Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Ábrese o prazo para solicitar as subvencións para asociacións sen ánimo de lucro e que desenvolven programas de interese xeral


# Martes, 05/06/2012
Francisco Fraga salientou que este ano hai algunhas variacións como que se valorará o número de socios de cada asociacións ou as actividades en común

O Concelleiro de Servizos Xerais, Francisco Fraga, informou que dende mañá 6 de xuño e ata o día 5 de xullo está aberto o prazo para solicitar as subvencións para asociacións e persoas xurídico-privadas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento e programas e actividades de interese xeral e sectorial para o exercicio de 2012.

O presuposto que o Concello destina a estas axudas é de 296.650 euros que se distribúen entre moitas das concellerías, así para Deportes concédese 132.000 euros, para Participación Cidadá 101.625 euros, para Servizos Sociais un importe de 28.000 euros, para Cultura 24.500 euros e para Xuventude e Muller, 7.525 e 3.000 euros respectivamente.

Francisco Fraga explicou que o obxectivo destas axudas é impulsar o desenvolvemento de programas e actividades por parte das asociacións sen ánimo de lucro que incidan no avance da calidade de vida e do benestar social dos veciños e veciñas. Así, informou que nesta convocatoria haberá certas modificacións á hora de conceder as axudas, “xa que queremos mellorar os criterios e ser o máis obxectivamente que se poida na concesión das mesmas ademais de que, algúns deses cambios, foron feitos a proposta das diferentes asociacións”. Desta maneira, o responsable da área de Servizos Xerais, explicou que “este ano imos valorar o número de socios que teña cada asociación, valorarase tamén que entre varias asociacións traballen en proxectos comúns e que estes estean vinculados á formación e a temas referentes ao emprego”.

Dentro das actuacións subvencionables están todas aquelas de carácter formativo, educativo, cultural, deportivo, de orientación e asesoramento ou de materias de interese xeral. Tamén en programas de apoio a colectivos en situación de desvantaxe e desprotección social ou actuacións de apoio ás familias para afrontar situacións complicadas.

As persoas destinatarias das axudas serán asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociación do Concello de Lugo. Excepcionalmente, poderán concederse a entidades foráneas e non inscritas no citado rexistro cando a actividade teña interese social, económico ou humanitario para os veciños e veciñas do municipio. Tamén se vai a excluír desta liña de axudas ás asociacións que reciban outro tipo de axudas municipais, con excepción dalgúns clubs deportivos ou dos colectivos que participen nas festas de San Froilán. Para solicitalo pódese facer dende a páxina web do Concello ou ben achegarse ao servizo de Participación Cidadá.

Pode atopar máis información e a solicitude na Sede Electrónica (Tramita na túa casa).


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova