Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello aproba o Primeiro Programa Experimental de Servizos Locais e Fomento do Emprego que suporá a contratación de 20 desempregados de Lugo


# Mércores, 16/05/2012
Está dotado con 300.000 euros que se adicarán a proxectos de Infraestruturas, Medio Ambiente, Zona Rural, Deportes e Educación

A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores o Primeiro Programa Experimental de Servizos Locais e Fomento do Emprego que conta cun orzamento de 300.000 euros, segundo informou o Concelleiro de Urbanismo e Voceiro socialista, Luis Álvarez. Luis Álvarez e o Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, compareceron en rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados hoxe pola Xunta de Goberno Local.

Álvarez explicou que, para o Goberno local, a creación de emprego en Lugo é un obxectivo prioritario, aínda que o Concello carece de competencias nesta materia, e por iso se optou por crear este Programa Experimental de Servizos Locais e Fomento do Emprego, que substitúe ó Plan Piles, dado que un Real Decreto do Goberno impide ás administracións locais facer contratacións de persoal.

Luis Álvarez manifestou que “este Programa obedece ó triple obxectivo do Goberno local de contribuír á permanencia de empresas locais no tecido empresarial de Lugo, fortalecer o mantemento de postos de traballo e creación de novos empregos e levar a cabo actuacións de interese municipal”.

O Programa Experimental de Servizos Locais e Fomento do Emprego que pon en marcha o Concello de Lugo é un proxecto piloto que vai permitir a contratación de cinco empresas locais, mediante procedemento negociado e coa obriga de contratar un mínimo de catro traballadores cada unha das empresas para facer traballos de interese para o municipio.

O Concello financiará a través deste Programa cinco proxectos de actuación que se desenvolverán nas áreas de Infraestruturas, Medio Ambiente, Zona Rural, Deportes e Educación. Cada un deles disporá dun orzamento de 60.000 euros. Na área de Infraestruturas o investimento adicarase a arranxos en beirarrúas, na de Medio Ambiente a desbroces urbanos, arranxos de bancos e xardíns; no caso de Zona Rural tamén se farán desbroces neste caso nas parroquias do rural, en Deportes o presuposto será para labores de mantemento nas instalacións deportivas e na área de Educación o investimento adicarase ó mantemento e arranxo dos centros escolares.


O Sergas non está exento do IBI

O Goberno local tamén tratou hoxe unha solicitude de excepción do pago do Imposto de Bens Inmobles presentada polo Sergas para o HULA. Respecto deste asunto, a Xunta de Goberno Local deixou claro que esa exención non está contemplada na Ordenanza do Imposto de Bens Inmobles. Luis Álvarez criticou que “a Xunta de Galicia presume da súa solvencia e agora pretende que se lle exima do pago dun imposto que ten que pagar, como pagamos todos os contribuíntes”.

“Eles, igual que o resto dos contribuíntes, son vítimas dunha suba desproporcionada do IBI, acordada unilateralmente polo Goberno de España que decidiu incrementar nun 10% este imposto”, sinalou o Concelleiro de Urbanismo. Ó seu xuízo, a Xunta o que pretende é que “sexan os concellos e, por tanto os contribuíntes, quen corramos con gastos que lle corresponden a ela”.

Tamén aclarou Álvarez que “a nosa non é unha decisión electoralista ou política”, xa que, lembrou, “a mesma petición fíxose neste Concello no ano 2008, cando presidía a Xunta o señor Touriño, e foille denegada, volveuse pedir no 2011 e tamén foi denegada”. A maiores, o Concelleiro de Urbanismo destacou que o IBI de Lugo é o sexto máis barato das cidades españolas

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe as peticións de excepcionalidade ás normas de habitabilidade de Galicia para autorizar a instalación de ascensores en sete edificios da cidade. Este procedemento, suxeito a ditame do Gabinete de accesibilidade, permite facer accesibles edificios que polas condicións arquitectónicas dos edificios, pola época na que foron construídos, non reunirían os requisitos que establece a normativa, polo que é necesaria a concesión desa excepcionalidade.

Así mesmo aprobouse o proxecto de modificación parcial da vixente Ordenanza reguladora do funcionamento dos Centros de día no Concello de Lugo para facer unha adaptación á nova lexislación estatal e autonómica en materia de dependencia.
Esta modificación introdúcese no artigo 10 da Ordenanza relativo ó réxime de incompatibilidades e establece que as prazas dos centros de día serán incompatibles con outras prestacións do sistema galego de atención á autonomía persoal e a dependencia con excepcións como o servizo de teleasistencia. Tamén se modifica, polo mesmo motivo, o baremo regulador coa finalidade de que o acceso ó centro de día sexa máis acorde co perfil das posibles persoas beneficiarias.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova