Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O barrio de Albeiros recupera o seu Cruceiro


# Mércores, 23/05/2012
A rúa do Cruceiro será o enclave para situar o elemento patrimonial que fora eliminado da zona hai máis de 30 anos

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

A Área de Cultura da Deputación e a Área de Infraestruturas e Axenda 21 do Concello de Lugo colaboraron para devolverlle a Albeiros un dos seus elementos identitarios

Os veciños e veciñas de Albeiros voltarán a ver colocado, despois de máis de 30 anos, o cruceiro que lle deu nome á rúa na que hoxe se inaugurou. Para celebralo estiveron alí, xunto cos veciños e os membros da asociación veciñal Virxe da Soidade, o Tenente-Alcalde, Antón Bao, o responsable de Cultura da Deputación, Mario Outeiro, e a concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, Paz Abraira.

Este cruceiro foi custodiado durante 30 anos polo matrimonio Pepe "O Panadeiro" e Virtudes (Veciños do Cruceiro), evitando que fora levado do seu lugar orixinal. Estes veciños do barrio de Albeiros mantivérono desmontado no patio da súa casa. Cando a rúa do Cruceiro de Albeiros foi sometidas ás melloras que precisaba, a peza de pedra a punto estivo de rematar na escombreira. Foi desmontada. Cando ían a recoller os escombros, a punto estiveron as distintas partes do cruceiro de acabar no vertedoiro. Pero un dos veciños pediu que lle deixasen quedarse coas pezas, para poder restauralo algún día. Virtudes, a viúva de Pepe, coidou ata o día de hoxe das pedras que de novo retoman o esplendor que sempre mereceron no barrio de Albeiros.

A Asociación de Veciños de Albeiros "Virxe da Soidade", xunto coa Área de Cultura da Deputación, que dirixe o nacionalista Mario Outerio, e a responsable de Infraestruturas e Axenda 21 do Concello de Lugo, a tamén nacionalista Paz Abraira, impulsaron a restauración deste cruceiro que mesmo da nome ao lugar que historicamente ocupou.

A restauración e posta en valor do noso patrimonio cultural é un eixo básico da Axenda 21 Local que a Concellería de Infraestruturas e Axenda 21 do Concello de Lugo está a retomar e poñer en valor no presente mandato municipal. Paz Abraira incidiu en que a "metodoloxía de traballo da Axenda 21 é dende logo contando coa participación activa do tecido asociativo implicado". 
 
A Concelleira expresou o seu agradecemento á Asociación de Veciños de Albeiros "Virxe da Soidade" e especialmente ao matrimonio grazas ao cal podemos desfrutar hoxe en día deste patrimonio.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova