Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo, un ano máis, súmase ás celebracións do Día de Europa


# Mércores, 09/05/2012
O Alcalde leu un manifesto no que destaca que a cidade ten moitas probas de como contribuíu Europa a mellorar a calidade de vida

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Antes da lectura do manifesto fíxose entrega dos premios aos finalistas do xogo Xogamos por Europa e que gañou un grupo de alumnos do IES Ánxel Fole


O Concello de Lugo festexou hoxe o Día de Europa cun acto institucional presidido polo Alcalde, no que participaron representantes da corporación municipal. No acto, López Orozco, deu lectura a un manifesto no que lembrou que “estamos aquí para conmemorar que o día 9 de maio de 1950 produciuse a chamada declaración Schuman, feita por un dos pais do que hoxe é a Unión Europea. Nesa data Robert Schuman presentou a súa proposta para a creación dunha Europa organizada e, con ela, sementou o xermolo do que naceu a Unión Europea.”

Neste sentido tamén lembrou que “pasaron xa 62 anos desde que, con esa declaración, se puxeron os alicerces para a creación dunha Europa organizada e pacífica, logo da devastadora Segunda Guerra Mundial e que, por iso, o lema deste ano Xuntos somos máis fortes”. Tamén fixo referencia a que “neste momento, máis que nunca, debemos recordar como naceu a idea de Europa na mente dun grupo de políticos, como foron De Gasperi, Schuman ou o galego Salvador de Madariaga, entre outros, que se deron conta da necesidade de construír unha Europa en paz, solidaria e desenvolvida integralmente a través do diálogo”.

Para López Orozco este día serve para recoñecer a “a importancia de avanzar na construción dunha Europa unida e solidaria xa que foi a unión de todos o que levou á superación de guerras entre irmáns e a acadar uns niveis de benestar nunca coñecidos no mundo occidental.” Así, avanzou que “reafirmamos hoxe o noso compromiso de seguir traballando nese sentido, de superar as fronteiras que nos separaban e de xuntar as nosas forzas nestes momentos de dificultades económicas na convicción de que só buscando puntos de encontro poderemos superar os novos obstáculos que atopamos no camiño e ser quen de recuperar o antes posible os niveis de emprego e a melloría do nivel de vida.”

O Alcalde tamén explicou que “dende o Concello e os veciños de Lugo miramos o futuro de Europa con confianza xa que o noso pasado non se comprende sen ela e na nosa cidade temos moitas probas de como Europa tamén contribuíu a afianzar os nosos dereitos e a mellorar a nosa calidade de vida, a través dos fondos chegados da Unión Europea que nos axudan a traballar na formación, no emprego e na conservación do noso patrimonio.” Así mesmo, “reiteramos o noso compromiso de sumar o noso esforzo ó dos outros pobos para facer unha Europa mellor, formada por cidadáns libres, conscientes das súas obrigas e dos seus dereitos e que están dispostos a defendelos sempre que sexa preciso”, avanzou López Orozco.

Trala lectura do manifesto soou o himno de Europa e foi izada, polos gañadores do concurso Xogamos por Europa, a bandeira da Unión Europea no balcón principal da Casa do Concello, un acto que levaron a cabo os tres gañadores do concurso Xogamos por Europa, alumnos do IES Anxel Fole.

Concurso Xogamos por Europa
O Alcalde de Lugo e a Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral entregaron, antes da lectura do manifesto, os premios aos finalistas e gañadores do concurso Xogamos por Europa, que se disputou na sala multiusos do Centro de Información Europea do Concello de Lugo, Europe Direct-Lugo. Esta competición, na que participaron centros de toda a provincia de Lugo, tivo a súa fase final a finais do mes de abril e nela participaron cinco equipos, dous deles pertencentes ó instituto Anxel Fole, outros dous de San Xillao, e un do Muruais da Pontenova.

O equipo gañador foi o equipo B do Anxel Fole composto por Irene Basanta Pin, Erik Barrio Lozamo e Cinthia López Novo, que serán quen represente a Lugo na final do xogo que terá lugar en Madrid no mes de xuño. Alí competirán con equipos de Cantabria, Asturias, Madrid e Segovia.

Os tres membros do equipo que representará a Lugo na última fase desta competición viaxarán a Madrid acompañados polos seus profesores e por dez alumnos/as da súa clase.

O certame está dotado con tres galardóns consistentes en bonos para material escolar por un valor de 2.000 euros, no caso do primeiro premio; de 1.500 euros para o segundo e de 1.000 euros, o terceiro. Ademais haberá premios para cada membro dos cinco equipos finalistas consistentes nunha tableta para os tres membros do equipo gañador e un reprodutor MP4 para os doce concursantes da final.

O xogo “Xogamos por Europa” foi premiado pola Representación da Comisión Europea en España como mellor material informativo Europe Direct 2011. No desenvolvemento deste xogo participaron seis centros da rede Europe Direct: Comunidade de Madrid, Goberno de Cantabria, Concello de Segovia, Cámara de Comercio de Oviedo, Concellos de Asturias e Concello de Lugo


www.lugo.es/europedirect

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova