Imprimir

ESTE FIN DE SEMANA CELÉBRASE A FEIRA ECOLÓXICA DE LUGO NA PRAZA DE ABASTOS


24/5/2012 Así o anunciou esta maña o Concelleiro de Servizos Xerais que explicou que estará aberta ininterrompidamente dende as 11:00 ata as 21:00 horas

O Concelleiro de Servizos Xerais, Francisco Fraga, e o Secretario do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Javier García Lozano, presentaron a primeira Feira Ecolóxica de Lugo que ten lugar os días 26 e 27 de maio na parte de abaixo da Praza de Abastos.

Na feira haberá stand de produtores ecolóxicos da provincia de Lugo onde haberá mostras dos produtos e a se realizará a venda dos mesmos ademais dunha serie de degustacións e menús ecolóxicos en diferentes restaurantes que accederon a colaborar como son o Paprica, os Cachivaches, A nosa terra, Curmáns e o restaurante España, segundo explicou Javier García.

Pola súa parte, Francisco Fraga, incidiu en que con estas actividades “preténdese dinamizar o mercado e a praza de Abastos de Lugo e convertelos nun lugar habitual de feiras e eventos relacionados co tema da alimentación”. Neste sentido deu datos sobre o aumento do consumo e da produción de alimentos ecolóxicos na provincia, así, no ano 1997 só había 7 produtores en toda a provincia pero en 14 anos a cifra pasou a máis de 470 produtores. Tamén Lugo destaca por ser unha das provincias con máis terreo adicado á agricultura ecolóxica, xa que dispón de preto de 6.500 hectáreas, moito máis que a da Coruña con 1.000 hectáreas. O Concelleiro de Servizos Xerais falou da importancia da agricultura ecolóxica xa que “cada vez estamos preocupados polos alimentos que inxerimos e estes son produtos sen químicos e que teñen uns indicadores de calidade moi importantes”.