Imprimir

O CARTAZ DO SAN FROILÁN 2012, Á ELECCIÓN POPULAR


8/5/2012 O Tenente de Alcalde, Antón Bao, presentou as bases do Premio de Deseño Gráfico “San Froilán 2012” que se resolverá a través dun sistema de votación popular online

O cartaz gañador levará un premio de 2.000 euros e promocionará as festas de San Froilán 2012

Os participantes poden presentar as obras do 9 ao 30 de maio
e o gañador coñecerase o 20 de xuño

Tamén se convoca o certame para escoller o cartel anunciador
do San Froilán Miúdo 2012



As engrenaxes para a organización das festas de San Froilán 2012 xa están en marcha como mostra o anuncio da convocatoria dos Premios de Deseño Gráfico “San Froilán 2012” e “San Froilán Miúdo 2012” feito polo Tenente de Alcalde, Antón Bao. O edil nacionalista presentou as bases destes certames, que van servir para escoller o cartaz anunciador das festas máis populares outono galego e o do programa do San Froilán Miúdo.

Este ano, como gran novidade, o concurso do cartaz de San Froilán ábrese ao público e a resolución do certame será a través dun sistema de votación popular on-line que permitirá escoller aos lucenses o cartel do San Froilán 2012. Con esta medida, “os lucenses e todos aqueles que aprecian o San Froilán poderán participar na elección do cartaz que promocionará as nosas festas”, sinalou o concelleiro, quen explicou que “con este novo sistema, establécese unha fase preliminar na que un xurado formado por profesionais escollerá os catro cartazes que pasen á fase final, durante a cal, colgaranse na web sanfroilan.info e todas as persoas interesadas poderán votar polo seu favorito. Do resultado dos votos rexistrados sairá escollido o cartaz anunciador do San Froilán 2012”.

Antón Bao destacou que “con esta medida afondamos aínda máis no obxectivo de implicar aos lucenses na organización das súas festas patronais. Se o ano pasado, convidamos aos cidadáns a que mandaran propostas para actuacións e actividade, este ano promovemos que os lucenses escollan o cartaz de San Froilán”.

Respecto ao período de presentación das obras, estará aberto do 9 ao 30 de maio, durante o cal, os artistas poden entregar os seus traballos en formato dixital (en soporte CD ou lapis de memoria), persoalmente ou por correo postal na oficina de Cultura do Concello de Lugo, situada na Praza Maior, 1. Tamén, poderase enviar por correo electrónico ao enderezo cultura@concellodelugo.org, indicando no asunto CARTEL SAN FROILÁN 2012. Non obstante, se algún participante o desexa e para unha mellor valoración da súa proposta, tamén pode entregar o cartel montado a sangue sobre cartón pluma de 5 ou 10 mm e a un tamaño de 50x70 cm.

O cartel debe ter un lema ou título, que tamén se incluirá no exterior dun sobre pequeno, dentro do cal irá un formulario con nome, apelidos, enderezo, correo electrónico e teléfono ao presentar as súas propostas. No caso dos envíos a través do correo electrónico, o formulario xuntarase ao arquivo do cartaz.

Os carteis deben presentarse en formato JPG, cunhas dimensións de 50x70 cm e con 72 ppp de resolución (1417x1984 píxeles), e o gañador ou gañadora deberalle facilitar ao Concello, nos prazos que este indique, diferentes adaptacións e aplicacións para a promoción, comunicación e sinalización do evento.

Será o xoves 31 de maio cando se reúna o xurado de expertos para escoller entre todos os cartaces presentados os catro finalistas, que se colgarán na web ww.lugo.es/concursocarteis do 4 ao 18 de xuño. A resolución deste certame farase pública o 20 de xuño de 2012. O edil lembrou que “entre os participantes na votación entrarán nun sorteo de distintos premios que se celebrará o xoves 21 de xuño” polo que Antón Bao animou a todos os lucenses a participar na elección do cartel de San Froilán.

Respecto ao Premio de Deseño Gráfico “San Froilán Miúdo 2012”, o certame está aberto á participación de rapaces e rapazas menores de 15 anos. As obras deben presentarse entre o 8 e o 30 de maio na Oficina de Cultura do Concello de Lugo, situada na Praza Maior, 1. Os traballos deberán ser presentados de maneira anónima, con lema, acompañando un sobre co mesmo lema no exterior, e dentro os datos do participante, tales como nome, apelidos, enderezo, correo electrónico dos pais e teléfono. Os carteis terán as dimensións dun DIN A-4 ( 21 x 29,7 cm) como mínimo, e deberán entregarse montados sobre cartón pluma ou soporte ríxido. Non se admitirán os presentados con cristal.


BASES DO PREMIO DE DESEÑO GRÁFICO “SAN FROILÁN 2012”

1ª.- Poderán concorrer cantas persoas o desexen, con traballos de técnica libre, presentando cada un cantas obras considere oportunas, sendo condición indispensable que as obras sexan orixinais.

2ª.- Os deseños contribuirán a enxalzar a cidade de Lugo e as súas festas patronais de San Froilán. Deberán incluír o texto: LUGO, SAN FROILÁN 2012, 4-12 DE OUTUBRO, Festa de Interese Turístico Galego. Festa de Interés Turístico Estatal, así como a imaxe corporativa do Concello, distribuído da maneira que elixa cada autor. Esta última poderá ser descargada dentro do site especial dedicado ao concurso en www.sanfroilan.info/concursocarteis

3ª.- O autor do deseño que resulte gañador recibirá un premio dotado con 2.000,00 €. Este premio estará suxeito a unha retención do 19 % de acordo coa Lei 26/2009, do 23 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

4ª.- O cartel seleccionado quedará en poder do Concello de Lugo, que poderá reproducilo no tempo e maneira que estime oportunos.
O cartel gañador será propiedade do Concello, que poderá cedelo a terceiros. Os autores renuncian a todos os dereitos de explotación, só conservarán os dereitos de autor para incluílo no seu curriculum.

5ª.- Resumo cronolóxico - fases
- Inscrición e presentación de propostas: do mércores 9 ao mércores 30 de maio.
- Deliberación do xurado e elección dos catro finalistas: xoves 31 de maio
- Votación do público: do luns 4 ao luns 18 de xuño.
- Anuncio e comunicación ao gañador ou gañadora: mércores 20 de xuño.
- Sorteo de premios entre os votantes da opción gañadora: xoves 21 de xuño.


6ª.- Entrega de traballos: Presentaranse na Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, na praza Maior, 1, 27001, Lugo entre o mércores 9 e o mércores 30 de maio, en formato dixital (en soporte CD ou lapis de memoria), persoalmente ou por correo postal.
Poderase enviar tamén por correo electrónico ao enderezo cultura@concellodelugo.org, indicando CARTEL SAN FROILÁN 2012.
Non obstante, se algún participante o desexa e para unha mellor valoración da súa proposta, tamén pode entregar o cartel montado a sangue sobre cartón pluma de 5 ou 10 mm e a un tamaño de 50x70 cm.
O cartel debe ter un lema ou título, que tamén se incluirá no exterior dun sobre pequeno, dentro do cal se incluirá un formulario con nome, apelidos, enderezo, correo electrónico e teléfono ao presentar as súas propostas.

7ª.- Os carteis deben presentarse en formato JPG, cunhas dimensións de 50x70 cm e con 72 ppp de resolución (1417x1984 píxeles), e o gañador ou gañadora deberalle facilitar ao Concello, nos prazos que este indique, diferentes adaptacións e aplicacións para a promoción, comunicación e sinalización do evento.

8ª.- Os carteis deberán evitar calquera tipo de propaganda subliminal que poida inducir ao consumo de alcohol ou calquera outro tipo de drogas, segundo a lexislación vixente. Todas as propostas presentadas quedarán pendentes de aprobación por parte do Concello de Lugo, que se reserva o dereito de rexeitar as propostas que considere ofensivas ou inadecuadas. No caso de que isto ocorrera, o Concello decidirá se lle comunica ao autor ou autora cales son os motivos polos que se rexeitan as propostas. Unha vez superada esta fase, procederase á inmediata publicación dos carteis presentados.

9ª.- Sistema de votación popular online. Para a elección dos carteis gañadores, o xurado preseleccionará catro propostas que poderán ser votadas polo público en www.sanfroilan.info/concursocarteis.
Todas as votacións realizaranse online a través deste site. Cada usuario poderá emitir un único voto ao día.
Sortearanse premios entre os votantes do cartel que finalmente resulte gañador ou gañadora.

10ª.- O xurado estará formado por persoas cualificadas na materia. O ditame do xurado e do resultado da votación popular será inapelable.

11ª.- Os participantes someteranse á decisión do xurado e á votación popular, e o gañador do certame comprométese a recoller persoalmente o premio ou facerse representar debidamente no acto, para o cal será convocado oportunamente.

12ª.- Os participantes responsabilízanse totalmente de que non existen dereitos de terceiros nas obras presentadas, e renuncian a toda reclamación por dereitos de imaxe.

13ª.- O simple feito da presentación ao concurso supón a plena aceptación destas bases.


BASES DO PREMIO DE DESEÑO GRÁFICO "SAN FROILÁN MIÚDO 2012"

1ª.- Poderán concorrer cantos rapaces e rapazas o desexen, menores de 15 anos, con traballos de técnica libre, presentando cada un cantas obras considere oportunas, sendo condición indispensable que as obras sexan orixinais.

2ª.- Os deseños contribuirán a enxalzar a cidade de Lugo e súas festas patronais de San Froilán. Deberán incluír o texto: LUGO, SAN FROILÁN MIÚDO 2012

3ª.- O autor ou autora do deseño que resulte gañador recibirá un premio consistente nun agasallo adecuado á súa idade.

4ª.- O cartel seleccionado quedará en poder do Concello de Lugo, que poderá reproducilo no tempo e maneira que estime oportunos. Os carteis presentados poderán ser expostos ao público.
O cartel gañador será propiedade do Concello, que poderá cedelo a terceiros. Os autores renuncian a todos os dereitos de explotación, só conservarán os dereitos de autor para incluílo no seu curriculum.

5ª.- A entrega de orixinais, por correo ou persoalmente na Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, poderase efectuar entre o mércores 9 ao mércores 30 de maio, ata as 14.30 horas.

6ª.- Os traballos deberán ser presentados de maneira anónima, con lema, acompañando un sobre co mesmo lema no exterior, e dentro os datos do participante, tales como nome, apelidos, enderezo, correo electrónico dos pais e teléfono.

7ª.- Os carteis terán as dimensións dun DIN A-4 ( 21 x 29,7 cm) como mínimo, e deberán entregarse montados sobre cartón pluma ou soporte ríxido. Non se admitirán os presentados con cristal.

8ª.- O xurado estará formado por persoas cualificadas na materia.

9ª.- As obras non premiadas devolveranse ós autores que o soliciten nun prazo dun mes a partir do coñecemento do ditame do xurado. Os orixinais que non fosen reclamados serán destruídos sen que sexa admisible recurso ningún sobre esta resolución.

10ª.- Os participantes someteranse á decisión do xurado, que resolverá sobre calquera dúbida non prevista nas presentes bases, e o gañador do certame comprométese a recoller persoalmente o premio ou facerse representar debidamente no acto, para o cal será convocado oportunamente.

11ª.- Os participantes responsabilízanse totalmente de que non existen dereitos de terceiros nas obras presentadas, e renuncian a toda reclamación por dereitos de imaxe.

12ª.- O simple feito da presentación ao concurso supón a plena aceptación destas bases.

www.sanfroilan.info