O Concello reclámalle unha vez máis á Xunta de Galicia que tome medidas para garantir a seguridade do Cuartel de San Fernando xa que mantén nun estado tal de abandono o inmoble que o seu deterioro mesmo supón un risco para a seguridade das persoas.
Esta situación, que xa foi denunciada en ocasións anteriores polo Concello, provocou hoxe a caída de parte da cornixa dunha ventá o que obrigou a actuar á Policía Local, ós Bombeiros e a Protección Civil.
Segundo informa a Policía Local, esta mañá recibiuse unha chamada na sala do 092 comunicando que na rúa San Froilán, á altura do número 8 desprendeuse dunha fachada parte da cornixa dunha ventá existindo o risco de desprendemento doutras que se atopaban na mesma situación.
Os axentes que se desprazaron ó lugar comprobaron que efectivamente se desprendera parte dunha cornixa de dimensións considerables do edificio e que tamén ofrecían risco de desprendemento varias cornixas doutras ventás, así como parte da zona superior da fachada colindante coa rúa Quiroga Ballesteros. Por este motivo solicitaron a presenta dunha dotación de bombeiros que se encargaron da retirada dos cascotes que ofrecían máis perigo de desprendemento.
Unha vez retirados os cascotes de pedra, solicitouse ó servizo de Urbaser a retirada dos mesmos da vía pública e posteriormente, o servizo de Protección Civil valou a zona para establecer un perímetro de seguridade.