Imprimir

A POLICÍA LOCAL USARÁ UNHA WEB DA DIRECCIÓN XERAL DE TRÁFICO PARA NOTIFICAR AS SANCIÓNS QUE NON SE POIDAN FACER CHEGAR ÓS DOMICILIOS DOS INFRACTORES


24/5/2012  

As notificacións no Taboleiro Edictal de Sancións de Tráfico substitúe á publicación no Boletín Oficial da Provincia e permite ós cidadáns coñecer en tempo real se teñen algunha sanción pendente

O Concello de Lugo incorpórase ó sistema TESTRA (Tablón Edictal de Sanciones de Tráfico) da Dirección Xeral de Tráfico e comezará a publicar a través da Internet as multas de tráfico que non se poidan comunicar nos domicilios dos interesados.

Co uso desta ferramenta informática da Dirección Xeral de Tráfico, a Policía Local de Lugo deixa de publicar no Boletín Oficial da Provincia as sancións de tráfico que non puideron ser notificadas.

A característica máis novidosa e eficaz deste sistema é a centralización desta información, que agora permitirá ter coñecemento, en tempo real, de todas as notificacións dos procedementos sancionadores que teña un condutor, calquera que sexa o lugar e a Administración que o sancionou.

O TESTRA é un servizo gratuíto ó que se pode acceder desde calquera ordenador con conexión a Internet e está aloxado na páxina web da DXT.