Imprimir

O IX RALLI CIDADE DE LUGO REUNIRÁ A PRETO DE 50 AUTOMÓBILES CLÁSICOS


9/5/2012 A proba desenvolverase o vindeiro sábado 12 e domingo 13 de maio polas na Praza Maior da cidade

O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, e Carlos Somoza, membro da Asociación Lucense de Coches Antigos e Clásicos, presentaron o IX Ralli Cidade de Lugo que se celebrará o vindeiro sábado 12 e domingo 13 de maio. Esta proba, que se celebra por noveno ano consecutivo, desenvolverá unha ruta turística o sábado ao longo da xornada por estradas de Lugo, Friol e Outeiro de Rei. O domingo 13 de maio darán comezo as probas de habilidade en circuíto pechado, entre a zona peonil da Ronda da Muralla e a Praza Maior, dende as 11:00 horas e ata as 14:00.

José Manuel Grandío destacou que “este ano se desenvolveran actividades novidosas que farán aínda máis atractiva a xuntanza e quero agradecer aos membros da asociación o esforzo que fan un ano mais para levar a diante esta actividade.”

No mesmo sentido, Carlos Somoza, explicou que “con esta competición procuramos certa continuidade xa que o entendemos como un elemento cultural, por iso, dende o ano pasado, tratamos de evitar a competición e facelo máis divertido e para que participe toda a familia”.

A carreira convocará na cidade a múltiples coches antigos, algúns tan míticos como o Porsche Carrera 911, o Gordini, o BMW 2002TI ou os clásicos Mercedes, o Mini ou o Renault 8 que farán as delicias dos lucenses que se acheguen a saída para contemplar a súa beleza, algúns considerados auténticas xoias do coleccionismo de automóbiles.

Este ano baterase un récord de participación ao contar con uns 50 inscritos. Os condutores teñen que amosar as súas habilidades e a destreza na condución nun percorrido de 60 quilómetros, no que ademais cada certos quilómetros deberán responder a unha serie de preguntas culturais sobre o municipio.

Este ralli non é unha proba de velocidade, senón que os participantes compiten por amosar as súas habilidades e destreza na condución, pois as velocidades medias rondan os 50 quilómetros por hora. Esta carreira estase a converter nun acontecemento deportivo plenamente afianzado e nun referente entre os afeccionados ao mundo do motor.

A proba, que comezará ás 11:00 horas na praza Maior, está previsto que remate preto das 14:00 horas no mesmo lugar. A entrega dos trofeos terá lugar nas Bridas onde rematará esta festa automobilística cunha xuntanza gastronómica.