Cargando....
Concello de Lugo
22/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo denuncia un novo recorte da Xunta en programas de emprego


# Martes, 19/06/2012
A Concelleira de Economía revela que a Consellería de Traballo diminuíu a 12,3 millóns de euros os fondos para os plans de cooperación que tiñan anunciada unha dotación de 45,1 millóns

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Sonia Méndez lémbralle á Xunta que mañá acaba o prazo para o pago voluntario do IBI e advirte de que, se non pagan a tempo, o IGVS e o Sergas aumentarán considerablemente a débeda que xa teñen contraida co Concello

Para Méndez é triste que unha administración que alardea de solvencia sexa quen máis impostos deixa sen pagar en Lugo



A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, denunciou hoxe un novo recorte feito pola Xunta a programas de emprego. Sonia Méndez deu conta dunha orde da Consellería de Traballo que reduce case nun 75% o presuposto para os programas de cooperación cos Concellos respecto do importe anunciado na convocatoria destes programas.

Méndez expresou a preocupación do Goberno local de Lugo “pola falta de programas de emprego da Xunta de Galicia, que, a pesar de ostentar as competencias de políticas activas de emprego, están de capa caída e van a peor”.

Como proba da pasividade do Goberno galego fronte ó problema do paro “cando máis se necesitan os programas de emprego”, a Concelleira de Economía explicou que a Xunta vén de reducir a 12,3 millóns de euros o presuposto dos programas de cooperación.

Méndez indicou que no mes de febreiro a Consellería de Traballo fixo pública a convocatoria destes programas de cooperación para 2012 por un importe de 45,1 millóns de euros, o que xa supuxo unha importante redución respecto dos 75 millóns de euros do ano ano pasado, e agora acaba de ditar unha orde na que reduce o presuposto a 12,3 millóns de euros.

Para a Concelleira de Economía, este recorte “supón reducir á mínima expresión estes programas o que resulta incomprensible nun momento con taxas de paro tan altas, no que máis se necesitan incentivos á contratación de persoal e, en definitiva, o crecemento económico de Galicia”

Esta orde que rectifica a convocatoria inicial fíxose pública logo de que o Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, José Manuel Rey Varela, enviou unha carta á Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, o día 6 de xuño, na que se facía eco da “inquedanza dun numeroso grupo de Concellos” e solicitoulle información sobre as datas de previsible resolución das solicitudes dos programas de cooperación, así como da contía para este ano 2012”. Ademais, o Presidente da Fegamp expoñíalle na misiva remitida á Conselleira que “o atraso na resolución e mais a falta de noticias certas está a xerar dúbidas no mundo municipal, máxime cando se está a piques de dar comezo á tempada de piscinas, praias e de lumes, dependendo, como vostede ben coñece, a contratación do persoal destes programas”. O texto continúa sinalando que “os Concellos queren coñecer o escenario no que se atopan, para adoptar as decisións oportunas en caso de non contar con estes planes”.

Méndez reclamou que se resolva canto antes esta convocatoria e que se faga un reparto obxectivo destes escasos fondos, xa que a Xunta vén practicando unha distribución “totalmente partidista dos escasos fondos que adica á creación de emprego”.

A Concelleira tamén criticou ó reparto clientelar dos fondos para emprego que fixo a Xunta nos últimos anos. Lembrou que na última convocatoria feita de escolas obradoiro, no ano 2010, só foron beneficiados, na provincia de Lugo, concellos gobernados polo Partido Popular e, no caso dos programas de cooperación fíxose “un reparto tan escandaloso de fondos que o Concello de Quiroga recibiu 2.100 euros por cada parado e o de Lugo 26 euros por parado”.

“Sempre se pode reducir gastos noutras cousas”, subliñou a Concelleira que recordou os proxectos en materia de emprego que ten en marcha o Concello como o Lugo Emprego Activo, o Lugoquálitas ou o novo Plan Piles.

O Concello de Lugo solicitou este ano 1.172.590 euros dos programas de cooperación para a contratación de 54 traballadores para distintos labores sociais, asesoramento de emprendedores, desbroces ou salvamento acuático, entre outros.

Débedas polo impago de impostos

A Concelleira de Economía tamén destacou que “mañá remata o período de pago en voluntaria do Imposto de Bens Inmobles correspondente a 2012 e, se non pagan entre hoxe e mañá, vaise incrementar considerablemente a débeda que manteñen co Concello distintos departamentos do Goberno galego, como o Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Sergas”.

“Todas as administracións estamos a sufrir unha redución de ingresos, pero o triste é que ó Concello de Lugo o maior problema estallo ocasionando, polo impago de impostos, a Xunta, unha administración ´solvente` segundo di o seu Presidente e non os cidadáns e as familias, que son os que máis están sufrindo a crise”, salientou a Concelleira de Economía.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo adebédalle ó Concello 330.000 euros, o Sergas outros 490.000 polo IBI do Hospital, e outras Consellerías adebedan 90.000 euros principalmente polo impago do imposto de vehículos.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova