Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Antón Bao recibiu aos participantes no VI encontro Luso-Galaico


# Venres, 18/05/2012
Alumnado e docentes da Escola Secundária Fernão de Magalhães de Chaves e do IES Xesús Taboada Chivite de Verín coñeceron a cidade de Lugo

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Bao lembro, nesta semana das letras galegas, a importancia do noso idioma como “unha importantísima ferramenta para abrirnos cara os países lusófonos”.

O Tenente-alcalde, o nacionalista Antón Bao, recibiu hoxe a preto dun cento de docentes e alumnos participantes no VI encontro Sociocultural Luso-Galaico que na xornada de hoxe visitaron a cidade de Lugo. Na edición deste ano do encontro Luso-Galaico participan a Escola Secundária Fernão de Magalhães de Chaves e o IES Xesús Taboada Chivite de Verín. Antón Bao agradeceu o feito de que, neste ano, “os organizadores tiveran o ánimo de achegarse a coñecer a cidade de Lugo”. Bao engadiu que “Lugo é referente no que foi o pasado romano peninsular e gustamos de que os nosos veciños de Chaves, que conservan unha fermosa ponte romana, poidan tamén coñecer a nosa muralla e a nosa Ponte que recuperará en breve o seu mellor aspecto”. Bao aproveitou para lembrarlles aos rapaces, nesta semana das letras galegas, a importancia de conservar e mimar o noso idioma xa que “é unha importantísima ferramenta para abrirnos cara os países lusófonos”.

Ademais da recepción no concello os compoñente da expedición Luso-Galaica percorreron, durante a xornada, o adarve da muralla e visitaron o Museo Provincial e o Centro de Interpretación da Muralla. Segundo relataron os organizadores do encontro “tamén fixemos un percorrido polo casco histórico prestando especial atención á Catedral, Piscina Romana, Círculo das Artes, Concello, Praza de Santo Domingo, Pazo da Deputación, Igrexa de San Pedro e Praza do Campo coa súa Fonte de San Vicente”. Despois de almorzar ao carón do Miño navegaron no catamarán que sae dende Os Robles para voltar despois cara Verín e Chaves.

Estes encontros Luso-Galaico nacen ao comezo do curso escolar 2006/07, cando o Equipo de Normalización Lingüística e a dirección do centro do “IES Xesús Taboada Chivite” de Verín, consideraron que dada a súa situación xeográfica, sería imprescindible programar unha actividade conxunta cos veciños de Chaves, xa que ata ese momento e a pesares de estar tan preto, a distancia era enorme se nos referimos a actos escolares mancomunados. O obxectivo básico é facilitar aos rapaces o coñecemento e valoración das culturas e tradicións a través dunha experiencia intercultural. Tamén se pretende, con estes encontros, inculcar na mocidade a idea de que as linguas son unha forma de comunicación entre os pobos, que unen culturas e sustentan tradicións.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova