Cargando....
Concello de Lugo
27/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O luns ábrese o prazo para inscribirse nos XI Cursos de verán de Educación Vial organizados polo Concello de Lugo


# Mércores, 06/06/2012
As inscricións poderán facerse ata o 22 de xuño na oficina de Atención ao Cidadán, no Parque Infantil de Tráfico ou na Xefatura Provincial de Tráfico

Imaxe Asociada

A Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñoz, e o Director do Parque Infantil de Tráfico, José Reigosa, deron a coñecer esta mañá a programación dos XI Cursos de verán de Educación Vial.

Segundo destacou a Concelleira de Educación, as inscricións poderán facerse do 11 ao 22 de xuño na oficina de Atención ao Cidadán (Seminario Menor), no Parque Infantil de Tráfico (Antiga Frigsa), ou na Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo (Avd. Ramón Ferreiro). Para formalizar a inscrición será necesario achegar unha fotocopia do DNI ou do Libro de Familia xunto coa solicitude cuberta e a autorización familiar.

O Director do PIT, José Reigosa, explicou que estes cursos están dirixidos a nenos e nenas de oito a catorce anos, en karts e bicicleta, e de 15 e 16 anos, en ciclomotor. O obxectivo salientou Reigosa é formar aos rapaces e rapazas lucenses para que coñezan as normas de circulación e fomentar así a seguridade cidadá. Os cursos de verán, destacou o Director do PIT, rexistran unha asistencia media de 200 rapaces e rapazas.

A lista de admitidos e os horarios destes cursos gratuítos serán publicados o día 28 de xuño no Taboleiro de anuncios do Concello (Seminario Menor), no Parque Infantil de Tráfico (Antiga Frigsa) e na páxina web do Concello de Lugo www.lugo.es e na Xefatura Provincial de Tráfico.

As clases teóricas e prácticas, que darán comezan o 2 de xullo, desenvolveranse nas instalacións do PIT (Antiga Frigsa) en grupos non superiores a 15 alumnos que serán agrupados por idades. Os horarios serán de mañá, de 10.30 a 13.00 horas, e de tarde, de 17.00 a 19.30 horas. A clausura dos cursos está prevista para o 31 de xullo ás 12.30 horas no PIT coa entrega de diplomas e agasallos aos participantes.

Coñeza o Parque Infantil de Tráfico (PIT). Pode descargar a solicitude dende a Sede Electrónica (Tramita na túa casa).

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova