Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo vai instalar un sistema de información para persoas invidentes en oito paradas do bus urbano


# Venres, 01/06/2012


O proxecto custará case 13.000 euros e será financiado con fondos do Plan Urban

O Concello de Lugo dotará varias paradas do bus urbano no centro da cidade cun sistema de información especialmente deseñado para as persoas invidentes.

Este novidoso proxecto supón unha nova aposta do Concello por facer de Lugo unha cidade accesible e tamén contribuirá a mellorar o servizo que presta o transporte público urbano.

O proxecto consiste no deseño, e instalación dun sistema de información accesible á persoas con diversidade funcional visual. Estará baseado nun sistema sintetizador de voz por software e vaise instalar en oito paradas situadas na Ronda da Muralla e no inicio de rúas adxacentes a esta, xa que se trata dun proxecto que vai ser financiado con fondos do Plan Urban, que cofinancian a Unión Europea, o Concello e a Deputación provincial.

O custe do contrato, que foi aprobado hoxe pola Xunta de Compras do Concello, é de 12.913 euros. Este contrato inclúe tanto o deseño como a instalación e probas do sistema de información ata o seu correcto funcionamento e inclúe, tamén, a formación das persoas designadas polo Concello que administrarán a aplicación.

O funcionamento deste sistema informativo será o seguinte: logo de apertar un botón situado no báculo do elemento informativo do SAE de cada parada, escoitarase unha locución coa información que aparece en cada momento nos paneis informativos (liñas de bus e tempos de espera) á que se engadirá a dirección da parada e o destino de cada liña. Tamén será posible, cando sexa preciso, engadir calquera outro texto que se inclúa nos paneis dende o sistema central, tales como incidencias que puideran xurdir.

O volume do son poderase axustar en cada báculo e o servizo tamén se poderá activar ou desactivar en función do horario.

Ademais de desenvolver o software e integralo dentro do SAE, é necesario instalar todos os dispositivos que permitirán a emisión da información acústica nas paradas. A chapa das paradas xa está preparada para a saída de son do altofalante, pero na actualidade carecen de pulsador e de calquera outra preinstalación.

www.lugo.es/urban

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova