaron un novo programa experimental de fomento do emprego que substitúe ao anterior programa PILES, que se desenvolvía dende o ano 2000 e que era unha auténtica política activa de emprego que ademais servía para levar a cabo importantes labores de mantemento e conservación de espazos públicos do Concello.

López Orozco destacou que “para o equipo de goberno deste Concello o emprego é un compromiso e nese sentido facemos unha aposta polo desenvolvemento xa que segue sendo unha preocupación para a nosa cidade”. Neste sentido, nos orzamentos do ano 2012 destinouse unha partida de 300.000 euros para a elaboración do Plan PILES pero, posteriormente, saíu un Real Decreto do Goberno Central que impide a contratación de persoal por parte das administracións locais e, polo tanto, desenvolver dito programa. Por este motivo, en palabras do Alcalde de Lugo, “vímonos obrigados a buscar novas vías para o fomento do emprego e, aínda que non arregla o problema, é un parche para moitas familias e debemos transmitir unha certa dose de optimismo”.

No mesmo sentido, se explicou Sonia Méndez, ao considerar que o Concello non ten competencias en materia de emprego pero “non podemos permanecer pasivos ante a situación do incremento de desempregados e da supresión de medidas de fomento de emprego por parte da Xunta e do Goberno Central”. Desta maneira, e a pesares das restricións, “non quixemos renunciar a este plan emblemático e ideamos este proxecto piloto a través da contratación de 5 empresas locais coa obriga de contratar a un mínimo de 4 traballadores para levar a cabo tarefas de interese para o municipio” segundo a Concelleira de Economía.

Por este motivo, o Concello de Lugo decide volver a ser un entidade innovadora e pioneira na loita contra o desemprego creando un plan experimental para o fomento do emprego. O programa conta cun orzamento de 300.000 euros que se distribuirán en 5 proxectos de actuación diferentes que se adxudicarán a través de procedementos negociados. Así, un dos programas é para o servizo de infraestruturas, que terá como tarefas o arranxo de beirarrúas, bados e outras necesidades. Outro dos programas é para o servizo de Medio Ambiente, no que se levarán a cabo desbroces urbanos, mantemento de xardíns e do inmobiliario urbano entre outros. Un terceiro para o servizo de Deportes para a realización de mantemento e reparación de instalacións deportivas. Un cuarto para a zona rural, que se encargaría entre outros menesteres dos desbroces. E un último para o servizo de Educación no que se desenvolverán tarefas de reparación dos colexios. Todas estas necesidades de mantemento dos espazos públicos exceden á capacidade de recursos humanos existentes no Concello polo que servirán non só para dar traballo a parados de longa duración senón tamén para contribuír á permanencia de empresas locais e levar a cabo actuacións de interese municipal.

A responsable da área económica destacou que o único requisito para presentarse é que cada empresa deberá contratar a un mínimo de 4 persoas en situación de desemprego (1 xa existente en cada empresa, e 3 de nova contratación). Co que se garante emprego para un mínimo de 20 persoas en situación de desemprego durante, polo menos, un mínimo de 5 meses que é a duración estimada de cada unha das actuacións.