Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Os veciños implicados co plan de tráfico na Ponte romana durante as obras de rehabilitación


# Xoves, 14/06/2012
As obras de rehabilitación comezarán a executarse a principios do mes de xullo

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A concelleira de Infraestruturas explicoulles aos veciños do barrio como se desenvolverá a rehabilitación da Ponte

A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, reuniuse hoxe cos veciños do barrio da Ponte para presentarlles o plan de obras que se desenvolverá para realizar a rehabilitación da Ponte Romana de Lugo. O plan de obras que hoxe presentou Paz Abraira foi elaborado atendendo ás suxestións presentadas polos veciños do barrio da Ponte. Nos pasados meses a edil de Infraestruturas mantivo dúas xuntanzas cos veciños, a primeira, e unha coa Presidenta da Asociación de Veciños. Nestas xuntanzas participaron representantes políticos e técnicos municipais a fin de detectar as necesidades e propoñer as solucións máis acaídas para causar as mínimas molestias aos veciños do barrio.

Durante o tempo que duren as obras será necesario cortar ao tráfico a vella ponte, polo que se adoptarán medidas para garantir o servizo de bus urbano, taxi e o acceso para os veciños. A responsable de Infraestruturas reiterou que quere “que as obras que vai acometer o Concello a partir de agora estean ao servizo dos veciños”, polo que “os veciños son os primeiros informados das obras que se van a acometer nos seus barrios para que poidan opinar sobre elas”. “Esta é unha práctica que queremos aplicar en diante: a colaboración permanente cos veciños e veciñas para imprimir racionalidade nas nosas actuacións e evitar molestias innecesarias”, afirmou a concelleira nacionalista.

Todas as suxestións do colectivo veciñal foron tidas en conta á hora de elaborar o plan de tráfico en previsión das diferentes afeccións que as obras poden provocar aos veciños das distintas rúas do barrio. Tamén se tiveron en conta os servizos de bus e taxi así como o feito de garantir o paso de peóns pola ponte durante a execución das obras. Paz Abraira dixo que, en referencia a este plan de tráfico que “no caso de que se detecten problemas, este plan de tráfico irase mellorando segundo vaian avanzando as obras e se vaian detectando dificultades”.

Buses e Taxis
As previsións feitas para o mantemento do transporte urbano durante a execución das obras materializarase do seguinte xeito: na marxe esquerda do río (lado Calzada da Ponte) trasládase a parada situándoa antes do paso de peóns previo ó acceso á N-VI dende a Volta da Viña. O autobús deixa/recolle nesa parada ós viaxeiros e continúa pola N-VI cara á Nova Ponte.

Na marxe dereita do río (lado Estrada Vella de Santiago) hai dúas posibilidades de actuación trasládase a parada ó novo acceso que ven da Nova Ponte (fronte a Teixido Flor) para que o bus deixe/recolla nese punto ós viaxeiros e continúe cara á Nova Ponte, ou ben levando a parada ata o número 30-32 da Estrada Vella de Santiago (fronte a Rúa da Brétema), onde se prohibirá o estacionamento para facilitar a manobra de cambio de sentido do Bus. Esta segunda opción achega o transporte moito máis ás zonas máis próximas ó Río, sendo a preferida polo Concello.

Calzada da Ponte
Efectuarase a entrada/saída polo paso baixo a N-VI (neste momento só sentido saída). Poñerase a correspondente sinalización de dirección prohibida agás residentes. O acceso rodado dende a Ponte Vella estará cortado durante bastante tempo, case que a duración completa da obra.

Fermín Rivera
Dende o barrio terán o acceso rodado garantido en todo momento por Iglesias Otero - Rúa Vella da Ponte, Pontegaos - Rúa Vella da Ponte, e namentres non se corte na confluencia da devandita rúa coa Estrada Vella de Santiago, pola mesma Estrada Vella. Solicitouse por parte da Asociación a mellora na sinalización da rúa Fermín Rivera. A devandita vía e de titularidade provincial e xa se fixeron algunhas actuacións de sinalización por parte do Concello, pero neste momento a vía precisa duns arranxos previos a nivel de pavimentos e servizos que fan pouco aconsellable ningunha actuación de sinalización horizontal. Hai que lembrar que a vía é de titularidade provincial no momento presente. A entrada para tráfico rodado por Orbazai manterase en todo momento operativa.

Solicitouse tamén pola Asociación unha posible miniglorieta na confluencia das rúas Fermín Rivera, Paseo Álvaro Cunqueiro e Estrada Vella de Santiago, a fin de facilitar a manobra de cambio de sentido dos vehículos que baixan pola Estrada Vella de Santiago. Revisado no lugar e feita a proba cun vehículo utilitario de 4,70 m de lonxitude, non é posible realizar o cambio de sentido sen efectuar un par de manobras. Polo tanto se entende que sería suficiente coa sinalización de rúa sen saída e permitir as devanditas manobras sen precisar a sinalización dunha glorieta que non cumpriría a devandita función.

Álvaro Cunqueiro
En principio terá garantido o acceso rodado pola Estrada Vella de Santiago (incluso o transporte escolar). En certos momentos haberá que resolver ós cortes puntuais que foran precisos por conexións de servizos, pavimentación, etc…

Comezo das obras a principios do mes de xullo.
Paz Abraira informou que as obras comezarán a principios do mes de xullo. Unhas obras que segundo Paz Abraira “van modificar totalmente a fisionomía da zona”. As obras fóronlle adxudicadas á empresa Misturas S.A, con sede en Ourense, por un importe de 688.048,56 € e un prazo de execución de 113 días (4 meses), obténdose polo tanto unha baixa de 261.901.44 € sobre o prezo do contrato (27% menos) e unha redución do prazo de execución de 2 meses. Para a execución destas obras presentáronse 21 empresas, das que 3 foron excluídas por non presentar a documentación administrativa requirida. 3 delas estaban en baixa temeraria polo prezo.

A rehabilitación da vella ponte romana de Lugo executarase neste verán e servirá para que o viaduto recupere a súa imaxe orixinal. Os traballos, que consistirán na retirada dos elementos engadidos en reformas posteriores e na substitución das canalizacións e do cabreado que hoxe cruza pola ponte, durarán catro meses e terán un 688.048,56 € de euros, segundo explicou hoxe a concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira. O Ministerio de Fomento financiará o 75% da obra con fondos do 1% Cultural e o Concello porá o 25% restante.

Será necesario achicar o caudal do río mediante ataguías para poder actuar sobre as pilastras orixinais da época romana. A ponte está cimentada directamente sobre a pena que aflora nesa entreseca do río Miño e debido a enchentas e acometidas do río algúns dos sillares sufriron deterioro co paso do tempo que é preciso reparar.

Está previsto asemade baixar a rasante de entrada á ponte dende a Volta da Viña, co que se mellorarán os accesos á Calzada da Ponte, ao Balneario e ao Paseo do Miño. O proxecto contempla tamén retirar a actual estrutura metálica colocada nos anos 70 para ensanchar a ponte e colocar barandas de sillería. Tamén se cambiará o pavimento, que volverá a ser de pedra posta de punta, tal como era orixinalmente. Ao mesmo tempo, aproveitarase para renovar todas as canalizacións de auga, luz, gas e telefonía que dan servizo ao barrio da Ponte e que actualmente cruzan polo viaduto, que pasarán a ir agochadas.

Coñeza o estado das obras: obras en marcha.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova