Cargando....
Concello de Lugo
22/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello adica 260.000 euros do Plan Urban a subvencionar a creación de empresas e a mellora de negocios xa existentes no Casco histórico


# Martes, 12/06/2012


A Concelleira de Economía anunciou a convocatoria das axudas do Plan Urban para 2012 e informou de que este programa cofinanciado pola Unión Europea, o Concello e a Deputación leva aboados 254.000 euros en subvencións

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, anunciou hoxe a próxima convocatoria das axudas do Plan Urban para 2012.

As subvencións que concede o Concello a través deste programa, que financia xunto coa Unión Europea, a través dos fondos FEDER, e a Deputación, terán un importe global de 260.000 euros.

Estas axudas, que se conceden a fondo perdido e por un importe máximo do 50%, teñen o obxectivo de contribuír ó desenvolvemento do tecido económico do centro histórico e á creación de postos de traballo.

Como en edicións anteriores, haberá subvencións para a creación de novas empresas que creen postos de traballo e, tamén, para a mellora da imaxe exterior de empresas xa existentes, que poderán obter axudas para mobiliario de terrazas, rótulos e toldos así como para fachadas exteriores ou ventás arqueolóxicas que permitan poñer en valor restos arqueolóxicos situados no interior dos negocios. 

Sonia Méndez explicou que nos vindeiros días convocaranse as axudas tanto para as empresas xa existentes como para a creación de novos negocios no Casco histórico. Neste último caso será requisito imprescindible, para acollerse ás achegas, a creación de postos de traballo, que poden ser tanto por conta allea como propia. Concretamente, deberá crearse alomenos un emprego e será obrigado que este teña unha duración mínima dun ano. As axudas poden cubrir gastos de maquinaria, ferramentas, equipos e aplicacións informáticas ou a compra, construción e tamén a rehabilitación dun local ou a adquisición de terreos. Neste caso, as subvencións serán de 6.000 euros por cada posto de traballo ocupado por homes e de 8.000 euros no caso das mulleres. Para a concesión da axuda valorarase especialmente a viabilidade do proxecto e tamén se terá en conta a instalación dos negocios en ubicacións que se queren potenciar dende o Concello, como o Mercado e a Praza de Abastos. Outro aspecto que se valorará é que se trate dunha empresa procedente dos viveiros empresariais existentes na cidade, tanto o CEI-Nodus, como os da CEL e a Cámara de Comercio.

No caso das axudas para a mellora de negocios xa existentes, como os locais de hostalería, mantense a liña de subvencións para mobiliario de terrazas coa particularidade de que, segundo anunciou a Concelleira de Economía, no caso de terrazas xa autorizadas, só poderán acceder ás subvencións na primeira convocatoria deste ano, posto que no futuro estas axudas serán exclusivamente para as terrazas de nova creación. Neste caso, o importe máximo por establecemento é de 25.000 euros. Para a instalación de rótulos e toldos a axuda máxima é de 4.000 euros e no caso das fachadas exteriores, ventás arqueolóxicas e patios establécese unha achega máxima de 300 euros por metro cadrado.

Méndez destacou, ademais, que a concesión das axudas para a mellora de fachadas exteriores e patios enmárcanse no propósito de seguir avanzando no proxecto de creación do paseo interior da Muralla coa idea de que se pode converter, tamén, nun paseo comercial e de ocio.

A Concelleira manifestou, así mesmo, que o balance das axudas concedidas polo Plan Urban dende 2009 é moi positivo. Méndez explicou que xa van pagos 254.000 euros nas dúas liñas de subvencións. E salientou que, neste tempo, “ningunha empresa quedou sen axuda por falta de fondos, xa que cando iso ocorreu ampliáronse para que todas as solicitudes que cumpren os requisitos tiveran dereito a percibir a axuda, ó contrario do que sucede con outras administracións, xa que nas axudas que dá a Xunta de Galicia a autónomos, por exemplo, quedaron 800 emprendedores sen subvención porque se esgotaron os fondos”.

Grazas ás subvencións concedidas nestes anos polo Concello ó abeiro do Plan Urban, creáronse no Casco histórico da cidade 9 novas empresas que dan traballo a 15 persoas, 8 destes postos están ocupados por mulleres, o que supuxo un investimento total de 170.000 euros, dos que 64.000 foron achegas do Plan Urban. Ó abeiro deste programa tamén se concederon 96 axudas a negocios xa existentes para que puideran mellorar a súa imaxe exterior. Neste caso o investimento total foi de 300.000 euros e as subvencións acadaron a cifra de 190.000 euros. 
 
www.lugo.es/urban

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova