Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Concello, Deputación e Fundación da Construción insiren laboralmente a lugueses en paro no sector da rehabilitación


# Xoves, 14/06/2012


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O 50% dos participantes no 1º curso de cantaría traballan nas obras do Vello Cárcere á espera de que, progresivamente e segundo as necesidades, se incorporen máis na segunda fase destes traballos

Orozco, Besteiro e Trinidad mantiveron hoxe un encontro cos beneficiados a custe cero da 2º xornada formativa na rehabilitación en pedra natural ante o remate desta iniciativa o vindeiro mércores

A intención das institucións organizadoras é tamén introducir no mercado laboral ós 10 participantes deste curso remunerado con 400 euros mensuais como están a facer cos alumnos da 1º convocatoria


O Concello e a Deputación, xunto á Fundación Laboral da Construción, están a inserir laboralmente a lugueses en paro no sector da rehabilitación. Participantes no primeiro curso de cantaría que ditas administracións impulsaron mediante o Plan Urban, todos eles desempregados da provincia, incorpóranse, progresivamente e segundo as necesidades, ó mercado laboral coas obras de rehabilitación da Vella Cárcere da capital. E é que o 50% dos beneficiados a custe cero desta iniciativa xa están a traballar na primeira fase destas actuacións, á espera de iniciar a segunda parte destes traballos nos que o Concello lugués inviste un total de 5,7 millóns de euros para converter este inmoble nun centro cultural de usos múltiples.

Conscientes do xiro nas políticas de emprego na industria da construción, onde baixou de xeito notable a realización de novas edificacións dando paso á restauración e facendo necesaria a profesionalización deste sector, e tendo en conta as súas oportunidades laborais en Lugo, provincia cun amplo patrimonio cultural que cómpre restaurar, Concello, Deputación e Fundación Laboral da Construción organizaron unha segunda xornada formativa coa que, tamén de xeito gratuíto, se forman no sector da rehabilitación en pedra natural 11 lucenses en paro, que se engaden ós 10 que xa o fixeron na primeira convocatoria deste curso e que, pouco a pouco, están a deixar as listas do paro.

A piques de rematar as 640 horas principalmente prácticas do curso, neste caso financiado integramente por fondos da Deputación con 150.000 euros xa que o Concello se encargou da xestión administrativa e da selección de alumnos mentres que a Fundación facilitou as súas dependencias en Lugo, o Rexedor lugués, José López Orozco; a Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñoz, o Titular da institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente do organismo laboral en Galicia, Hipólito Trinidad, mantiveron un encontro este xoves cos seus participantes.

López Orozco, Muñoz, Besteiro e Trinidad puideron ver os traballos realizados nos 5 meses deste curso que porá fin o vindeiro mércores, 20 de xuño, e durante os cales os alumnos recibiron, ademais de formación, preto de 400 euros mensuais –o 75% do Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples para 2012-. Unha vez culminado o proceso formativo, o propósito das institucións organizadores é inserir laboralmente ós seus participantes, ó igual que está a facer cos da primeira xornada, asumindo a rehabilitación de lavadoiros, cruceiros, balados ou fontes do Concello de Lugo.

47 empregos por cada millón de investimento

O plan formativo de Concello, Deputación e Fundación Laboral da Construción permite facer fronte á taxa de paro na construción, así como aumentar a competitividade e produtividade das empresas coa incorporación de persoal especializado na materia. A rehabilitación é un novo nicho de emprego xa que, segundo datos da Federación Galega da Construción, por cada millón de euros que se inviste neste sector xéranse 47 empregos. As mesma fontes verifican o xiro nas políticas da industria da construción cara a rehabilitación tendo en conta o orzamento adicado a este fin: mentres o ano pasado en Lugo baixou de xeito notable o investimento para novas edificacións, o achegado para rehabilitalas triplicouse, pasando de 1,8 millóns de euros en 2010 a superar ós 5 millóns en 2011.

Oportunidades laborais

Son exemplos das oportunidades laborais deste sector na provincia as máis dunha decena de empresas luguesas especializadas no tratamento da pedra, sendo a de Ingemarga, situada na localidade de Parga, en Guitiriz, unha das máis grandes de España. Co fin de potenciar o sector da rehabilitación en pedra e seguir xerando riqueza na provincia, a Deputación contempla a transformación do Taller Mallo de Begonte - o único na provincia no que se elaboran pedras artesanais- nun centro educativo de Formación Profesional sobre a cantaría, rehabilitación e construción, así como en locais onde os emprendedores poidan desenvolver a súa actividade. Na actualidade, a institución aproveita estas instalacións provinciais levando alí os materiais sobrantes de obras para o seu reciclaxe e posterior emprego noutras construcións ou zonas verdes, aforrando custes. Con esta iniciativa educativa de futuro o Taller Mayo, que conta con 5.000 metros cadrados, ganará funcionalidade pública.

www.lugo.es/urban





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova