Cargando....
Concello de Lugo
01/04/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Antón Bao asegura que "se a Xunta ten contratado un proxecto para facer obras no Cuartel de San Fernando será porque o edificio é seu"


# Mércores, 20/06/2012
O tenente alcalde nacionalista pídelle ao Goberno de Feijóo que se deixe de “pamplinas e disculpas” e actúe xa en San Fernando para evitar que caia

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Luís Álvarez manifesta que “a peculiar forma de entender o urbanismo dos anteriores gobernos do PP fará que todos os lucenses teñamos que pagar máis de 7 millóns de euros nas expropiacións da Ronda do Carme”

O tenente alcalde do Concello de Lugo, o nacionalista Antón Bao, zanxou hoxe a polémica coa Xunta sobre a titularidade do Cuartel de San Fernando dicindo que se a Xunta de Galicia ten contratado un proxecto para facer obras no Cuartel de San Fernando será porque o edificio é seu, senón estaría cometendo unha ilegalidade. “Máis pamplinas e desculpas non”, dixo Bao, que instou de novo á Xunta a facerse cargo do edificio e acometer de maneira urxente unha serie de obras de consolidación para evitar que o edificio caia.

Na rolda de prensa logo da Xunta de Goberno, o tenente alcalde dixo que “é unha obviedade que se a Xunta contratou un proxecto para facer obras en San Fernando para destinalo a Museo da Romanización é porque o edificio é seu, do mesmo xeito que o Concello de Lugo non pode facer obras por exemplo na Cidade da Cultura porque non é súa”, argumentou.

Por iso pediulle á Xunta “que dea a cara e actúe de inmediato no Cuartel de San Fernando para evitar o seu deterioro” e instou ao portavoz do PP no Concello, Jaime Castiñeira, “tan amigo como é el de explicar os aspectos legais da normativa urbanística, como fixo a Xunta para licitar e contratar un proxecto para facer obras no edificio se non é da súa titularidade”.

O tenente alcalde dixo que “isto non deixa de ser unha desculpa máis da Xunta do PP para non investir en Lugo e castigar así aos cidadáns desta cidade”, igual que aconteceu co Plan Paradai ou os retrasos na construción do auditorio ou na limpeza da Muralla. “É un castigo constante da Xunta do PP a esta cidade”.

Bao cualificou de “inoperante” ao actual Goberno da Xunta de Feijóo, que aínda non ten feita a escritura do edificio pese a que lle foi cedido por parte do Concello de Lugo no ano 2010. “Pero o que non se pode facer é mentir para tapar a súa inoperancia”, insistiu o tenente alcalde.

Antón Bao dixo que a simple vista semella que os desprendementos producidos esta semana nas cornixas dunha das ventás son só a punta do iceberg de como está o edificio, e dixo que “ademais de supoñer un perigo para os viandantes, está a aféctalle a elementos valiosos que van ser irrecuperables, como as estruturas de madeira dos teitos”. Pediu coñecer como está o edificio por dentro e dixo que “a Xunta é quen ten as chaves e técnicos da Xunta inspeccionaron este luns o seu estado”.

Expropiación

Pola súa parte, o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez , informou que “todos os lucenses poden comprobar no BOP do 22 de xuño de 2011 a explicación da necesidade da expropiación dos terreos do Carmen, nós non enganamos”, en referencia ás declaracións ofrecidas polo voceiro do grupo municipal do Partido Popular en relación coas expropiacións dos terreos da ronda do Carmen.

Álvarez deu lectura a dous dos parágrafos que establece a sentenza e que din que “as condicións para a delimitación do ámbito establecidas na sentenza 824/1994, dan lugar a parcelas illadas que non forman mazás polo que é necesario delimitar unidades urbanas equivalentes para a redacción de estudos de detalle”. Para que isto se faga efectivo, deu lectura ao seguinte texto “os terreos destinados a sistemas xerais que se teñan que implantar sobre solo rústico ou urbano consolidado obteranse mediante a expropiación forzosa”.

Neste sentido, o responsable da área de urbanismo, preguntábase “estas expropiacións son ou non son consecuencia da sentencia? É evidente que si” e afirmaba que “tamén é consecuencia da sentenza que os lucenses teñamos que pagar máis de 7 millóns de euros por culpa da forma peculiar de entender o urbanismo que tivo o goberno popular neste concello”. Ademais, Luis Álvarez, acusaba ao Partido Popular de querer confundir aos veciños e veciñas ocultando e falseando a realidade.

Acordos XGL
O Concelleiro de Urbanismo, en referencia aos acordos tomados na Xunta de Goberno desta mañá, explicou que se prorrogou o contrato polo prazo dun ano, ata o 19 de maio de 2013, cun máximo anual de 226.968,08 euros, á empresa encargada de prestar o servizo de actividades extraescolares levadas a cabo pola Concellería de Educación.

Tamén informou que se aprobou a licenza para cambio de uso de 25 locais sen uso a vivendas na unidade de actuación CS-15. Sobre este punto, Luis Álvarez, explicou que “este tipo de expedientes corresponden a unha limitación que tiña o antigo Plan de Ordenación Municipal que establecía para cada unha das zonas da cidade un concepto que era o de densidade de vivendas”. Esta limitación revelouse de forma inmediata como un erro e “no novo Plan este concepto xa non existe polo que, tras o oportuno expediente e obras de adecuación, aqueles locais que estean sen uso determinado e que agora cumpran a normativa do hábitat, vixente dende o 2010, poden concedérselles a licenza para cambiar de uso e polo tanto poidan ser vivendas.”

Outro dos acordos que se tomaron foi a execución das sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na que se anulan o acordo no que se aprobou a oferta pública de emprego para o ano 2009 no referido ás 8 prazas ofertadas na subescala facultativa do corpo da Policía Local ao considerar que non cumpre co 25% de prazas baixo concurso oposición en relación ás diferentes escalas senón que se basean no total.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova