Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo foi o encargado de facer a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento


# Domingo, 17/06/2012


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
López Orozco pediu, no nome das sete cidades do Antigo Reino de Galicia, políticas económicas solidarias para que saiamos da crise sen deixar ninguén no camiño e sen sacrificar os dereitos sociais que tanto custou conquistar

O Delegado Rexio lembrou ás familias que o pasan mal, ós mozos sen traballo e e pediu que as autoridades axuden a facer unha sociedade mellor e máis desenvolvida

Tamén agradeceu a xenerosidade da cidade de Tui que permitiu facer a Ofrenda a Lugo para celebrar o remate da primeira fase das obras de rehabilitación da Catedral

Os Alcaldes de A Coruña, Santiago, Ourense, Mondoñedo e as Tenentes de Alcalde de Tui e Betanzos; o Presidente da Xunta e o Delegado do Goberno asistiron ós actos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, realizou esta mañá a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, unha solemne cerimonia relixiosa que congregou hoxe en Lugo a numerosas autoridades e que foi seguida por centos de veciños. Como destacou o Delegado Rexio, a Ofrenda é un compromiso adquirido polas sete antigas capitais do Reino de Galicia no ano 1669.

Lugo acolle cada ano os actos desta tradición secular pero, nesta ocasión, a nosa cidade tivo un protagonismo especial xa que, para celebrar o remate da primeira fase das importantes obras de rehabilitación da Basílica Catedral de Santa María, decidiuse, que foran o Alcalde e o Bispo de Lugo quen representaran, respectivamente, ás sete capitais e a Igrexa galega. Por este motivo especial a cidade de Tui accedeu a cederlle a Lugo a súa quenda.

Xunto con José López Orozco, Alcalde de Lugo, as sete capitais do Antigo Reino de Galicia estiveron representadas polos Alcaldes de A Coruña, Carlos Negreira; de Santiago, Angel Currás; de Ourense, Francisco Rodríguez, e de Mondoñedo, Manuel Orlando González; así como as Tenentes de Alcalde de Tui, Vanesa Rodríguez e de Betanzos, María Barral.

Tamén asistiron ós actos o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o Delegado do Goberno, Samuel Juárez; o Secretario da Mesa do Parlamento, José Manuel Balseiro; os Presidentes das Deputacións provinciais de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro,e de A Coruña, Diego Calvo, así como os Vicepresidentes da Deputación de Pontevedra, José Crespo, e de Ourense, Rosendo Fernández. Outras autoridades que participaron nos actos foron o Deputado no Congreso José Blanco e o Senador José Manuel Barreiro, ademais do Vice-Reitor da Universidade de Santiago, Pedro García Herradón, e o Presidente da Audiencia Provincial, José Angonio Varela Agrelo. As autoridades relixiosas estiveron presididas polo Cardenal Arcebispo de Madrid e Presidente da Confederación Episcopal Española, Antonio María Rouco Varela.

Os actos comezaron ás 11.15 da mañá na Casa do Concello, coa chegada do Oferente e membros da Corporación de Lugo á Casa do Concello. Ás 11.20 comezou a chegada de convidados que se reuniron no despacho da Alcaldía, onde o Oferente asinou no Libro de Honra do Concello, no que escribiu o seguinte texto: “Grazas á xenerosidade do Señor Alcalde de Tui e do Señor Bispo de Tui-Vigo teño a honra, como Alcalde de Lugo, de facer a Ofrenda a Xesús Sacramentado en presenza de Alcaldes do Antigo Reino e de autoridades de Galicia, presididas polo Excelentísimo Señor Presidente da Xunta, don Alberto Núñez Feijóo. O mellor para todos nós e os nosos pobos”.

Tralo acto civil, celebrado na Casa do Concello, no que tamén participaron unha parella de nenos que fixeron hoxe a primeira comuñón, formouse a comitiva que se dirixiu ata a Catedral, entre as numerosas persoas que se congregaron na praza Maior, engalanada hoxe con alfombras florais

A Ofrenda

Durante os actos relixiosos, o Alcalde de Lugo leu a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia na que comezou destacando que “unha vez máis, os Alcaldes das sete antigas capitais do Reino de Galicia vimos facer a Ofrenda á que nos comprometemos no ano 1669, e vímolo facer a este Sagrado lugar da Basílica Catedral de Santa María de Lugo que, grazas ao tesón e ao esforzo do Cabido e do Sr. Bispo de Lugo e da responsabilidade política do que foi Ministro de Fomento e Vivenda, o lucense Sr. Blanco, foi rehabilitada para que o Templo Catedralicio, casa de todas e todos aqueles que te buscan e atopan en Ti a paz e o sosego da fe, poida seguir, por xeracións, ofrecendo os servizos relixiosos e espirituais para os que foi concibida”.

Tamén pediu que continúen os labores de rehabilitación da Basílica Catedral, xa que subliñou que “non está todo feito e, por iso, apelo ao traballo en común do Ministerio de Fomento, Institucións, Igrexa e pobo da Diocese de Lugo para que contribúan a que esta rehabilitación finalice. Honra á Relixión Católica, á Arte, á Cultura e ao pobo que a utiliza”.

López Orozco recoñeceu con estas palabras á cidade de Tui por cederlle a súa quenda este ano a Lugo, “agradezo tamén a xenerosidade do Sr. Alcalde de Tui e do Sr. Bispo de Tui-Vigo, cidade e Diocese ás que correspondía este ano facer a Ofrenda para que fósemos eu, en representación dos Alcaldes e da cidade de Lugo, e o Sr. Bispo de Lugo, en representación da Igrexa lucense e galega, os que a realizásemos en agradecemento do remate desta primeira fase das obras”.

Deseguido o Delegado Rexio fixo referencia ós problemas económicos e sociais que nos afectan: “Señor, vimos este ano a Ti cheos de dor polas importantes dificultades económicas e sociais que están pasando moitos dos homes e mulleres que vivimos no noso país, e dos que noutros lugares pasan continuas dificultades motivadas pola guerra ou pola fame, causadas sempre polo egoísmo do ser humano, que non é consciente de que foi irmandado por Deus e pola inxustiza daqueles que ven no outro un exclusivo motivo de explotación ou de simple interese económico”.

“O ser humano queda reducido a un mero valor de uso como se fose unha mercadoría máis nun mercado agresivo no que a única finalidade é a ganancia”, proseguiu o Oferente, quen engadiu “Queremos que nos axudes e nos deas luces para saír desta situación que se nos antolla angustiosa. Hai moitas familias que o están a pasar mal; moitos mozos e mozas que non atopan traballo e non poden facer o seu proxecto de vida, o que os leva a caer na desesperanza; moitas persoas que teñen que emigrar pola fame, polas enfermidades ou pola represión política, que teñen que arriscar a vida e deixar os seus, empuxados pola necesidade; moitas mulleres que sofren mesmo a morte só polo feito de selo; moitas persoas maiores que viven na soidade e na tristura, porque a sociedade e as familias non as consideran necesarias; moita xente enferma pola crueldade de quen antepón o seu beneficio ao servizo aos demais”.

A continuación, preguntouse López Orozco “Señor, que nos pasa? Sendo irmáns, é incomprensible que sexamos tan insolidarios e inxustos; é incomprensible que poidamos permitir tanta inxustiza ao noso redor. Fixemos un mundo no que as cousas e o diñeiro ocuparon un posto relevante, no que ter é moi superior a ser, no que o poder político se someteu ao poder económico e non buscou o ben común, senón, algunhas veces, a defensa dos intereses de minorías insolidarias e avaras”.

“Señor, buscamos a felicidade e chegamos a crer que está só no material. Sabemos que eses bens materiais son necesarios, como a saúde, pero só como medio para conquistala”, reflexionou o Oferente e engadiu “sabemos que hai moitos homes e mulleres, bos e xenerosos, que, co seu exemplo diario, nos fan ter fe no ser humano, que está tan necesitado de referentes éticos nestes tempos e, co exemplo doutros, na transcendencia dese ser errante. Sabémolo e, por iso, queremos ser optimistas respecto do noso futuro. E somos optimistas porque te temos a Ti, que te ofreciches a estar connosco, ata a fin dos séculos”.

O Oferente continuou dicindo ”é verdade que te esquecemos a Ti e a túa predica en moitas ocasións, sobre todo cando cremos que o podemos todo. Xa o fixemos, como se nos di no Antigo Testamento, cando se peregrinaba cara a Terra Prometida. Pero esa peregrinaxe non rematou aínda e, por iso, che pedimos que nos deas forzas para seguir sendo homes e mulleres xustos e solidarios no goberno das cousas deste mundo. Habería pan para todos se no noso corazón reinase esa fame de xustiza e solidariedade que Ti, Señor Sacramentado, nos predicaches. Non deixes que polo mal obrar humano nos desentendamos das persoas que máis o necesitan”.

O Alcalde de Lugo tamén destacou a necesidade dunha Europa solidaria: “Pero os homes somos así ou, mellor, comportámonos así, sobre todo, cando esquecemos a nosa historia e as nosas orixes como civilización. Queremos construír Europa desde a paz e a solidariedade. Está ben, porque outros intentos fracasaron, porque a guerra e a imposición en si mesmas son un fracaso. Pero non esquezamos de onde vimos. Sen a Filosofía Grega, o Dereito Romano e o Cristianismo non podemos entender esta construción, e os valores que a inspiran teñen que estar impregnados desa historia. Teñen sucedido momentos históricos relevantes, pero o fondo espiritual e cultural de Europa é o que é, e por iso hai que respectalo e telo en conta nesa reconstrución se non queremos fracasar. Os valores son fundamentais para cimentar unha sociedade, e co cristianismo compartimos moitos”.

Deseguido indicou, “Señor, estamos angustiados porque nos afectan acotío problemas que nos parecen irresolubles, e problemas de toda índole. Pero non é menos certo que esa angustia non nos paraliza, senón que nos motiva para traballar máis e máis polo ser humano e polos seus intereses lexítimos. E sabemos que non estamos sós e soas, que Ti como bo Pai estás con nós, aínda que ás veces creamos que somos autosuficientes. E aquí, na Catedral de Lugo, estás dun xeito perenne, como queréndonos dicir que nos amas dun xeito especial”.

O Alcalde de Lugo chamou a atención, tamén, sobre as necesidades que ten Galicia. “Cos problemas xerais que viven todos os homes e mulleres, tamén vivimos os galegos. E de sufrir sabemos como ninguén, porque a inxustiza que sufrimos foi palpable ao longo do tempo. A falta de desenvolvemento económico, a emigración, o analfabetismo, a persecución cultural foron pragas que nos perseguiron durante séculos. Hoxe moitas delas están afastadas, pero outras volven. Señor Sacramentado, coida de todas aquelas persoas que marcharon deste país para buscar o pan de cada día, e fainos, por iso, máis solidarios e xenerosos cos que viñeron buscar aquí o seu pan, que foron recibidos cando os necesitamos como man de obra barata, e agora parecen ser a causa de todos os males”.

Noutro momento da Ofrenda, López Orozco pediu que as autoridades saiban facer fronte a esta difícil situación: “Axúdanos Señor a todos os Alcaldes e Presidentes das Deputacións de Galicia para que sexamos fieis servidores dos nosos veciños e veciñas, e saibamos estar á altura das necesidades reais de todos aqueles e aquelas que máis o precisan neste momento. Axuda Señor, tamén, ao resto de autoridades aquí presentes, representadas polo Presidente da Xunta de Galicia, para que contribúan coas funcións que cada unha delas ten encomendada a facer unha sociedade mellor e máis desenvolvida en todas as ordes”.

Máis aló de Galicia, o Delegado Rexio reclamou dos Gobernos de España e Europa políticas solidarias: “Señor, axuda ao Goberno de España e aos membros do Goberno de Europa para que busquen e atopen as políticas económicas e sociais xustas e solidarias, que devolvan aos europeos e europeas a confianza no seu futuro, futuro que temos que construír dun xeito novo para lograr que saiamos todos con ben desta crise, sen que ninguén quede no camiño, e sen sacrificar dereitos sociais que tantos anos e tanto esforzo custou conquistar. Non está a solución en quitarlle a quen menos ten, senón nunha xustiza distributiva que reparta mellor os bens materiais, e nos axude a compartilos cos menos afortunados, sen perder a perspectiva de que eses bens materiais non son un fin en si mesmo”.

O Alcalde de Lugo rematou a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ó Santísimo Sacramento con esta petición: “Dálles Señor á Igrexa, aos fieis e os seus Pastores, a graza para seguir traballando para espallar a Túa mensaxe de amor, de xustiza e de liberdade. Mediante a intervención da nosa Nai dos Ollos Grandes, danos a todas as persoas presentes e ás nosas familias forza e saúde para traballar e conseguir aquilo que queremos para todos e todas, e axúdanos a transformar esta sociedade nun mundo mellor tal como Ti nos predicaches, no que a paz, a solidariedade e a xustiza sexan un fiel reflexo dese home que é consciente da súa penuria e do seu afán de superar esta situación. Move tamén os corazóns dos que tanto fan sufrir aos demais, e axuda a todos aqueles que, desde a paz, están loitando para acabar coa inxustiza e buscan un mundo mellor”.

O Bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, foi o encargado de darlle resposta a Ofrenda do Alcalde López Orozco. A Catedral estivo ateigada de fieis que seguiron esta cerimonia relixiosa tanto no interior como ás portas do templo. Tamén foron moitas as persoas que agardaron no exterior para presenciar o paso da vistosa procesión que saíu da praza de Santa María e continuou o seu percorrido por Bo Xesús, Clérigos, Dean Varela, F. Casas Novoa, Praza Maior, Raíña, Santo Domingo, Armañá, Conde Pallares, o fondo da Praza Marior, F. Casas Novoa e de novo Praza de Santa María.

Unha vez rematada a procesión, as autoridades volveron á Casa do Concello onde remataron os actos.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova