Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Antón Bao insta á Xunta a facer obras de consolidación no Cuartel de San Fernando para non ter que declarar en ruína o edificio


# Martes, 19/06/2012
O tenente alcalde nacionalista considera “unha contradición que a Xunta declare BIC o Cuartel de San Fernando e despois o deixe caer”

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Bao afirma que a caída onte de cascotes dunha ventá, derivada do estado de abandono do edificio, “é tan só a punta do iceberg” do estado do inmoble, que precisa obras de consolidación nas cornixas, teitos e muros exteriores

O tenente alcalde do Concello de Lugo, o nacionalista Antón Bao, instou hoxe á Xunta de Galiza a facer unha serie de obras de consolidación no Cuartel de San Fernando para evitar que o edificio se siga a deteriorar e se produzan novos desprendementos como o acontecido na mañá de onte.

O tenente alcalde dixo que “é unha contradición que a Xunta declare BIC o Cuartel de San Fernando e logo o deixe caer” e indicou que “a Xunta non pode obrigar aos particulares e ás demais administracións a manter en bo estado edificios que están catalogados cando ela non o fai cos que son da súa propiedade, como é este caso”.

Bao instou á Xunta que “predique co exemplo” e leve a cabo no Cuartel de San Fernando unha serie de obras de consolidación do edificio naqueles elementos máis deteriorados, como son as cornixas, teitos e muros exteriores que eviten “que un edificio catalogado coma este acabe declarado en ruína”. De feito, o tenente alcalde lembrou que o edificio xa ten aberto un expediente urbanístico neste sentido por desprendementos anteriores.

Antón Bao afirmou que “os desprendementos producidos onte foron só a punta do iceberg de como está o edificio”, e dixo que “ademais de supoñer un perigo para os viandantes, está a aféctalle a elementos valiosos que van ser irrecuperables, como as estruturas de madeira dos teitos”.

Perigo para os viandantes e presenza dun colexio cerca

O tenente alcalde ofreceu a colaboración do Concello pero lembrou que o edificio, que se atopa en pleno casco histórico da cidade de Lugo, é titularidade da Xunta de Galiza dende o ano 2010. Bao alertou da presenza dun colexio nas proximidades do Cuartel de San Fernando e dixo que o seu actual deterioro “supón un risco para a seguridade dos viandantes, moitos deles nenos que se dirixen a este centro escolar”.

A caída de parte da cornixa dunha ventá na mañá de onte obrigou a actuar á Policía Local, ós Bombeiros e a Protección Civil. O perímetro do edificio está parcialmente balado ante o perigo de novos desprendementos.

Finalmente, o tenente alcalde denunciou que a Xunta de Galiza mantén nun estado de total abandono o inmoble mentres que o proxecto do futuro Museo da Romanización que está previsto que se sitúe nese emprazamento, “está totalmente parado e non sufriu ningún avance nos últimos dous anos”.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova