Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Arranca o proceso de creación da Escola Municipal de Música


# Sábado, 19/05/2012
Nesta semana daranse pasos decisivos nas xuntanzas da Comisión Técnica e da Mesa de Negociación ademais de perfilarse a contratación das obras necesarias

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A Escola Municipal de Música estará situada no Centro Social Uxío Novoneyra e contará cun total de 19 espazos acondicionados para o seu funcionamento

O Tenente-alcalde do concello de Lugo anunciou que esta será unha importante semana para avanzar na creación da Escola Municipal de Música. Segundo Antón Bao “este é o maior proxecto cultural dos últimos tempos para Lugo”. Antón Bao afirmou que a Escola Municipal de Música será unha realidade “grazas á vontade política e a pesares de ser estes os peores tempos para poñer en marcha este servizo necesario para Lugo”. Antón Bao aclarou que Lugo é única cidade galega que non conta, ata o de agora, con Escola Municipal de Música e que existen, dende fai tempo, escolas deste tipo noutras localidades lucenses como Monforte, Sober, Taboada, Chantada, Sarria, Guitiriz, Vilalba, Ribadeo, Viveiro, Burela, A Pontenova, Meira, A Fonsagrada, Xove, Monterroso.

Antón Bao sinalou que “a creación da Escola Municipal de Música de Lugo obedece, ademais de a un compromiso coa historia da música en Lugo a un compromiso político para dignificar a situación da Banda Municipal que se ven deteriorando progresivamente dende hai moitos anos”. Para Antón Bao a Lugo non merece que “unha Banda de Música con máis dun século de historia, que ten obedecido batutas como insigne Xoán Montes chegara a este estado de deterioro”. A Banda de Lugo é a Banda Municipal máis antiga de Galiza dende a súa creación no 1876.

Nesta semana reuniranse representantes políticos, técnicos dos distintos departamentos do concello e membros dos sindicatos para iniciar formalmente os trámites administrativos necesarios para que a Escola Municipal de Música quede constituída como servizo, dependente da área de cultura, dentro do organigrama do propio Concello. Ademais esta semana quedará perfilada a contratación das obras para a adecuación das salas do Centro Social Uxío Novoneyra que albergarán a Escola Municipal de Música.

O luns 21 de maio reunirase a Comisión Técnica para recibir os informes que avalan a creación da Escola baixo a forma de xestión directa. No modelo plantexado serán os actuais integrantes da Banda Municipal os que se farán cargo da organización, docencia, planificación educativa e xestión integral da Escola Municipal de Música. Esta comisión, que estará presidida polo Tenente-Alcalde, esta conformada por técnicos municipais e por dous representantes de cada un dos grupos políticos con representación na corporación municipal. Nesta Comisión Técnica trataranse tanto os aspectos relativos a cuestións de persoal como o informe de economía e da secretaría. Toda a información será distribuída entre os integrantes para o seu coñecemento e validación.

Para a elaboración do expediente administrativo que debe ir ao Pleno acordouse a creación de catro grupos de traballo que aportarán a documentación necesaria para a súa análise na Comisión Técnica: un grupo económico, que traballa na redacción das taxas de matrículas e nas ordenanzas fiscais necesarias; un de persoal, que se encarga do plan de emprego; un grupo xurídico, que se encarga dos estatutos da Escola; e un grupo técnico que elabora o plan de estudos e o regulamento interno de funcionamento. Estes catro grupos traballaron simultaneamente e tras a xuntanza da Comisión Técnica, o seguinte paso, será trasladar o expediente á aprobación do pleno de xuño. Unha vez realizado este trámite estaría superado o primeiro paso para a creación e posta en marcha da Escola Municipal de Música.

O mércores 23 de maio celebrarase unha mesa de negociación na que estarán os representantes do comité de empresa e dos sindicatos. Nesta xuntanza trataranse os asuntos referidos aos cambios relativos ao persoal na Escola Municipal de Música. O feito de que os actuais membros da Banda de Música Municipal asuman de xeito íntegro o traballo necesario para o funcionamento da Escola de Música provoca un cambio na súa consideración laboral. Estes cambio de status será abordado na mesa de negociación na que estarán representados todas partes interesadas.

Unha vez rematada a fase administrativa e cando o Pleno do Concello aprobe a ordenanza fiscal que fixe as tasas abrirase o prazo de matrícula para todas as persoas interesadas.

Creación de emprego
Coa a creación da Escola Municipal de Música os actuais compoñentes da Banda Municipal pasarán a ser funcionarios a xornada laboral completa. Ata o de agora atopábanse nunha discutible situación laboral ao estar considerados como funcionarios a media xornada. Esta situación obrigaba aos profesionais da Banda Municipal a compatibilizar o exercicio da música con outras tarefas profesionais. Todos os aspectos de funcionamento da escola, tanto docentes como administrativos e organizativos, estarán en mans dos actuais compoñentes da Banda Municipal de Música.

Segundo indicou o Tenente-Alcalde e responsable da área de Cultura do Concello de Lugo “A creación da Escola Municipal de Música supón, ademais dun magnífico proxecto de formación musical para Lugo, a creación e consolidación de postos de traballo”. Bao explicou que a xeración de emprego “dáse en dous sentidos: consolídase e mellorase a situación laboral dos integrantes da banda municipal e, tamén, se crea emprego xa que os traballos complementarios que tiñan os membros da banda noutras escolas ou entidades quedarán agora vacantes e xerarán emprego para outros músicos”.

Adecuación de locais
Segundo informou o Tenente-Alcalde, Antón Bao, diversos servizos do concello están traballando para que esta semana quede perfilada a contratación das obras para a adecuación das salas do Centro Social Uxío Novoneyra que albergarán a sede da Escola Municipal de Música. As obras a realizar contarán cun orzamento aproximado aos 100.000 € necesario para desenvolver o proxecto de adecuación do espazo que actualmente ocupan as salas de exposicións do Centro Social Uxío Novoneyra. O proxecto contempla a creación de espazos para desenvolver a actividade propia da escola e a adecuación acústica dos mesmos.

No proxecto están reflexadas un total de 11 aulas para práctica instrumental que terán un tamaño medio de 10 m². Están previstas dúas salas de conxunto instrumental, de aproximadamente 60 m² cada unha, e unha sala de usos múltiples, acondicionada para realizar actividade física, duns 50 m². A escola tamén contará con dous despachos para traballos de administración e dirección e dous almacéns para material. Así mesmo manterase un espazo multidisciplinar que dará continuidade ao uso expositivo que actualmente ten esta planta do Centro Social Uxío Novoneyra e tamén servirá para organizar actividades de diverso tipo.

Completa oferta formativa
As clases están pensadas tanto para nenos e nenas que se inician na música, como para persoas de todas as idades que queren aprender a tocar algún instrumento. Impartiranse un total de 21 materias, entre as que haberá a aprendizaxe de 12 instrumentos distintos principalmente de vento e percusión e 9 materias teóricas de apoio e formación musical. As persoas que se matriculen poderán escoller entre clarinete, percusión, gaita, frauta, trompa, trompeta, fagot, trombón, saxofón ou tuba. Entre as materias teóricas están linguaxe musical, formación de adultos, obradoiro de creación sonora, musica e movemento, historia da música, fundamentos da composición, jazz e improvisación, iniciación á informática musical.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova