Cargando....
Concello de Lugo
10/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo presidiu hoxe en Ávila unha xuntanza da Comisión de Seguridade da FEMP que se reuniu co Director Xeral da Policía


# Martes, 08/05/2012


Imaxe Asociada
Na reunión tratouse a posibilidade de que as Policías Locais poidan utilizar as instalacións da Escola de Policía Nacional para recibir formación e tamén se estudaron temas como a colaboración entre Policías Locais de Concellos lindeiros

A Comisión de Seguridade estudará as competencias impropias que desenvolven as Policías Locais por encargo da FEMP


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presidiu hoxe en Ávila unha xuntanza da Comisión de Seguridade e Convivencia Cidadá da Federación Española de Municipios e Provincias que se celebrou na Escola da Policía Nacional.

Na reunión da Comisión da Seguridade da FEMP, que preside o Alcalde de Lugo, tamén participou o Director Xeral da Policía, Ignacio Cosidó, que adiantou ós representantes municipais a próxima elaboración dunha nova Lei de Coordinación das Policías Locais e solicitou á FEMP que faga achegas a ela. Cosidó tamén puxo a disposición da Federación de Municipios e Provincias a utilización das instalacións da Escola de Policía Nacional para dar formación ás Policías Locais, para o que se fará unha oferta de formación específica.

Segundo informou o Alcalde e Presidente da Comisión de Seguridade e Convivencia Cidadá, na xuntanza acordouse elaborar unha Ordenanza ou Protocolo que regule a colaboración na prestación de servizos por parte das Policías Locais de concellos distintos. Este tipo de colaboracións é posible logo da modificación feita na Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade 2/86 de 13 de marzo. A disposición adicional 5ª desta Lei recolle a colaboración para a prestación de servizos de Policías Locais de Concellos limítrofes que están situados dentro da mesma Comunidade Autónoma.


A Comisión tamén abordou outras cuestións como a Ordenanza tipo de Tráfico, dado que o Ministerio do Interior anunciou a modificación do Regulamento xeral para actualizalo co obxectivo de regular e fomentar o uso das bicicletas, tendo en conta as últimas sentenzas sobre cuestións como a circulación deste tipo de vehículos polas beirarrúas.

Analizouse tamén a actualización da Ordenanza de Seguridade e Convivencia aprobada en 2009 co fin de adaptala ás novas necesidades e de que preste máis atención a fenómenos como a prostitución, o vandalismo, o botellón, a mendicidade e os aparcacoches.

A FEMP tamén vai crear unha comisión que estude unha proposta para que a Lei de Policía recolla un protocolo de procedemento para que os alcaldes poidan regular o traballo de policías locais non uniformados, xa que na actualidade hai disparidade xurídica respecto deste tema.

Tamén se propuxo colaborar co Observatorio Español contra o Racismo e a Xenofobia, de xeito que os policías locais poidan recibir formación nestas materias. Respecto deste asunto está previsto celebrar unha xornada específica no mes de xuño que terá lugar, posiblemente, en Madrid.

Outro asunto tratado foi unha proposta exposta pola Asociación Profesional de Técnicos Bombeiros que vai ser estudada para ver a posibilidade de facer unha Lei marco do Servizo de Bombeiros.

Ademais, a Comisión abordou, a instancias do Delegado do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, a proposta de que, no convenio marco que asinará este ano coa FEMP, se potencie a figura do policía titor para traballar en temas como a loita contra o absentismo escolar e a prevención do consumo de drogas.

Por último, a Federación Española de Municipios e Provincias encargoulle á Comisión de Seguridade e Convivencia Cidadá facer unha diagnose das funcións impropias que desenvolven as Policías Locais que se enmarca no estudo sobre todas ás áreas nas que os concellos asumen competencias que non lles son propias.

A Comisión celebrará a súa vindeira xuntanza no mes de setembro en Santander.





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova