Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Adxudicado por 39.589 euros o concurso para a produción de espectáculos no auditorio Gustavo Freire no ano 2012


# Mércores, 20/06/2012
A empresa gañadora foi a lucense Alenti cunha rebaixa económica de
20.000 euros sobre o prezo de saída


A adxudicación das obras para a adecuación dos locales da Escola de Música queda pendente da subsanación de erros por parte das empresas presentadas

A Mesa de Contratación adxudicou hoxe á empresa lucense Alenti o concurso para a produción técnica de espectáculos no auditorio municipal Gustavo Freire no segundo semestre deste ano 2012 por un importe de 39.589 euros, case 20.000 euros por debaixo do prezo inicial de saída (59.000 euros). Ao concurso presentáronse outras catro empresas, todas de Lugo.

A empresa gañadora inclúe nese prezo a produción audiovisual de 50 espectáculos, así como a apertura, vixiancia e custodia das instalacións así como o servizo de taquilla. Ata agora estes traballos viñan contratándose espectáculo por espectáculo, o que encarecía os prezos. O tenente alcalde e responsable da área de Cultura, o nacionalista Antón Bao, afirmou hoxe que con este contrato conxunto lograráse unha “mellora técnica” en cuestións como o son e a iluminación, ademais dun “importante aforro económico”.

Bao destacou o importante aumento de actividade logrado nos últimos meses no auditorio Gustavo Freire, que rexistra nestes momentos unha media de ocupación de entre 15 e 20 días ao mes. Bao dixo ademais que o auditorio Gustavo Freire “ten que ser o referente cultural en Lugo mentras non teñamos outro auditorio na cidade”.

Imaxe, son, montaxe de escenario e mantemento

O No prego establécense as condicións, medios técnicos e humanos esixibles á empresa para o desenvolvemento da actividade cultural que o Concello programe neste período contractual (ata o 31 de decembro) para o Auditorio Municipal Gustavo Freire. Contemplanse, neste prego, aqueles servizos que, por eficacia e operatividade, deben encomendarse á empresa que resulte adxudicataria, a saber:
  • Produción de eventos.
  • Custodia e vixiancia do edificio e dos seus contidos.
  • Mantemento de equipos e maquinaria escénica.
  • Reparacións menores nas instalacións do edificio.
  • Taquilla e outros.

As obras da Escola de Música, pendentes da subsanación de erros das empresas

Na Mesa de Contratación celebrada hoxe tamén estaba previsto contratar as obras de adecuación de espazos na primeira planta do Centro Social Uxío Novoneyra para acoller a Escola de Música. Sen embargo, a adxudicación quedou pendente da subsanación de erros na documentación presentada por parte dalgunhas empresas. Déuselles un prazo de tres días para subsanar estes erros.

Segundo informou o tenente alcalde, Antón Bao, as obras a realizar contarán cun orzamento aproximado aos 100.000 euros, necesarios para transformar en aulas o espazo que actualmente ocupa unha das salas de exposicións do Centro Social Uxío Novoneyra, así como a súa insonorización. En total, a Escola Municipal de Música, que estará ubicada no Centro Social Uxío Novoneyra, onde xa ten o seu local de ensaio a Banda Municipal, ocupará 332 metros cadrados repartidos en 14 aulas.

Ademais de 11 aulas de entre 6 e 12 metros cadrados para ensaios individualizados por cada un dos distintos instrumentos, haberá unha aula de ensaio para clases colectivas, de 62 metros cadrados de superficie, unha sala de informática para edición de partituras e unha sala de usos múltiples pensada para ensinanzas musicais que requiran movemento, acondicionada co chan acolchado e espellos nas paredes. Tamén formarán parte das dependencias da Escola de Música o actual local de ensaio da Banda Municipal, así como o salón de actos do Uxío Novoneyra, que acollerá concertos e actuación. Manteráse en funcionamento unha das salas de exposición do Centro Social, de 230 metros cadrados. As obras levaranse a cabo nos meses de xullo e agosto e os traballos estarán rematados antes do inicio das clases o próximo curso.

A Escola de Música terá un enfoque eminentemente práctico, afirmou o responsable de Cultura do Concello. Impartiranse un total de 21 materias, entre as que haberá a aprendizaxe de 12 instrumentos distintos principalmente de vento e percusión e 9 materias teóricas de apoio e formación musical.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova