O Alcalde, José López Orozco, e o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, presidiron a reunión da Xunta Local de Seguridade que tivo lugar a última hora da mañá no Concello para deseñar o dispositivo de seguridade que se porá en marcha con motivo da celebración da festa do Arde Lucus, que terá lugar os días 22,23 e 24 de xuño.
Na xuntanza tamén participaron o Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, así como mandos das Policía Local, da Policía Nacional e da Garda Civil.
Segundo explicaron trala reunión o Alcalde e o Subdelegado do Goberno, no encontro tratouse de como se van coordinar ás distintas forzas e corpos de seguridade así como ós servizos de Protección Civil para garantir que os distintos actos programados durante o Arde Lucus discorran sen ningún tipo de incidentes.
O Alcalde destacou que, para previr calquera incidencia, é necesario que os distintos corpos policiais estean coordinados e explicou que neste encontro informouse ós responsables policiais dos distintos itinerarios das actividades previstas e tamén dos lugares nos que se agarda que se produzan as maiores aglomeracións de persoas durante a festa.
Pola súa parte, o Subdelegado do Goberno anunciou que o dispositivo de seguridade reforzarase con efectivos procedentes das comisarías da Policía Nacional de Monforte e Viveiro e tamén contará con reforzos doutros destacamentos da Garda Civil.
www.ardelucus.com