Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Festival de Música Cidade de Lugo 2012- Semana de Música do Corpus cumpre 40 anos cun programa que mestura talento lucense con figuras de renome internacional


# Xoves, 10/05/2012
Un total de oito concertos e un ballet constitúen un completo programa que posiciona ao festival lucense como un referente da música clásica

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Antón Bao agradeceu a colaboración da Sociedade Filarmónica Lucense e do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo na organización do festival

O Círculo das Artes, a Igrexa de San Pedro e o Auditorio Municipal Gustavo Freire escenarios do festival que se celebra do 26 de maio ao 8 de xuño

O que xa está considerado como o mellor festival de música clásica de Galicia e conta cun enorme recoñecemento a nivel estatal, cumpre este ano a 40 edición, cun marcado selo lucense. Así o explicou o Tenente de Alcalde, Antón Bao na presentación do programa do Festival de Música Clásica Cidade de Lugo 2012 – XL Semana de Música do Corpus, cando presentou aos representantes da Sociedade Filarmónica de Lugo, Julián Parga e José Luis Díaz, novos responsables da organización deste festival. Xunto a eles tres, estivo a Directora do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, Isabel Méndez, centro que tamén participa por vez primeira cun espectáculo de danza.

Unha das novidades máis salientables desta edición é que “quixemos dar resposta á demanda de moitos colectivos musicais da cidade que reclamaban unha maior presenza de formacións de Lugo na organización e no programa, polo que este ano falamos dun festival creado, organizado e protagonizado por lucenses”, segundo indicou o edil nacionalista. Por este motivo, a área de Cultura propúxolle á Sociedade Filarmónica Lucense a dirección artística do festival “pois contan cunha ampla e máis que acreditada experiencia na organización de programas musicais” explicou Bao.

O decano dos festivais de música clásica de Galicia naceu precisamente da man da Sociedade Filarmónica Lucense, “polo que recuperar a súa experiencia para a organización supón unha volta as orixes” explicou Bao, que engadiu “que contando con talento lucense desta extraordinaria calidade o lóxico é aproveitalo”. Froito desta nova colaboración destaca a creación dun programa que mestura este talento lucense con figuras de renome internacional que reforzan o prestixio deste festival.

Outra mostra deste talento lucense é a participación do Conservatorio Profesional de Danza, que presenta o espectáculo de ballet “O Quebranoces” de Tchaikovsky dentro do programa “Corpus dos Nenos”. E a terceira referencia lucense dentro do programa é a actuación do grupo Solo Voces que presentan o recital “Nacer, amar, morrer... A vida en música”, creado especialmente para a Semana do Corpus.

Respecto as datas de celebración do Festival, tamén se rexistra unha importante novidade, pois se concentra no periodo que vai do 26 de maio ao 8 de xuño, e co fin de recuperar a antiga idea de semana están programadas nove actuacións para oito días, segundo explicou José Luis Díaz. Tanto Díaz como Parga coincidiron en agradecer a confianza depositada polo concelleiro e en sinalar o obxectivo de manter a calidade do festival.

En total son oito concertos e a actuación do ballet do Conservatorio Profesional de Danza os que compoñen o programa desta XL Semana do Corpus. Os escenarios escollidos para a celebración das actuacións son o Círculo das Artes, a Igrexa de San Pedro e o Auditorio Municipal Gustavo Freire. Como nas edicións anteriores, a entrada é gratuíta o que supón unha oportunidade extraordinaria de gozar de balde da actuación en directo de formacións de prestixio internacional, habituais dos escenarios máis emblemáticos de todo o mundo.

O festival tamén terá presenza nas rúas da cidade con distintas actividades e actuacións.

O obxectivo de achegar a música clásica a toda a poboación inclúe tamén aos máis pequenos, polo que no programa destaca o Corpus dos Nenos que propón dúas actividades para o día 2 de xuño:
- a actuación da Orquestra de Nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia co “Concerto en familia” que ofrecerán ás 12:00 horas no Círculo das Artes
- e o espectáculo de ballet “O Quebranoces” de Tchaikosvky que representarán os alumnos do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo ás 18:00 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Isabel Méndez explicou que “vai ser un espectáculo protagonizado por nenos e que conta con elementos como a maxia e seres fantásticos que farán as delicias dos máis pequenos”. No escenario estarán os 85 nenos que estudan o grao elemental no conservatorio.

Respecto ao orzamento destaca tamén un importante aforro con respecto a edicións anteriores, ao reducirse o custo a 90.000 euros, pero que axustándose á realidade e asumindo íntegramente por parte do Concello de Lugo a financiación do festival, mantívose un obxetivo claro: non baixar a calidade propia deste festival, que é sen dúbida unha referencia deste tipo de certames a nivel estatal.

Reflexo desta calidade son as formacións que completan o programa, que foi explicado en detalle polo director artístico do festival, José Luis Díaz, que destacou o protagonismo da música barroca “coas formacións máis importantes do panorama internacional” e tamén a recuperación da presenza das sinfónicas no festival coa Orquestra Sinfónica de Burgos e a Orquestra de Nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Formacións como Forma Antiqva ou La Bellemont son habituais dos festivais máis importantes do mundo e contan con prestixiosas traxectorias. La Bellemont, grupo español que triunfa en Francia, conta nas súas filas cun dos máis importantes guitarristas de música clásica de fama internacional: o lucense Rafa Muñoz. Forma Antiqvua ofrecerá un concerto único no que estarán acompañados pola soprano barroca Soledad Cardoso.

Un luxo vai ser a actuación do afamado pianista Sergei Yerokhin, quen tras protagonizar unha meteórica carreira nos anos 90 acumulando todos os galardóns e recoñecementos posibles no seu campo, retirouse parcialmente dos circuítos e agora só toca en escenarios escollidos persoalmente. Vai ser unha oportunidade única de gozar dun talento extraordinario do piano.

Outra das actuacións destacadas polo organizador é a de Thomas Demenga & Patrick Demenga, pois ambos son experimentados músicos que tocan habitualmente nas orquestras máis importantes do mundo e van ofrecer en Lugo unha actuación moi especial acompañados pola formación galega Soncello Ensemble.

Para clausurar a Semana de Música de Corpus, Díaz programou un dos concertos máis especiais, no que se fusiona música e literatura ao render homenaxe á gran voz da literatura universal, Shakespeare. Tercia Realidade xunto á soprano Julia Doley presentan “Música para as obras de W. Shakespeare” con pezas de A Tempestade de Locke e The Fairy Queen de Purcell.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova