Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Cultura urbana, tradición e un cadáver exquisito para celebrar a "Festa das Letras"


# Martes, 15/05/2012
Lucenses e visitantes poderán escribir o cadáver exquisito “Relato de Lugo” o venres 18 de maio

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O espectáculo de danza contemporánea “Latexo” pecha o programa no Auditorio Municipal Gustavo Freire o sábado 19

Nova edición do programa de visitas guiadas “Lugo a Pé” do 17 ao 20 de maio


Para celebrar o Día das Letras galegas, a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua organiza, en colaboración coa Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, un programa de actividades gratuítas e para todos os públicos baixo o nome de “Festa das Letras”. O Tenente de Alcalde e Responsable do Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, explicou durante a súa presentación que se desenvolverá os días 17, 18 e 19 de maio. Van ser tres días nos que se celebre a festa grande da nosa literatura e a nosa fala a través dun programa no que se mesturan elementos da cultura urbana, como o rap e os grafitties, con símbolos da cultura galega, como son os cantos e o baile tradicional.

Segundo explicou o edil, “isto é un reflexo da sociedade galega, pois ao longo da historia contemporánea conviviron vangarda e tradición, o que é unha fonte de riqueza e de inspiración para a nosa cultura”. Precisamente, esta harmonía entre tradición e modernidade é o que posibilita a pervivencia dos nosos sinais de identidade. Nesta liña, Bao abundou no feito de que “é preciso facer un esforzo por achegarse ás xeracións máis novas, pois é esa mocidade a herdeira e a futura transmisora da lingua e a cultura galegas”.

O deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, manifestou que “a colaboración entre institucións para difundir a nosa cultura e a nosa fala deben estenderse ao resto do ano” e convidou a todos os lucenses a celebrar “con orgullo a festa da nosa lingua”.

O programa arrinca o día 17 con dous actos que xa marcan a tradición festiva do Día das Letras Galegas en Lugo: o concerto da Banda Municipal no templete da Praza Maior ás 12:00, adicado a Valentín Paz Andrade, e a exhibición de baile tradicional que organiza a Concellería de Educación. Os protagonistas, como todos os anos, serán os nenos e nenas dos colexios de Lugo que farán a mostra de distintos bailes galegos a partir das 13:00 horas na Praza Maior.

As novidades chegan o venres 18, cunha completa axenda de actividades que se desenvolverán na Praza Maior e na Praza de Santa María. Destaca a redacción do primeiro cadáver exquisito, que se titulará “O relato de Lugo” e no que poderán participar todos os lucenses e visitantes que se acheguen á Praza Maior onde se instalará un taboleiro con papel e bolígrafos dende as 17:00 horas. Este exercicio de creación literaria baséase na participación colectiva polo que o concelleiro convidou a escribir “unhas verbas, frases ou versos libremente a ver no que resulta este relato colectivo de Lugo”. Vai ser un escrito encadeado, na que cada un dos participantes só coñecerá a última frase do anterior e, sobre esa, decidirá como continúa a historia.

Pola tarde, a Praza de Santa María acollerá os obradoiros de canto tradicional (17:00 horas) e de baile tradicional (18:00 horas) abertos a todo o público e que dirixirán monitores de Tradescola. Mentres, a Praza Maior será o escenario dunha exhibición de grafitties a partir das 17:00 horas con artistas lucenses que improvisarán obras inspiradas nas Letras Galegas. Pecha a xornada o concerto de Rap e Regueifa que ofrecerá a Asociación Galega da Oralidade a partir das 19:00 horas. Participan os rapeiros Didaco, Pablo Uve e DJ Webo, que se medirán cos regueiferos Josiño de Teixeira e Bieito Lobariñas.

Tamén a do sábado vai ser unha xornada moi participativa, tanto para nenos como maiores, pois a Praza Maior acollerá a Festa dos Xogos Tradicionais de Xotramu. De 11:00 a 13:00 horas, esta asociación divulgará os xogos máis populares cos que xogaban os nosos antergos como: os bolos, as chapas, ou a billarda, entre outros moitos que conforman o noso patrimonio lúdico.

A compañía Proxecto Danza pecha o programa de actividades co seu espectáculo “Latexo”, no que tres experimentados bailaríns (Belén López, Ruth Pérez e Xabier Iglesias) afrontan unha complexa coreografía na que se mesturan bases da danza tradicional galega con ritmos contemporáneos como o hip hop, e elementos escenográficos de carácter vangardista como a arte urbana. A envoltura musical corre a cargo do gaiteiro lucense Bruno Villamor. A actuación terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire. A entrada é gratuíta.

Programa de visitas guiadas “Lugo a pé”
Para completar as actividades que ofrece a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua para esta ponte celebraranse os itinerarios culturais pola cidade organizados en colaboración das guías oficiais de turismo de Lugo. Esta nova edición das visitas guiadas “Lugo a pé” mantén no itinerario aos Museos Municipais, de xeito que os turistas inscritos visitarán o Centro de Interpretación da Muralla, a Casa dos Mosaicos e a Sala de Exposicións Porta Miñá. Realizarase unha ruta diaria do 17 ao 20 de maio con saídas ás 12:00 horas dende a Praza do Campo. Os interesados poden apuntarse na Oficina Municipal de Turismo e o custe por persoa é de 3 euros.

Estas visitas están deseñadas polas guías profesionais e permiten coñecer os monumentos culturais, arqueolóxicos e históricos máis importantes da cidade, coa súa historia e anécdotas e a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua traballa para convertelas nun activo turístico permanente.

Doutra banda, a Concellería continúa coa promoción turística da cidade baixo o lema “En Primavera, Ponte en Lugo” cunha nova edición do dossier informativo no que se incorporaron as novas propostas culturais para esta ponte. Ademais, o programa continúa coas ofertas que ofrece a empresa de internet www.sientegalicia.com que propón seis escapadas a Lugo con prezos que oscilan dende os 19 euros aos 84 euros e ofertan excursións, estancias en hoteis, rutas en segway ou visitas culturais.

Este produto de promoción turística está a ser enviado a axencias de viaxe, medios especializados e oficinas de turismo, Ademais, continúa a difusión a través da internet, aproveitando as redes sociais.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova