Imprimir

ESTE SÁBADO CELÉBRASE A II FOLIADA QUE ORGANIZA A ASOCIACIÓN AIRIÑOS DE ORBAZAI


29/5/2012 Un total de 10 grupos actuarán dende as 17:00 horas no campo da festa da parroquia de Orbazai

Xermán Gómez, presidente da Asociación de Veciños de Orbazai e o Tenente-Alcalde, o nacionalista Antón Bao, presentaron hoxe en rolda de prensa a II Foliada de Orbazai. Este encontro de grupos música tradicional celebrarase o sábado, 2 de xuño, a partir das 17:00 no campo da festa da parroquia de Orbazai no Concello de Lugo. Nesta segunda edición da Foliada de Orbazai participaran os grupos: Alejandro & Tomas (Lugo), Reviravolta (Lugo), Caivanca (Lugo), Antaruxas e Sorteiros (A Fonsagrada), Arricandeira (Lugo), Grupo Nasdrovia (Outeiro de Rei), Xesta Verde (Friol), Folquiada de Lugo (Lugo), Os Trastiños de Castelo (Lugo) e Airiños de Orbazai (Lugo).

Antón Bao felicitou aos organizadores por, “conxugar á perfección a recuperación do noso patrimonio inmaterial, pular polo desenvolvemento do medio rural, apostar polos recursos endóxenos e ademais facer festa”. Para o responsable de cultura do concello de Lugo “este encontro festivo é un modelo de como manter a actividade cultural e festiva de xeito sostible nestes tempos de crise e ao mesmo tempo poñer en valor a todos os colectivos e persoas que traballan na conservación da nosa música e das nosas tradicións”.

O presidente da Asociación de Veciños de Orbazai, organizadora do evento, convidou a todos os lucenses a participar e destacou “a xenerosidade de todos os grupos participantes que o farán de xeito totalmente desinteresado” ademais informou que “ao final dos concertos todos os participantes e asistentes estarán convidados a tomar uns pinchos por cortesía da organización”. Tamén informou que a II Foliada de Orbazai estará presentada pola xornalista Mª Xosé Fernández Azpeitia. Xermán Gómez tamén agradeceu a colaboración e implicación da área de cultura do Concello de Lugo.