Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Mañá ábrese de novo ao tráfico a rúa Dona Urraca logo da eliminación do tapón urbanístico que dificultaba a circulación dende hai décadas


# Xoves, 21/06/2012
A actuación, na que se investiron preto de 50.000 euros, servirá para mellorar as comunicacións entre os barrios de Lamas de Prado e A Piringalla

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A concelleira de Infraestruturas, Paz Abraira, explica que esta actuación, coa que a calzada gaña varios metros de anchura, posibilita o paso no futuro dunha das liñas do bus urbano por esta zona

Colocaranse bolardos para delimitar a zona de paso dos peóns que deste xeito gañarán seguridade. A zona e moi transitada por nenos e nenas que se dirixen aos colexios e institutos da Piringalla e por persoas maiores que van ao centro social do Castiñeiro


Mañá quedará aberta ao tráfico a prolongación da rúa Dona Urraca logo da eliminación do tapón urbanístico existente nesta zona, na confluencia das rúas Camiño Verde e Dona Urraca. Os traballos de reasfaltado remataron hoxe, polo que o novo vial, que gaña varios metros de ancho, estará mañá plenamente operativo.

A concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, que visitou esta mañá as obras, explicou que a eliminación deste tapón urbanístico era unha “demanda histórica” dos veciños da zona. O inmoble número 102, que se atopaba abandonado e fóra de ordenación, foi derrubado para mellorar o paso nunha zona que ata agora era moi estreita. O ensanchamento da rúa facilitará a conexión das rúas Dona Urraca e Camiño Verde con Mar Cantábrico e servirá para mellorar as comunicacións entre os barrios de Lamas de Prado e A Piringalla, no norte da cidade.

“Trátase dunha demanda histórica dos veciños desta zona de Lugo, que levan décadas pedindo que se solucione este problema”, explicou esta mañá a concellería do BNG, que indicou que “o paso no que se vai actuar é empregado diariamente por cativos que se dirixen aos colexios da zona, por persoas maiores que van ao centro social da Praza do Castiñeiro e por numerosos vehículos que o utilizan como atallo para dirixirse á zona norte da cidade”, polo que debido ao seu paso estreito e con nula visibilidade constituía un gravísimo perigo para a seguranza vial.

O ensanchamento posibilita o paso do bus urbano por esta zona

A actuación que se acometeu consistiu no derrubamento do inmoble que supuña o entullo, que estaba deshabitado en en situación de ruína eminente, e o ancheado e asfaltado da rúa, que gañou varios metros de ancho. Paz Abraira explicou que deste xeito os buses urbanos poderán pasar por esta zona, polo que se estudará a posible implantación a partir do vindeiro ano dunha liña de transporte público.

Esta obra foi posible despois de longas e dificultosas xestións coa familia propietaria do inmoble, en mans de moitos herdeiros. O Concello conseguiu no pasado mes de outubro facerse coa titularidade da casa, a número 102 da rúa Dona Urraca, así como dunha parcela anexa. Tanto a vivenda como a súa finca están cualificados no Plan Xeral como viario, pero forman parte dun polígono de actuación que non se desenvolveu.

A concelleira de Infraestruturas agradeceu esta cesión ao Concello, efectuada de xeito gratuíto e voluntario por parte dos propietarios, o que permitiu acometer esta mellora na cidade de maneira inmediata, sen agardar que se desenvolva a unidade de actuación. Os donos non perden os dereitos edificatorios, que os farán efectivos no momento de desenvolverse a unidade de actuación.

A superficie total na que se actuou é de 64 metros cadrados (51 metros cadrados do inmoble e 13 metros cadrados da finca anexa). Os traballos consistiron na demolición e desescombro da casa, para proceder a continuación á repavimentación da rúa e á delimitación dunha zona para o paso dos peóns. Os traballos de derrube e asfaltado foron acometidos polas empresas lucenses Canalugo e Asogal por un importe de 8.017,42 e 27.297,78 euros respectivamente.

Coñeza as obras en marcha.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova