Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Antón Bao participou hoxe na inauguración da Exposición Cerámica e Utensilios do Pobo Galaico Prerromano


# Mércores, 06/06/2012
A exposición amosará pezas cerámicas da época castrexa e unha selección de reproducións de utensilios, armas e indumentarias da época castrexa

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Entre os días 6 e 30 de xuño poderá visitarse esta mostra na Biblioteca Nodal de Lugo

A partir de hoxe poderase visitar a Exposición Cerámica e Utensilios do Pobo Galaico Prerromano. Esta exposición foi organizada pola asociación de recreación histórica lucense Trebas Galaicas. Na presentación da exposición estiveron presentes o Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, o nacionalista Antón Bao; a Directora da Biblioteca Nodal de Lugo, María Sol González Regal, o presidente da Asociación de Defensa do Patrimonio e de Recreación Histórica Trebas Galaicas, Carlos García e o ceramista Manuel Miranda. A exposición permanecerá aberta entre do 6 ao 30 de xuño. Na exposición poderanse ver un total de 60 pezas, das cales 25 son de cerámica. Ademais hai unha selección de reproducións de utensilios, armas e indumentarias da época castrexa. Entre as pezas expostas hai reproducións feitas polo artesán e ceramista Manuel Miranda. Tamén están programadas conferencias que completarán esta actividade vencellada á posta en valor do patrimonio do pobo galaico prerromano.

Antón Bao resaltou “a importancia de que os colectivos relacionados coa recreación histórica e coa defensa do patrimonio organicen este tipo actividades de cara a difundir e mellorar o coñecemento do noso patrimonio”. O presidente de Trebas Galaicas agradeceu a colaboración da biblioteca nodal de Lugo e o apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

O ciclo de conferencias abrirase o día 8 de xuño ás 19:00 coa conferencia: "A Panoplia dos Guerreiros Galaicos", por André Pena Granha, arqueólogo do concello de Narón. Continuará o 15 de xuño ás 19:30 Conferencia: "O xacemento de Castrolandín, unha experiencia de xestión do patrimonio arqueolóxico liderada pola comunidade local", por Carlos Otero Vilariño, arqueólogo do instituto de ciencidas do patrimonio (CSIC) e director das campañas de escavación e musealización de Castrolandín 2004-2010 e Sandra Obarrio Fernández, ceramista e restauradora da Fundación Terra Termarum. O día 28 de xuño ás 19:00 pechárase o ciclo cunha táboa redonda sobre a "Conservación do Patrimonio Galaico-Romano", Manuel Miranda Ruíz, ceramista e voceiro de Mariña Patrimonio; Eduardo Ramil Rego, Director do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba; Roberto Pena Puente, xefe do servizo de patrimonio.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova