Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Entregados os premios da campaña Exercita a túa Lingua


# Luns, 11/06/2012
O Tenente-Alcalde, Antón Bao, e o Presidente da Asociación Provincial de Ximnasios, Xosé Manuel Gómez, presidiron o acto celebrado na Casa Consistorial

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Bonos gratuítos para os ximnasios e unha bicicleta foron os premios sorteados entre uns cinco mil participantes

Os usuarios de nove ximnasios lucenses, aproximadamente uns cinco mil, participaron na campaña Exercita a túa Lingua posta en marcha pola área de Promoción da Lingua do Concello de Lugo, en colaboración coa Asociación Provincial de Ximnasios de Lugo, o pasado 7 de maio. Segundo sinalou o edil nacionalista, o obxectivo desta iniciativa foi “fomentar os bos hábitos físicos, para mellorar a saúde, e os bos hábitos lingüísticos usando a lingua galega”. Tanto Bao como Gómez coincidiron en valorar como positiva a experiencia ademais de destacar que foi posible chegar a un público moi amplo, dado o heteroxéneo perfil dos usuarios dos ximnasios lucenses.

Este luns, 11 de xuño de 2012, foron entregados os premios do concurso dun encrucillado para adultos. O acto tivo lugar na Casa Consistorial e contou coa presenza de representantes dos ximnasios participantes. Os premiados foron:

- Beatriz Fernández Lago do Ximnasio Olympuss
- Pilar Gayoso Pena do Ximnasio Galaico
- Óscar Vázquez Rivas do Ximnasio Di Som
- Paula Lanzos López do Ximnasio +Qfitness
- Miguel García Suárez do Ximnasio Abeiro
- Ana Fernández Velázquez do Ximnasio Aqualife
- Luisa Salgado López do Ximnasio Lugo
- Esther Gómez Vázquez do Ximnasio Sculture
- Ramón Abelardo Gónzalez do Ximnasio Forma

e recibiron bonos gratuítos de seis meses para usar nos ximnasios colaboradores. No acto, tamén se celebrou o sorteo dunha bicicleta entre os concursantes infantís da sopa de letras, resultando gañador o neno de once anos Samuel Fernández Chorén. O encrucillado e a sopa de letras foron elaborados polo escritor e académico da lingua Darío Xohan Cabana que é funcionario da Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua.

Os cálculos estiman en catro mil adultos e mil nenos aproximadamente, os participantes en Exercita a túa Lingua, desenvolta ao abeiro dun convenio de colaboración entre a área de Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a Asociación Provincial de Ximnasios para fomentar, dende os propios ximnasios, valores do noso patrimonio cultural inmaterial. Para levala a cabo, un total de vintedous monitores, pertencentes á Asociación Provincial de Ximnasios de Lugo, recibiron dous cursos de formación sobre xogos populares e bailes tradicionais. Segundo Xosé Manuel Gómez Suárez “é unha formación importante para os nosos monitores xa que lles permitirá aplicar na súa actividade diaria elementos da nosa cultura”. Os cursiños foron impartidos pola Tradescola e por Xotramu.

Antón Bao destacou que a posta en marcha deste tipo de convenios “era un dos obxectivos que se marcaba o plan de xeral normalización aprobado polo goberno galego no ano 2004 e que nun dos apartados, adicados ao deporte, fixaba como unha das prioridades chegar a unha colaboración cos ximnasios para a promoción da lingua”.

Coñeza a campaña "Exercita a túa lingua".


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova