Cargando....
Concello de Lugo
10/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Manuel Méndez Novo tomou posesión como Xefe da Policía Local de Lugo nun acto, celebrado por primeira vez en trinta e sete anos, que presidiu o Alcalde


# Xoves, 10/05/2012


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
López Orozco destacou os méritos e a experiencia de Novo que pertence á Policía Local dende hai máis de trinta anos e manifestou que comeza un tempo novo no que se deben superar os problemas do pasado

O Alcalde salientou o papel da Policía Local como garante da liberdade e a seguridade dos cidadáns e dixo que Lugo debe ter unha Policía Local cada vez máis profesional


O Xefe da Policía Local agradece a confianza do Alcalde e fai un chamamento á colaboración



O Alcalde, José López Orozco, presidiu hoxe a toma de posesión do novo Xefe da Policía Local, Manuel Méndez Novo, nun acto oficial celebrado no salón de plenos da Casa do Concello ó que asistiron concelleiros dos tres grupos políticos da Corporación, así como o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; a Delegada territorial da Xunta, Raquel Árias; o Comisario provincial de Policía, Manuel Teijeiro; o Tenente Coronel Xefe da Comandancia da Garda Civil, Gonzalo Borrás, e numerosos mandos e axentes da Policía Local de Lugo.

O Alcalde pechou o acto cun discurso no que puxo de manifesto a súa confianza no novo Xefe da Policía Local do que destacou “a súa experiencia, coñecemento e afán de facer as cousas ben”, así como o seu mérito e traballo, que, como dixo López Orozco, lle permitiu, desque ingresou no corpo como Axente da Policía Local, en 1981, ir ascendendo ata chegar á Xefatura do Corpo, da que hoxe tomou posesión.

López Orozco lembrou que “o Corpo da Policía Local é o que está sempre máis preto dos cidadáns” e cumpre a importante misión, xunto cos outros Corpos e Forzas de Seguridade, de “garantir a liberdade e seguridade dos cidadáns”. Neste sentido, referiuse o Alcalde á colaboración que mantén a Policía Local de Lugo coa Garda Civil e a Policía Nacional, coordinados todos a través da Xunta Local de Seguridade.

O Alcalde agarda que “baixo o mandato do novo Xefe da Policía Local melloremos día a día” e lembrou que “son os cidadáns quen nos paga e a eles nos debemos”.

“Temos unha extraordinaria oportunidade de ter aprendido do pasado” destacou, tamén, o Alcalde, logo de recoñecer que “indubidablemente, a Policía Local pasou unha crise”, pero subliñou que “xa forma parte do pasado e debemos considerala non como algo negativo senón como unha crise de mellora e de crecemento”.

Para o Alcalde “non podemos perder de vista o obxectivo principal, que é servir ós cidadáns como merecen” e, deseguido, manifestou “gustaríame ter unha Policía Local cada vez máis profesional”. Para elo, considerou necesaria a formación e reciclaxe e tamén sinalou que o traslado á nova sede significará “non unha ruptura, pero si o comezo de tempos novos”.

López Orozco manifestou, noutro momento do seu discurso, que “todos tempos aprendido da historia” e dixo que “non debemos separarnos do camiño da lealdade e o compañeirismo e do obxectivo de servir á nosa cidade”. Dixo tamén o Alcalde que esa lealdade “non debe ser ausencia de espírito crítico”, que lles corresponde, por exemplo, ós sindicatos, pero matizou que “o traballo político queda para a Corporación elixida polo pobo”.

O Alcalde rematou o seu discurso desexándolle éxito a Méndez Novo porque será “o éxito da Policía Local de Lugo”.

Un novo reto

Pola súa parte, Manuel Méndez Novo agradeceulle ó Alcalde a confianza depositada nel e indicou “agardo non defraudalo neste novo reto que se me presenta e ser merecedor desta confianza que deposita en min”.

“Sei que non me enfronto a un traballo fácil”, manifestou o novo Xefe da Policía Local, “pero co imprescindible apoio de todos os membros do Corpo, espero estar á altura do que a cidade demanda de nó, apoio que moitos de vosoutros xa me transmitirades nestes últimos tempos que estiven exercendo de Xefe en funcións, e co que espero seguir contando”.

Deseguido recoñeceu que “temos moito traballo por diante e pídovos a todos a vosa colaboración, xa que, sen ela, todo o traballo sería en balde” e dixo que “todos xuntos debemos sentirnos orgullosos do uniforme que levamos, non porque sexa máis ou menos bonito, se non por sentirnos servidores da cidadanía desta grande cidade que é Lugo”.

Tamén explicou que “a Policía Local é, dende sempre, a Policía máis próxima ó cidadán, e neste sentido debemos camiñar”. Ademais sinalou que “para ofrecer un bo servizo ás persoas é necesario contar cunha alta cualificación, e para elo compre ter unha boa formación e unha reciclaxe continua”. Neste sentido, dixo que “dentro de moi pouco tempo, trasladarémonos ás novas instalacións en San Fiz, unhas instalacións modernas e funcionais,nas que disporemos de aulas adecuadas para poder organizar e realizar, alí mesmo, os cursos necesarios para unha formación axeitada e necesaria para estes tempos”.

Novo adicou un recordo ós seus predecesores no cargo, ós compañeiros xubilados e ós falecidos xa que “todos eles aportaron o seu traballo e coñecementos para que esta Policía sexa cada día mellor” e rematou o seu discurso brindando a súa colaboración ós demais Corpos e Forzas de Seguridade e agradecendo a autoridades, membros da Corporación, compañeiros e familiares a súa asistencia ó acto.

Primeira toma de posesión en 37 anos

O acto, no que tamén estiveron presentes a Xefa de Persoal do Concello, Marta López Peña, e varios familiares do novo Xefe da Policía Local , comezou coa lectura, por parte do Secretario Xeral do Pleno, José Antonio Carro Asorey, da resolución do Alcalde pola que nomea a Manuel Méndez Novo para o cargo.

De seguido o Alcalde tomoulle promesa do cargo e impúxolle os galóns que o acreditan como Xefe da Policía Local.

O acto rematou cos discursos do Xefe da Policía Local e do Alcalde.

A toma de posesión de Manuel Méndez Novo como Xefe da Policía Local de Lugo é a primeira que se produce dende o 30 de abril de 1975.

Currículum

Manuel Méndez Novo é funcionario de carreira do Concello de Lugo dende hai máis de 30 anos. Ata hoxe era Inspector Principal da Policía Local.

Funcionario desde o 13 de Xuño de 1981, data na que accedeu por oposición libre, co número 1 da súa promoción, á praza de Axente da Policía Local. Ascendeu a Cabo (hoxe denominado Oficial) co número 1 da súa promoción, mediante concurso-oposición o día 6 de decembro de 1.982. O 27 de setembro de 1984 ascendeu a Sarxento (hoxe denominado Inspector) e o 23 de maio de 1991 ascende a Suboficial (hoxe denominado Inspector Principal).

Durante o período no que permaneceu como Axente e Cabo, prestou servizo na rúa, en quendas rotatorias, tanto a pé como en coche patrulla. Desque ascendeu a Sarxento e, posteriormente, a Suboficial prestou servizo como Xefe dun dos seis turnos existentes, ata o pasado mes de decembro. Dende entón desempeñaba o cargo de Xefe en Funcións da Policía Local.

Méndez Novo é licenciado en Dereito e fixo os seguintes cursos:

Curso da Secretaría de Estado para a Seguridade sobre Xestión de Persoal para Mandos da Policía Local.
Curso da Escola Galega de Administración Pública sobre Procedemento Administrativo para os Grupos C y D.
Curso da Escola Galega de Administración Pública sobre “A Policía Local na Protección Civil”.
Curso da Academia Galega de Seguridade sobre “Dilixencias, Prevención e Policía Xudicial Xenérica”.
Curso da Academia Galega de Seguridade sobre “Investigación de Accidentes de Tráfico”.
Curso da Xunta de Galicia, 061, sobre “Desfibrilación Externa Semiautomática”.
Diploma asistencia SeguCITY, “I Encuentro Nacional de Responsables de Seguridad Local”.
Diploma de Socorrismo
Diploma VII Jornadas Penitenciarias Lucenses
Diploma VIII Jornadas Penitenciarias Lucenses
Cursos de Iniciación e Perfeccionamento de Galego

Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova