Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello bonificará a metade do ICIO a unha empresa que se vai instalar nas Gándaras e anima á Xunta a incentivar a implantación de empresas no novo Parque empresarial


# Mércores, 30/05/2012


Imaxe Asociada

Paz Abraira anuncia que o Goberno acorda adicar parte dos fondos do ARI á creación de rutas accesibles na cidade


O Concello de Lugo concederá unha bonificación do 50% no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras solicitado por unha empresa que se vai instalar no Parque Empresarial das Gándaras, segundo anunciou hoxe o Concelleiro de Urbanismo, Luís Álvarez.

Álvarez explicou que o Concello ofrece estes incentivos a todas as empresas que se instalen nas Gándaras porque lle dá prioridade á creación de emprego na nosa cidade. O Concelleiro de Urbanismo anunciou que o Pleno vai estudar unha proposta para estimar a solicitude que presentou a empresa Carpintería Metálica Valdo S.L. para declarar de especial interese ou utilidade a construción dunha nave. Este acordo permitirá que a devandita empresa se beneficie da bonificación do 50% no ICIO que estableceu o Goberno local como medida para estimular a implantación de empresas no novo Parque empresarial.

Ademais, o Concelleiro de Urbanismo insistiu na necesidade de que a Xunta de Galicia tamén tome medidas para atraer empresas ó novo Parque das Gándaras. Álvarez reclamou a adopción de medidas como a rebaixa de prezos das parcelas e pediulle, unha vez máis á Xunta “que atenda a nosa oferta de colaboración para facer unha campaña para atraer empresas a este magnífico Parque Empresarial”.

Luís Álvarez fixo este anuncio na rolda de prensa na que compareceu canda a Concelleira de Infraestruturas, Paz Abraira, para dar conta dos acordos tomados pola Xunta de Goberno Local.

Creación de itinerarios accesibles con fondos ARI

A Concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, informou que a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe os proxectos a realizar no Concello cos fondos ARI (Área de Rehabilitación Integral) do casco histórico para este ano 2012. Abraira clarificou que “ata final de ano non coñeceremos cal será a partida orzamentaria destinada a estes fondos xa que serán os sobrantes das obras destinadas á rehabilitación de vivenda no casco histórico”. A edil de Infraestruturas dixo que “en calquera caso contemplamos para a nosa estimación situarnos no escenario de que se aborde o máximo número de rehabilitación de vivendas”.

Unha vez aclarada como se establece a dotación de fondos do ARI para a intervención en vías públicas, Paz Abraira anunciou que os proxectos aprobados serán “a creación de itinerarios accesibles nas prazas de Pío XII e da Soidade priorizaranse obras como o remate da iluminación no casco histórico na rúa Xoán Montes e o arranxo integral da rúa Clérigos e do carril dos Carteiros”. A creación de itinerarios accesibles nas dúas prazas sinaladas solventará os problemas de tránsito das cadeiras de rodas nestas prazas pavimentadas con adoquín de granito. Para afrontar as obras de arranxo do carril dos Carteiros esta vía deberá pasar a titularidade municipal xa que neste momento é propiedade de Facenda do Estado, para esta acción o concello xa iniciou os trámites. Cos fondos do ARI o concello tamén pretende afrontar as obras de arranxo integral da rúa Clérigos, o que suporía a dotación de servizos de e nova pavimentación da rúa. Outra das obras prevista é rematar a renovación do alumeado público no casco histórico na rúa Xoán Montes.

Novas tecnoloxías

A Xunta de Goberno Local tamén acordou a convocatoria dun concurso aberto para o mantemento técnico e dos contidos do portal municipal. A duración do contrato será de dous anos prorrogables por un ano máis. O prezo do contrato para a primeira anualidade ascende a un presuposto máximo de 41.300 euros (IVE incluído).O aforro estimado coa contratación destes servizos mediante un único concurso calcúlase nun mínimo de 18.535 euros. Ademais do aforro que supón, perséguese o obxectivo de mellorar os servizos proporcionados polo portal do Concello de Lugo coa concentración nun único interlocutor das tarefas técnicas de mantemento e desenvolvemento dos contidos do portal, así como garantir o seu óptimo rendemento.

O mantemento do xestor de contidos correrá a cargo da adxudicataria, do mesmo xeito que o servizo de lectura e os servizos de tradución ó castelán e ó inglés de todos os contidos que o Concello proporcione en galego. Ademais destes servizos, requírese un redeseño completo do portal, así como a aplicación de melloras en rendemento e facilidade de acceso á información e a monitorización continua do Portal.

Outro acordo adoptado hoxe pola Xunta de Goberno Local foi a convocatoria dun concurso aberto para a subministración e implantación dun sistema de virtualización e copia de seguridade. O valor máximo do contrato é de 94.400 euros (IVE incluído). A duración é dun mes para a subministración dos equipos e de dous meses a partir dese momento para os traballos de instalación e configuración de todo o sistema. Os equipos e servizos disporán dunha garantía mínima de 3 anos.

A progresiva implantación da administración electrónica require dun continuo cambio na configuración dos equipos que obriga a engadir novos servidores e modificar a súa distribución. Elo unido á necesidade de garantir a seguridade física dos datos e expedientes municipais, así coma o acceso ós mesmos leva a unha redefinición da configuración da rede de equipos servidores, sistema de copia de seguridade e redundancia de equipos.

Mediante a virtualización de servidores obtense unha optimización de recursos polo que cun menor número de servidores pódese soportar o mesmo número de aplicacións, optimizándose a capacidade de procesamento dos mesmos, e tamén se simplifica o mantemento tanto dos equipos como das aplicacións. Ademais obtense redundancia ante posibles fallos hardware.

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova