Imprimir

ADXUDICADA A OBRA DE REHABILITACIÓN DA PONTE VELLA DE LUGO


18/5/2012 As obras acometeranse este verán xa que será necesario achicar o caudal do río mediante ataguías para poder actuar sobre as pilastras do vello viaduto romano

Adxudícaselle a obra de Rehabilitación da Ponte Romana a empresa Misturas S.A., por un importe de 688.048,56 € e un prazo de execución de 4 meses

Retirarase a estrutura metálica engadida nos anos 70, cambiarase o pavimento actual por pedra, mellorarase a iluminación e renovaranse todas as canalizacións de auga, luz, gas e telefonía que dan servizo ao barrio da Ponte

A edil responsable da área de infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, anunciou hoxe a adxudicación definitiva das obras de rehabilitación da ponte romana de Lugo. Unha obra segundo Paz Abraira “vai transformar completamente a fisionomía da ponte romana de Lugo” e que vai permitir “recuperar un importantísimo elemento patrimonial do concello e poñer en valor o barrio da Ponte”. Adxudicóuselle a obra de Rehabilitación da Ponte Romana a empresa Misturas S.A, con sede en Ourense, por un importe de 688.048,56 € e un prazo de execución de 113 días (4 meses), obténdose polo tanto unha baixa de 261.901.44 € sobre o prezo do contrato (27% menos) e unha redución do prazo de execución de 2 meses.


Para a execución destas obras presentáronse 21 empresas, das que 3 foron excluídas por non presentar a documentación administrativa requirida. 3 delas estaban en baixa temeraria polo prezo (UTE Xestión Ambiental, UTE Jesús Martínez e UTE Alvac-Ros Zapata), e 4 en baixa temeraria polo prazo (UTE Ribedurero, Antalsis S.L, Misturas S.A e ExtracoS.A) Non se aceptan por parte dos técnicos municipais as propostas de xustificación das baixas temerarias por prezo, nin a baixa temeraria por prazo dunha das empresas, a de Extraco S.A., e si as das outras 3 empresas.

A rehabilitación da vella ponte romana de Lugo executarase neste verán e servirá para que o viaduto recupere a súa imaxe orixinal. Os traballos, que consistirán na retirada dos elementos engadidos en reformas posteriores e na substitución das canalizacións e do cabreado que hoxe cruza pola ponte, durarán catro meses e terán un 688.048,56 € de euros, segundo explicou hoxe a concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira. O Ministerio de Fomento financiará o 75% da obra con fondos do 1% Cultural e o Concello porá o 25% restante.

Será necesario agardar aos meses de verán para acometer os traballos, segundo explicou Paz Abraira, xa que será necesario achicar o caudal do río mediante ataguías para poder actuar sobre as pilastras orixinais da época romana. A ponte está cimentada directamente sobre a pena que aflora nesa entreseca do río Miño e debido a enchentas e acometidas do río algúns dos sillares sufriron deterioro co paso do tempo que é preciso reparar.

Está previsto asemade baixar a rasante de entrada á ponte dende a Volta da Viña, co que se mellorarán os accesos á Calzada da Ponte, ao Balneario e ao Paseo do Miño. O proxecto contempla tamén retirar a actual estrutura metálica colocada nos anos 70 para ensanchar a ponte e colocar barandas de sillería. Tamén se cambiará o pavimento, que volverá a ser de pedra posta de punta, tal como era orixinalmente. Ao mesmo tempo, aproveitarase para renovar todas as canalizacións de auga, luz, gas e telefonía que dan servizo ao barrio da Ponte e que actualmente cruzan polo viaduto, que pasarán a ir agochadas.

Durante as obras garantirase o acceso aos veciños e o paso do bus urbano

A concelleira mantivo diversas xuntanzas coas asociacións de veciños do barrio para organizar o desenvolvemento das obras e todos os temas relativos ao tráfico e o transporte público no camiño de causar aos residentes as menores molestias posibles pois mentres duren as obras non van poder facer uso da ponte romana.

Durante o tempo que duren as obras será necesario cortar ao tráfico a vella ponte, polo que se adoptarán medidas para garantir o servizo de bus urbano ou outros. A responsable de Infraestruturas reiterou que quere “que as obras que vai acometer o Concello a partir de agora estean ao servizo dos veciños”, polo que defendeu que “os veciños serán os primeiros informados das obras que se van a acometer nos seus barrios para que poidan opinar sobre elas”. “Esta é unha práctica que queremos aplicar en diante: a colaboración permanente cos veciños e veciñas para evitar molestias innecesarias”, afirmou a concelleira nacionalista.