Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo, O Corgo e Rábade únense para solicitar unha subvención co fin de promocionar o turismo na zona rural


# Mércores, 06/06/2012
A solicitude corresponde ás axudas de dinamizadores rurais convocadas polo Agader

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O proxecto deseñado polos tres concellos inclúe un plan de sinalización do patrimonio rural e o deseño de circuítos de visitas guiadas

Outro dos obxectivos é fomentar a participación privada coa creación do “Menú Rural” e de paquetes turísticos, ademais de promocionar a artesanía e os produtos da terra

A unión fai a forza, e baixo a inspiración deste lema os Concellos de Lugo, Rábade e O Corgo asinaron esta tarde un convenio para solicitar unha subvención ao Agader para poder levar a cabo un ambicioso proxecto de promoción turística da zona rural. Reunidos o Tenente de Alcalde, Antón Bao, o Alcalde de Rábade, Francisco Fernández, e o mandatario de O Corgo, José Antonio Ferreiro asinaron no despacho do edil nacionalista este compromiso do que destaca o valor da cooperación como oportunidade para afrontar as dificultades actuais.

No acordo asinado, expoñen que “dada a situación de grave crise que atravesan as administracións locais, en especial os concellos máis pequenos, quérese aproveitar a oportunidade de colaboración que proporciona a Agader a través destas liñas de subvención, para por en marcha unha iniciativa aberta a todos os cidadáns dos tres concellos participantes baseada na suma de esforzos, recursos e ideas co fin de potenciar a zona rural e favorecer iniciativas privadas entorno ao sector do turismo que sirvan para estimular a economía e crear novos postos de traballo. Coa ilusión de poder cumprir estas expectativas, idéase este proxecto que denominado “Plan integral de promoción turística da zona rural de O Corgo, Lugo e Rábade” e que engloba varias liñas de actuación co fin de abarcar todos os aspectos relacionados co turismo, así como de implicar a todos os axentes do sector”.

Segundo a convocatoria, o obxecto desta axuda é a consolidación e a mellora da oferta turística na zona rural, xunto a posta en valor da riqueza patrimonial. No senso de cumprir estas dúas finalidades, o proxecto deseñado, pretende crear un produto turístico competitivo e específico para a zona rural que favoreza a integración e o desenvolvemento dunha rede de servizos e actividades turísticas, artelladas a través duns circuítos de visitas guiadas, que sirvan para canalizar novos fluxos de turistas xeradores de novas oportunidades económicas.

Para o deseño destes circuítos seleccionaranse enclaves de interese histórico, artístico, natural, paisaxístico ou etnográfico. Esta medida traducirase nunha posta en valor deste patrimonio ao levar a cabo distintas actuacións como circuítos de visitas guiadas ou un plan de sinalización de elementos do patrimonio histórico, etnográfico e natural que salpica a zona rural destes tres municipios.

A solicitude da subvención faise polo 100% do custo das actividades subvencionables, cuxo importe é de 94.380 euros. Os concellos pola súa banda, deberán asumir o pagamento do IVE resultante, que ascende a 15.576 euros e, segundo establecen as bases, non é un concepto subvencionable.

De acordo co recollido nos compromisos das partes, os Concellos de O Corgo e de Rábade aportan a cantidade máxima de 3.000 euros cada un, mentres que o Concello de Lugo contribúe coa suma de 9.576 euros para cubrir o IVE resultante da execución do proxecto.

Dentro deste proxecto, inclúense outras medidas destinadas a fomentar a participación privada como a creación dun “Menú Rural” que promocione a gastronomía galega á vez que potencian os produtos da terra, empregando os criterios do concepto do quilómetro 0, para crear mercado entre os produtores das localidades participantes.

Ademais, para fomentar as pernoctacións e a desestacionalización do turismo, traballarase cos empresarios, especialmente da zona rural, para a promoción dun plan de paquetes turísticos que integre ofertas de aloxamentos e restaurantes, e que inclúan de actividades ao aire libre, así como visitas temáticas a obradoiros de artesáns, a hortas de produción ecolóxica e a explotacións gandeiras ecolóxicas. Con esta medida, porase en valor un dos elementos máis tradicionais da antropoloxía e da etnografía galegas: a actividade económica tradicional do rural da man dos seus propios artífices.

Para a promoción do proxecto deseñarase unha web, co fin de aproveitar as ilimitada capacidade de difusión que ofrece internet e as redes sociais, e tamén, publicarase un libro-guía no que se recollerá a valiosa información recabada do patrimonio do rural.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova