Cargando....
Concello de Lugo
29/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo aproba o convenio coa Xunta para a compensación de tarifas do transporte metropolitano e un concurso para a produción técnica de espectáculos no Gustavo Freire


# Mércores, 09/05/2012


Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Antón Bao dirixirase ao novo presidente da SGAE para tratar de solventar o conflito existente entre a sociedade e o concello de Lugo

O Concello de Lugo aprobou hoxe o convenio coa Xunta de Galicia para a compensación de tarifas do transporte metropolitano e prego de prescricións para o concurso de contratación da asistencia técnica de produción, apertura e vixilancia para a execución de espectáculos no auditorio municipal Gustavo Freire.

Os dous acordos tomounos a Xunta de Goberno Local na reunión celebrada este mércores, da que deron conta o Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, e o concelleiro de Urbanismo e Voceiro socialista, Luis Álvarez.

O convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; o Concello e a Empresa de Autobuses Urbanos Lugo S.A. para a determinación das condicións de compensación de tarifas e obrigas asociadas ás mesmas na área de transporte metropolitano de Lugo foi aprobado esta mañá pola Xunta de Goberno Local, segundo informou Luis Álvarez. 

Este convenio, que terá vixencia ata decembro de 2015, ten por obxecto determinar o sistema que será necesario empregar para facer a compensación tarifaria coa integración do transporte urbano da cidade de Lugo no novo sistema de transporte metropolitano

O acordo regula as viaxes que terán consideración de urbanas e as que serán interurbanas e establece os mecanismos técnicos para facer o pago das compensacións segundo o tipo de viaxe que realicen os usuarios do transporte metropolitano. Tamén contempla que as viaxes poderanse aboar coas chamadas tarxetas de pago integradas, como a tarxeta cidadá de Lugo, a tarxeta metropolitana de Galicia ou con aquelas tarxetas equivalentes á cidadá que emitan outras administracións e que sexan incorporadas ó sistema de transporte metropolitano de Galicia.

A Xunta asumiu o compromiso de crear o transporte metropolitano de Lugo para mellorar a comunicación por transporte público entre os concellos de Lugo, Castro de Rei, Castroverde, Friol, Guntín, O Corgo, Outeiro de Rei e Rábade, segundo se establece no convenio asinado polo Goberno galego cos debantidos concellos o 29 de decembro de 2010.

Concurso para espectáculos no Auditorio municipal

O Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, explicou que o concurso para a produción de espectáculos no Gustavo Freire ten unha dotación económica, de saída, de 59.000 euros para o segundo semestre deste ano 2012. Antón Bao aclarou que “esta contratación non ten que ver coa programación”. A contratación farase mediante un procedemento negociado ao que se convidou a participar a 6 empresas lucenses especializadas.

Antón Bao explicou que se elabora este prego coa finalidade de establecer as condicións e os medios técnicos e humanos que debe ter á empresa que resulte adxudicataria deste concurso para a prestación de de determinados servizos especiais necesarios para o desenvolvemento da actividade cultural que o Concello programe neste período contractual para o Auditorio Municipal Gustavo Freire. No prego contémplanse aspectos como a produción de eventos, a custodia e vixilancia do edificio e dos seus contidos, o mantemento de equipos e maquinaria escénica, as reparacións menores nas instalacións do edificio, etc...

Con esta contratación resolverase un tema pendente de solucionar dende hai moito tempo xa que o Auditorio non contaba cun contrato para esta asistencia técnica e estábase a facer con contratacións esporádicas. Con este procedemento procederase á contratación, por parte do Concello de Lugo, da empresa especializada na prestación de servizos para a produción de espectáculos, apertura e vixilancia no Auditorio Municipal Gustavo Freire nos espectáculos e actividades que nel se realicen ata o 31 de decembro do ano 2012.

As funcións a prestar pola empresa adxudicataria serán: Produción de eventos, entendido como a organización de todas as tarefas precisas para que as actuacións programadas polo Concello podan ter lugar en condicións axeitadas; administración xeral e xestión da billeteira; mantemento xeral e regulamentario e atención aos equipos específicos que conforman o equipamento técnico (excepto os que teñan suscrito contrato de mantemento por terceiros); control e revisión permanente do equipamento técnico e das instalacións xerais dos edificios, e comunicación urxente de incidencias ao Concello; reparación de pequenas avarías e substitución de elementos nas instalacións xerais dos edificios, non incluídas dentro do obxecto doutros contratos; manexo de plataformas elevadoras e montacargas; control de accesos, apertura e peche do edificio.

Para a contratación dividiuse en en tres tipos de diferentes (A, B, e C). A adxudicataria deberá, na súa oferta, cubrir como mínimo o número de xornadas que se indican en cada un dos tres tipos descritos. As empresas poderán presentar melloras nos seguintes aspectos: Incrementar, na súa oferta, o número de xornadas que poña a disposición do concello nos tipos: A. B e C. Ou ben facer melloras no prezo aplicado a cada un dos tipos de xornada.

Tipo A (Importe: 3000 € -IVE incluído- Mínimo 7 xornadas / ano= 21.000 €)
Tipo B (Importe: 1500 € -IVE incluído- Mínimo 15 xornadas / ano = 22.500 €)
Tipo C (Importe: 500 € -IVE incluído- Mínimo 15 xornadas / ano = 7.500 €)

SGAE

O Tenente-Alcalde aproveitou para anunciar que, hoxe mesmo, se poñerá en contacto co novo presidente da SGAE para clarificar e tratar de solventar o contencioso existente entre a sociedade que xestiona os dereitos dos autores e o Concello de Lugo. Neste momento a SGAE ten presentada unha demanda xudicial contra o concello de Lugo na que se reclama o pago de 78 facturas que suman máis de 100.000 €. A intención do Concello de Lugo é, segundo Antón Bao, “evitar as problemáticas que xurdiron entre ámbalas dúas institucións aínda que mantendo o máximo rigor”.

Bao engadiu que o Concello de Lugo está a realizar contactos con Federación Española de Municipios e Provincias e da propia FEGAMP para analizar cal é o modelo de relación entre os concellos e a SGAE xa eu existían convenios previos entre a FEMP e a SGAE. Antón Bao engadiu que “non pode ocorrer que agora teñamos que xustificar diante da SGAE actuacións que non tiveron lugar ou eventos que non foron organizados polo concello”. Bao amosou a súa confianza en que “sendo Antón Reixa o novo presidente da SGAE estou seguro de que esta situación vai mudar de inmediato”.


Horario do cemiterio

A Xunta de Goberno Local tamén acordou hoxe modificar o horario do cemiterio municipal debido a que, dende hai tempo, non se celebran ritos relixiosos de acompañamento de funerais os domingos, que pasan ós luns por decisión eclesiástica.

Os horarios pasan a ser na época de outono-inverno do 1 de novembro ó 1 de marzo, de luns a sábado de 10.00 a 13.30 e de 15.30 a 18.30 horas e os domingos de 11 a 14.30. Na época de primavera-verán, do 2 de marzo ó 31 de outubro, o horario amplíase en media hora, ata ás 19.00 horas, durante os días de semana. En todo caso, Luis Álvarez explicou que haberá flexibilidade de xeito que, se fora necesario, si se farían soterramentos o domingo pola mañá.



Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova