Cargando....
Concello de Lugo
14/10/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Consello Consultivo avala por unanimidade a resolución do contrato para a subministración de uniformes da Policía Local


# Xoves, 31/05/2012
O Concello anulara o contrato coa empresa Complementos Policiais S.L. por incumprimento das características técnicas das pezas e complementos que debía subministrar

O Consello Consultivo de Galicia dálle a razón ó Concello de Lugo no ditame que emitiu respecto da resolución do contrato asinado coa empresa Complementos Policiais S.L. para a subministración de pezas de uniforme e complementarios para a Policía Local.

A resolución ditada pola Sección Primeira do Consello Consultivo de Galicia por unanimidade de todos os seus membros informa favorablemente a proposta de resolución contractual.

“O xuízo deste órgano consultivo é favorable á resolución contractual pretendida por mor do incumprimento da obriga esencial de subministración das prendas e complementos policiais de acordo coas características normativamente establecidas, mais cando, tampouco se pode esquecer, a mercantil manifestou unha vontade rebelde á subsanación das deficiencias malia os diversos requirimentos que ao efecto constan documentados no expediente”, indica a resolución.

Nas súas consideracións, o Consello Consultivo explica que “o incumprimento que serve de base á resolución contractual sometida a ditame é un incumprimento das características técnicas das pezas e complementos a subministrar, tal e como se estableceron no prego e asumiu a adxudicataria na cláusula quinta do contrato formalizado”. Tamén sina que “o incumprimento de tales características resulta suficientemente acreditado no expediente” e sinala que nel “se reflicten polo miúdo as deficiencias nas distintas prendas e complementos obxecto do contrato de subministración”.

Respecto de se o cumprimento das características técnicas se cualifica no prego ou no contrato como obriga esencial, o Consello Consultivo explica que “a determinación daquelas características técnicas non é propia do contrato en cuestión senón que responde á normativa autonómica vixente” e engade que “o cumprimento das características establecidas naquela normativa para as prendas e complementos de todas as policías locais, características logo transcritas no prego correspondente ó contrato que agora se pretende resolver, tórnase como unha obriga esencial ata o punto de que a súa inobservancia priva de utilidade ás pezas subministradas e frustra, mesmo, o obxecto do contrato de subministración”.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova